Dende hai tempo, REBIUN
vén dedicando unha atención especial a todo o movemento do acceso aberto, que
se caracteriza polo acceso libre e gratuíto en Internet á literatura de
carácter académico ou científico, sen barreiras financeiras, técnicas ou
legais. A única condición é dar ao autor o control sobre a integridade do seu
traballo e recoñecer o seu dereito para ser citado.
Unha nova declaración de REBIUN a
favor deste movemento xurdiu estes días como consecuencia da crise que
atravesamos na actualidade, manifestando que na loita contra a pandemia da
COVID-19 resaltou a importancia de compartir o coñecemento científico de
maneira inmediata e aberta entre a comunidade investigadora.
Esta declaración, ademais de por
REBIUN, está asinada pola CRUE, consorcios de bibliotecas (entre eles o
Consorcio de
Bibliotecas Universitarias de Galicia) e outros grupos de compra,
asociacións e institucións. Todos eles queren expresar que, como subscritores
de revistas para bibliotecas académicas, o coñecemento mundial é patrimonio da
humanidade e que o mundo actual precisa que esté accesible de forma aberta e
inmediata por parte de calquera persoa.
Ademais, recalcan que aberto non
significa gratis e son conscientes de que a comunicación científica ten os seus
custos. As institucións asinantes non queren deixar de contribuir ao seu custo,
pero consideran que o diñeiro que xa se está pagando en subscricións ás
publicacións científicas debe ser suficiente para manter o sistema actual ao
mesmo tempo que se poñen en acceso aberto.
A declaración íntegra pódese
consultar nesta ligazón.
REBIUN tamén vén de firmar a Declaración da ICOLC sobre a pandemia mundial
COVID-19 e o seu impacto nos servizos e recursos da biblioteca. Esta
declaración, escrita en nome dos consorcios de bibliotecas de todo o mundo que
participan en ICOLC, materialízase en oito puntos con peticións para que os
editores poñan en práctica accións encamiñadas a eliminar barreiras e
flexibilicen o acceso á información científica e a súa difusión. Unha destas
peticións é que calquera contido e os conxuntos de datos relevantes acerca da
COVID-19 se poñan en acceso aberto inmediato, posibilitando así que os médicos
e investigadores poidan acceder a toda a literatura científica dispoñible, que
en moitas ocasións está suxeita a subscricións.
O acceso a outros recursos
académicos, non só aos de saúde, tamén se ve afectado por esta crise e debe ser
igualmente aberto. Neste sentido, o consorcio Couperin. org, ADBU e EPRIST agradecen aos
editores que xa se esforzaron, nestas circunstancias excepcionais, por abrir as
súas publicacións a todos, e chaman a todos os editores a facer o mesmo, na
preocupación común polo ben público que debe unirnos.
Así, numerosas editoriais están a
levar a cabo iniciativas para poñer ao dispor da comunidade universitaria un
gran número de recursos electrónicos, habilitando o acceso gratuíto a unha
parte importante da súa produción. Na web da nosa biblioteca recollemos nesta páxina ditas iniciativas. Tamén contamos cun
apartado específico de recursos abertos sobre a COVID-19.
No hay comentarios:
Publicar un comentario