jueves, 16 de abril de 2020

Digitalia Hispánica: libros e revistas electrónicas a texto completo



A Biblioteca Universitaria ten subscrito ata o 6 de maio o acceso á plataforma Digitalia Hispánica, que conta con máis de 35.000 libros e revistas electrónicas de todas as materias a texto completo.
Coa subscrición tamén se activa o préstamo con Adobe DRM para poder ler sen estar conectado a Internet. Para descargar ebooks será necesario crear unha conta persoal en Digitalia a través da opción “Login” situada na parte superior dereita da plataforma, ademais de instalar o software gratuíto Adobe Digital Editions no ordenador ou tableta. Se desexades realizar a descarga dende un dispositivo móbil, necesitarase unha aplicación que sexa capaz de ler documentos con DRM. Dende Digitalia recomendan a App gratuíta PocketBook, aínda que se poden utilizar outras Apps (Aldiko, Adobe Digital Editions, etc.)
Cada usuario poderá ter en préstamo 5 documentos de xeito simultáneo, cunha duración de 20 días. Poden devolverse antes da finalización deste prazo, pero hai que ter en conta que como máximo se permiten 8 descargas ao día. A plataforma é multiusuario, polo que non é preciso que un usuario devolva a obra para que outro a descargue.
A conta persoal, ademais de permitir a descarga de libros electrónicos e de ter acceso a eles sen conexión a Internet, tamén permitirá:
  • Realizar seleccións de títulos
  • Gardar as listas de títulos seleccionados e asignar nomes ás listas
  • Gardar as notas e marcadores que se realicen nos libros que consultedes
  • Lembrar a páxina onde quedastes lendo en todos os libros aos que accedestes
  • Acceder ao historial de visitas e préstamos

En canto aos tipos de busca, Digitalia ofrece varias alternativas: a busca simple, situada na barra superior, permite seleccionar o campo polo que se desexa buscar: título, autor, ISBN ou ben seleccionar “Texto completo” se se desexa buscar por palabra clave no interior do documento. Tamén se pode utilizar o buscador avanzado para facer máis específica a busca. Ademais, conta con cinco accesos directos: novidades, ebooks, ejournals, ecollections e editoriais:
è En “ebooks” obtense unha listaxe de materias nas que están clasificados os documentos
è En “ejournals” pódese navegar polas revistas, en orde alfabética ou ben por materia
è “Ecollections” son coleccións temáticas que poden conter tanto libros como revistas e incluén unha ou varias materias
è Por último, hai unha listaxe das editoriais que integran a base de datos de Digitalia, podendo seleccionar unha delas para ver todos os seus títulos.
De cada título atoparedes unha ou varias opcións de visualización do documento: en formato pdf, epub ou audio. Tamén é interesante que dispoñedes da opción de exportar a ficha de cada exemplar aos xestores bibliográficos RefWorks ou Endnote.

Se necesitades información máis detallada sobre esta plataforma, Digitalia ofrece esta completa páxina de axuda, que entre outros materiais conta cunha Guía de uso, unha Guía para descargar textos completos (pdf) ou este videotitorial de Presentación e guía de uso de Digitalia Hispánica.
Por último, lembrámosvos que para acceder dende fóra da universidade tanto a esta plataforma como aos demais recursos electrónicos subscritos pola biblioteca, é necesario autenticarse previamente coas vosas credenciais persoais da UDC premendo na ligazón Acceso desde fóra da UDC.

No hay comentarios: