viernes, 24 de abril de 2020

As principais coleccións estranxeiras de libros electrónicos na Biblioteca da UDC: Wiley, Ebsco, Springer e Elsevier



Neste novo post difundiremos as principais coleccións estranxeiras de libros electrónicos subscritas pola Biblioteca da UDC: Wiley, Ebsco, Springer e Elsevier. Lembrade que para acceder a elas dende fóra da universidade é necesario autenticarse previamente coas vosas credenciais persoais da UDC premendo na ligazón Acceso desde fóra da UDC.

Proporciona acceso a máis de 1.000 títulos de carácter científico, de 17 coleccións temáticas: Agricultura e Ciencia dos Alimentos, Arquitectura, Arte, Economía, Finanzas e Contabilidade, Química, Informática, Humanidades, Dereito, Ciencias da Vida, Matemáticas e Estatística, Medicina, Enfermaría, Físicas e Enxeñaría, Psicoloxía, Ciencias Sociais e do Comportamento.
A páxina de inicio de cada libro mostra unha biografía do autor e unha táboa de contido con tódolos capítulos dese libro, coa opción de descargar cada capítulo individualmente ou ben o libro completo en PDF.
Wiley conta cunha páxina de recursos en español onde podedes atopar unha guía de usuario, vídeos autodidácticos e mesmo sesións de capacitación virtual. A vindeira sesión está programada para o 6 de maio.

Posibilita o acceso e a consulta de libros electrónicos de temática moi variada, maioritariamente en inglés. Ademais das tradicionais opcións de busca simple, avanzada e por categoría temática, ofrece a maiores duas seccións de libros con información relevante e libros destacados. Dependendo da dispoñibilidade de cada libro, poderán lerse en PDF ou EPUB. Tamén posibilita un acceso ás páxinas máis relevantes do libro, e opcións como citar o rexistro, exportalo a un xestor bibliográfico, etc.
Cada mes ofrece diversas sesións en liña sobre os seus produtos e interfaces. As sesións en español pódense consultar nesta ligazón.
Tamén queremos sinalar que durante o período de crise creado pola COVID19, Ebsco e Harvard Business Publishing chegaron a un acordo para ofrecer ata o 30 de maio acceso ilimitado e gratuíto a máis de 600 libros en liña da colección de Harvard Business Review Press.

A biblioteca conta con 115 títulos adquiridos en acceso perpetuo que engloban monografías, manuais, actas de conferencias e outros documentos das seguintes coleccións: Ciencias do comportamento, Ciencias do comportamento e Psicoloxía, Empresa e Economía, Empresa e Xestión, Economía e Finanzas, Educación, Humanidades, Ciencias Sociais e Dereito, Literatura e Estudos culturais e dos medios de comunicación, Ciencias políticas e Estudos internacionais, Relixión e Filosofía e Ciencias Sociais.
Estes libros de Springer pódense descargar en formato PDF ou EPUB.
Para os interesados no eido da Economía e Empresa, Springer tamén ofrece acceso a unha colección de 234 libros de economía e empresa co copyright do ano 2008.
A maiores, para facilitar a docencia en remoto por culpa da crise da COVID19, Springer pon en acceso sen restricións a través de SpringerLink e ata finais de xuño uns 500 libros de texto en inglés para dar apoio tanto a docentes como estudantes neste período extraordinario. Podedes acceder a eles nesta ligazón.

A biblioteca ofrece 294 títulos seleccionados de libros publicados por Elsevier en 2015 e 2016 en tódalas coleccións temáticas de Ciencia e Tecnoloxía. Ademais destes 294 libros de compra consorciada, tamén se pode acceder a 567 libros pertencentes a varias Book Series. Ao igual que no caso de Wiley, amósase unha táboa de contido con tódolos capítulos de cada libro, coa opción de descargar cada capítulo individualmente ou ben o libro completo en PDF.
Tamén como consecuencia da crise da COVID19, a editorial da acceso libre durante 3 meses aos seus manuais (é necesario autenticarse previamente para acceder desde fóra da universidade). Como se detectaron problemas de acceso, proporcionamos esta listaxe cos títulos de cada libro e as súas ligazóns para poder consultalos dende a casa.

Todas estas coleccións subscritas poden consultarse nas propias plataformas dos editores incluídas na páxina web da biblioteca en Libros electrónicos, ou ben a través do xestor de enlaces SFX de Pórtico. Ademais, tamén están engadidas no catálogo da biblioteca: Wiley, Springer, EBSCO e Elsevier.
Para finalizar, queremos salientar que estas son as principais coleccións estranxeiras, pero que a biblioteca ten subscritas outras que podedes consultar na sección de Libros electrónicos da páxina web. Ademais, a través da páxina “A BUDC queda na casa” podedes acceder a máis recursos temporais, entre eles libros electrónicos, aos que a biblioteca está a ter acceso como consecuencia da situación de confinamento que estamos a vivir.

No hay comentarios: