viernes, 10 de abril de 2020

A plataforma de libros electrónicos eLibro



Na situación extraordinaria que estamos a vivir na actualidade, os servizos e recursos dixitais da Biblioteca da UDC están a cobrar gran importancia para non deixar de atender as necesidades de consulta tanto para o estudo como para a investigación. Na web da biblioteca creamos a páxina “A BUDC queda na casa”, na que se recollen todas as novas relevantes para os nosos usuarios en canto a prestación de servizos e recursos en liña mentres dure a situación de confinamento. Nela figuran os “Recursos en liña da BUDC”, e para acceder a eles só é necesario autenticarse previamente premendo na ligazón Acceso desde fóra da UDC. Entre estes recursos atópanse os libros electrónicos, sempre dispoñibles para a súa consulta, pero que nestes momentos seguramente incrementarán o seu uso. Do conxunto de libros electrónicos dispoñibles na colección subscrita pola Biblioteca, neste post queremos destacar a plataforma eLibro, da que a Biblioteca vén de subscribir un novo acceso.

Trátase dunha plataforma con máis de 100.000 libros electrónicos académicos en español de tódolos ámbitos temáticos, dirixida ao estudantado, profesorado e persoal investigador, entre os que se recollen obras recomendadas nas bibliografías dos diferentes graos e mestrados da UDC.
Aínda que para realizar buscas ou ler libros en liña non é necesario estar rexistrado na plataforma, para utilizar algunhas funcionalidades de eLibro sí que é imprescindible crear unha conta persoal na mesma, preferiblemente co correo institucional. Estas funcionalidades inclúen: 
  • Descarga de libros baixo unha modalidade de préstamo
  • Gardar nun estante persoal as ligazóns a libros de interese
  • Escribir anotacións ou resaltar en cores parágrafos dentro dos libros
  • Crear carpetas (no estante persoal) que permitirán organizar os libros de interese
  • Compartir carpetas ou enviar por correo electrónico a información coas ligazóns aos libros que gardamos
Para crear unha conta persoal en eLibro será necesario premer na ligazón “Registrarse” que se sitúa no menú superior dereito.
eLibro ofrece catro tipos de busca: rápida, avanzada, filtrada e por temas. Pódese refinar a busca usando filtros e unha ampla gama de criterios que inclúen: autor, editorial, data de publicación, etc.
De cada libro o usuario ten dispoñible ata o 40% do mesmo para copiar ou imprimir a PDF o texto, restrición que se impón en canto á protección dixital de dereitos de autor.
A páxina de detalles de cada título prové información acerca da cantidade de copias que ten a institución, os permisos de copias/impresión de páxinas e se o libro está dispoñible para a lectura en liña e/ou a descarga completa. Na maioría dos casos os libros teñen acceso ilimitado.
Ademais, os libros electrónicos de eLibro que son bibliografía recomendada están incorporados ao catálogo da biblioteca.

Para coñecer o uso da plataforma, estes días realizáronse sesións de formación sobre a mesma, dirixidas tanto ao estudantado como ao PDI. Posibles futuras sesións anunciaranse na sección de Actualidade da web da biblioteca, así como nas nosas redes sociais.
Con todo, se non puidestes asistir, a plataforma pon á vosa disposición este material de axuda, así como estes vídeos nos que presentan a plataforma, exemplifican como realizar buscas ou dan conta das ferramentas para a lectura online e offline, entre outros.

No hay comentarios: