viernes, 17 de abril de 2020

A plataforma de libros electrónicos Unebook





O Servizo de Publicacións da UDC adheriuse ao acordo de intercambio científico UNE-REBIUN e por iso a Biblioteca da UDC ten acceso á plataforma de libros electrónicos Unebook, da editorial UNE (Unión de Editoriales Universitarias Españolas). A colección conta cuns 12.000 libros de carácter multidisciplinar, publicados polas editoriais e servizos de publicacións das universidades e centros de investigación españois, entre os que figuran libros de divulgación, traducións, edicións críticas... As entidades asociadas pódense consultar nesta ligazón.
Aínda que na plataforma figura a opción de “Iniciar sesión”, non é necesario rexistro previo para acceder aos contidos, xa que o acceso é institucional. Soamente sería necesario autenticarse coas credenciais persoais da UDC para acceder dende fóra da universidade a través da ligazón Acceso desde fóra.  Así mesmo, as opcións “Mi estantería” ou “Mis favoritos” tampouco están habilitadas debido a este acceso institucional.
A plataforma ofrece a posibilidade de realizar tanto unha busca simple como avanzada. Neste último caso, a busca pódese limitar por editorial, data de publicación, autor e por categoría temática.
Para ler calquera dos ebooks incluídos na plataforma necesítase conexión a Internet e dispoñer dun navegador web operativo (Internet Explorer, Mozilla Firefox, Google Chrome...), pois a lectura dos fondos dixitais comercializados en Unebook canalízase a través dun un visor HTML5 que require acceso continuado en streaming.
O ebook poderá lerse en streaming tantas veces como se desexe, pero non se poderá imprimir nin pasar a un dispositivo que non estea autorizado. Polo tanto, o acceso será en streaming, non por un ficheiro que se poida descargar no equipo ou dispositivo: os ebooks comercializados en Unebook non se descargan, accédese a eles.
Os ebooks contan con OCR (Recoñecemento Óptico de Caracteres), o que permite facer buscas de palabras dentro do contido do libro.

Se queredes ampliar a información sobre este portal, a revista Unelibros dedica precisamente o seu último número a Unebook, no que se detalla que na actualidade comercializa 265.000 títulos en papel e 12.000 ebooks de universidades e centros de investigación españois, de universidades latinoamericanas e editoriais académicas privadas. Nesta revista, de periodicidade semestral, tamén se difunden as novidades editoriais publicadas polas universidades e centros de investigación españois. Pode consultarse en formato PDF na web da UNE.
Como información complementaria, lembramos a noticia da que tivemos conta a finais do pasado ano, cando a UNE firmou un convenio marco coa Biblioteca Nacional de España para poñer a disposición deste centro todas as publicacións dixitais dos seus 70 editores asociados, en virtude do establecido na última Ley 23/2011 e o seu Real Decreto 635/2015 que dispón o depósito legal.


No hay comentarios: