jueves, 23 de abril de 2020

Día do Libro 2020



Hoxe 23 de abril conmemórase a celebración do Día do Libro, fixado pola UNESCO dende 1995 nesta data, por coincidir co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. Cada ano, xunto con organizacións profesionais do mundo do libro, elixen unha capital mundial do libro: este ano recaeu en Kuala Lumpur (Malasia) que “foi seleccionada polo seu enfoque centrado na educación inclusiva, o desenvolvemento dunha sociedade baseada no coñecemento e a lectura accesible para todas as partes da poboación da cidade”.
Como curiosidade, contámosvos que o Día do Libro non sempre foi en abril: a primeira vez que se celebrou foi o 7 de outubro de 1926. Se queredes saber por que, e como o contou a prensa aqueles primeiros anos, cóntannolo neste post da Biblioteca Nacional de España.

Este ano a celebración será atípica, pero aínda así moitas institucións buscaron solucións para celebrar este día de forma virtual.
O cartel elixido este ano polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para conmemorar este día, 
e que acompaña a este post, foi deseñado polo Premio Nacional de Ilustración, Paco Giménez.

Dada a imposibilidade de realizar a tradicional cerimonia de entrega do Premio de Literatura en Lengua Castellana Miguel de Cervantes, o Ministerio puxo en marcha distintas iniciativas en homenaxe ao Premio Cervantes 2019, Joan Margarit, entre as que se atopa un vídeo-homenaxe no que personalidades de distintos perfís (editores, autores, libreiros...) que ían estar convidados á cerimonia de entrega, enviarán vídeos breves nos que expresarán a súa relación con Margarit e a súa obra.
Ademais, anima a que se compartan fotos do voso “Rincón de lectura” co hashtag #RincónDeLectura xunto co xenérico #DíaDelLibro. Outros actos do Ministerio pódense consultar nesta ligazón. 
O Instituto Cervantes tamén ofrece moitos proxectos en liña englobados baixo o lema xeral La libertad es una librería, título dun verso de Joan Margarit. Hoxe xoves 23 a directora de cine Isabel Coixet participará ás 19:00  a través do canal de Instagram nun encontro cos lectores. O Instituto tamén ofrece ao longo destas semanas audiolibros gratuítos, lecturas de pasaxes do Quijote ou opinións de máis de 70 profesionais destacados da cultura. A información sobre estes eventos pódese consultar nesta ligazón.

No que respecta á nosa comunidade autónoma, as bibliotecas públicas da Xunta celebran este día cunha programación en liña para o fomento e dinamización da lectura. Entre as accións que se levarán a cabo figuran concursos en redes sociais, exposicións virtuais, publicación de catálogos ou recomendacións por parte do persoal das mesmas. Nesta ligazón podedes ampliar a información.
As Bibliotecas Municipais de A Coruña tamén se suman á celebración coa campaña "Mollámonos polo libro", coa que apostan polo acceso universal á cultura e preparan actividades que difundirán a través de medios convencionais para achegarlle a lectura á cidadanía que non se manexa nas redes. Así, presentarán "Lemos para ti", un conxunto de narracións orais que o persoal das bibliotecas difundirán a través da súa canle de Spotify e na radio, un medio imprescindible para que a cidadanía menos familiarizada coas redes poida desfrutar da literatura.

No hay comentarios: