Dende hai días, son moitas as
propostas culturais que se atopan na rede co obxectivo de amenizar o
confinamento. Con este post pretendemos achegarvos algunhas delas, pero en
primeiro lugar gustaríanos difundir unha iniciatiava que se está levando a cabo
dende a nosa universidade, xa que a UDC, a través da Vicerreitoría de
Igualdade, Cultura e Deporte, abriu unha canle en UDCTV con vídeos en aberto para promover a
actividade física na casa. Trátase de pequenos vídeos para que calquera persoa,
aínda que non faga exercicio físico de forma habitual, poida comezar a moverse
no fogar.
Centrándonos xa noutras
suxestións de ocio, practicamente tódolos sectores culturais ofrecen
alternativas para adaptar os seus espazos ou servizos físicos aos virtuais:
artes escénicas, museos, editoriais...Vexamos a continuación algúns exemplos.
A lectura é unha das
propostas máis recorrentes que atopamos, e son moitas as editoriais que ofrecen
os seus libros electrónicos gratis para facer máis levadío o confinamento. É o
caso de Planeta, que pon ao dispor da cidadanía unha
selección dalgúns dos libros máis populares, dispoñibles para descarga ata o 31
de marzo. Ademais tamén ofrece diariamente unha axenda de actividades con
diferentes autores que, dende as súas casas, realizan directos en redes sociais
para dar consellos e propoñer actividades para as familias. Se queredes coñecer
outras editoriais que ofrecen este tipo de contidos recomendámosvos a
recompilación realizada por Julián Marquina no post “24 editoriales ofrecen sus libros electrónicos gratis para
hacer más llevadera la cuarentena”.
O turismo virtual é outra
alternativa ao confinamento, e son numerosos os museos de todo o mundo
que ofrecen un tour virtual ou actividades alternativas. É o caso do Louvre,
o British Museum, o MET, etc. En España, o Museo del
Prado, ademais de ofrecer visitas virtuais e actividades en familia
online, todos os días sobre as 10:00 h, fan un directo con percorridos polas
salas ou explicacións de cadros.
Nas artes escénicas
destacamos a Teatroteca, plataforma do Ministerio de
Cultura que abre a posibilidade de ver unhas 1.500 obras de teatro do seu
catálogo, desde o Século de Ouro ata a actualidade. Entre os títulos atópanse
clásicos como 'La casa de Bernarda Alba', 'La vida es sueño' ou 'Bodas de
sangre'.
En canto ao cine, ademais
das plataformas online que todos coñecemos, xurdiron outras iniciativas
interesantes como a da Filmoteca Española con "Doré en casa", na que ofrece a través da
súa canle de Vimeo, as últimas películas restauradas e recuperadas. Un material
inédito que adoita formar parte da programación da súa sede en Madrid. RTVE
tamén propón na súa web algúns títulos do cine español con
candidaturas, nominacións e premios para visionar de forma online e gratuíta.
Outro recurso de interese son as bibliotecas
virtuais, que proporcionan acceso a manuscritos, libros, fotografías,
mapas, vídeos… e outros materiais procedentes de coleccións dixitais de
arquivos, bibliotecas, universidades, museos, etc. Un exemplo é a Biblioteca
Digital Mundial, que dá acceso a moitos tesouros culturais do mundo.
Nesta ligazón da web da nosa biblioteca podedes
consultar unha listaxe exhaustiva doutras bibliotecas dixitais.
A prensa tamén pon o seu
gran de area elaborando seccións especiais nas súas páxinas con suxestións
culturais. É o caso do xornal La Vanguardia, que recomenda cada día unha
selección de propostas no ámbito da música, o cine, as series e a literatura,
ou o suplemento Babelia de El País, que baixo o título
“Kit de supervivencia cultural para el encierro”,
recomenda cada día os mellores libros, discos, películas, series, cómics e
videoxogos para gozar en casa.
Por último, no caso de Galicia, A
Xunta propón unha programación de lecer cultural para toda a familia no eido
dixital coa campaña #aculturasegue: conxuntos monumentais como catedrais e
mosteiros abren as súas portas en visitas virtuais ou o Portal da Lingua Galega
oferta numerosos recursos didácticos para os máis novos con xogos e propostas
interactivas, entre outros. Esta programación pódese consultar nesta ligazón. Outra curiosa iniciativa vén da man
da rede Patrimonio Lúdico Galego, que está a facer unha escolma de xogos tradicionais para o interior do fogar.
Como vedes, as opcións para o
entretemento son infinitas e estas son só algunhas propostas, animámosvos a
botar outra ollada pola rede que seguramente atoparedes algo do voso interese.
No hay comentarios:
Publicar un comentario