Como xa sabedes, as bibliotecas da UDC están
pechadas ata novo aviso por mor da situación xerada polo COVID-19. Con todo, o
persoal bibliotecario continuamos traballando dende as nosas casas para seguir
atendéndovos (en horario de 9.00 a 19.00 h., segundo a última resolución
reitoral). Podedes contactar connosco a través de diversos medios:
- Correo electrónico: neste directorio
podedes consultar os enderezos electrónicos de tódalas bibliotecas da UDC.
-
Contacta
coa biblioteca: formulario en liña a través do que nos podedes achegar
calquera consulta ou dúbida que teñades.
- Por teléfono: para coñecer as
extensións telefónicas nas que atende cada biblioteca, recomendámosvos consultalo
nas súas redes
sociais, as cales tamén seguen activas durante este período.
- Algunhas bibliotecas tamén
atenden a través da aplicación Microsoft Teams (consultalo nas súas redes
sociais).
Ao estar pechadas as instalacións, os servizos de
préstamo e consulta en sala quedan totalmente suspendidos. Os préstamos que os
usuarios tiñan ata o momento de peche, quedaron prorrogados automaticamente ata
o 31 de marzo. Os préstamos cuxa data de devolución sexa posterior ao 31 de
marzo (é o caso dos préstamos por curso
académico e tamén pode ser o caso dos préstamos de 30 días), evidentemente manteñen a data de
devolución orixinal. O préstamo interbibliotecario, segue funcionando pero só
para a xestión de solicitudes de documentos electrónicos, non se poderán pedir
libros a outras bibliotecas nin
documentos que teñan que ser escaneados.
A pesar deste peche temporal, a
biblioteca pode seguir ofrecéndovos acceso a moitos recursos. Lembrade que
dende hai tempo a colección é moito máis que libros en papel e conta cunha gran
colección dixital formada por bases
de datos, libros
e revistas
electrónicas, á que podedes acceder
dende fóra da universidade autenticándovos nesta ligazón como membros da
comunidade universitaria.
Ademais, algunhas bases de datos
modificaron as súas condicións para adaptarse á nova situación. É o caso de AENORmás,
que de forma temporal durante un mes e revisable se continuase a situación
actual, en lugar dos puntos de descarga físicos habilitados nas bibliotecas, permitirá
a descarga das normas dende calquera ordenador conectado á rede da UDC, e polo tanto, dende as vosas casas autenticándovos
previamente.
Do mesmo xeito, varias editoriais
científicas están a ter iniciativas poñendo en aberto recursos de interese para
a comunidade universitaria. Xa vos informamos delas a través das nosas redes sociais, pero tamén as
poderedes consultar próximamente na sección de Actualidade da web “Recursos en
aberto durante a crise sanitaria do COVID-19”.
Ademais da colección electrónica subscrita, na
web da biblioteca tamén se recompilan recursos gratuítos de apoio á aprendizaxe
e á investigación: recursos
xerais de interese para todas as disciplinas (como bibliotecas virtuais ou
buscadores académicos) e recursos
por materias concretas.
Outro recurso de moito interese é
o RUC, o repositorio institucional da
UDC, onde podedes consultar e descargar o texto completo das teses lidas na nosa
universidade, agás que teñan un embargo temporal (período de tempo que o autor
solicita, durante o que soamente está dispoñible a referencia e o resumo da
tese). Tamén atoparedes máis de 4000 traballos académicos (TFG
e TFM), aqueles seleccionados polas comisións académicas correspondentes de
cada titulación.
Así mesmo queremos destacar as INFOguías UDC,
elaboradas nos últimos anos para ofrecer información de apoio á actividade
docente e investigadora. Nelas atoparedes moita información útil para o voso
traballo. Por exemplo, no caso dos estudantes a guía de Citas e referencias
bibliográficas axudaravos a ver como se redactan as citas e referencias nun traballo académico; ou no
caso de PDI, a Guía para
publicar proporciona consellos para seleccionar as revistas máis apropiadas
e tratar de maneira efectiva o proceso de publicación.
Xa por último, lembramos que nas
redes sociais do Servizo de Biblioteca (Facebook,
Twitter, blog), irémosvos informando
das novidades da biblioteca nestes momentos e seguiremos compartindo novas e
información de interese, ao igual que nas redes
sociais das diferentes bibliotecas
de centros. Nestes momentos intentaremos estar para vós tan preto como poidamos,
co obxectivo de axudarvos no que estea nas nosas mans durante estas semanas que
temos por diante.
No hay comentarios:
Publicar un comentario