Esta semana celebrouse en todo o
mundo a Semana da Educación Aberta, que se realiza anualmente dende 2013. O seu
obxectivo é crear conciencia e mostrar o impacto da educación aberta no ensino
e a aprendizaxe en todo o mundo, ademais de resaltar os beneficios que ten
tanto para docentes como para estudantes compartir de forma aberta e libre.
Durante estes días as institucións participantes organizaron diversas
actividades: conferencias, seminarios, vídeos, etc. Na web da Open Education Week pódense
consultar os eventos, proxectos e recursos resultantes de tódolos anos, así
como filtralos por idioma.
En España, REBIUN uniuse a esta
conmemoración difundindo este apartado
web onde se recollen varios recursos e iniciativas especializadas en recursos
educativos abertos (REA) e educación aberta.
O concepto de REA inclué calquera
material educativo que estea dispoñible de forma gratuíta para ser empregado
pola comunidade educativa, dende libros de texto ata cursos completos, pasando
por imaxes, infografías, vídeos, etc. Entre os repositorios máis coñecidos de
REA destacan OERCommons (un dos máis
antigos), MERLOT ou OpenStax CNX. Ademais destes repositorios
educativos, tamén existen outros repositorios de carácter xeral que poden ser
utilizados para buscar recursos educativos abertos. Por exemplo, pódense buscar
imaxes en Pixabay ou Flickr, vídeos en Vimeo ou música en Jamendo. Outros repositorios de
gran utilidade para buscar REA son Wikimedia Commons (repositorio
de arquivos multimedia con millóns de obxectos dixitais), Europeana (biblioteca dixital
europea, de acceso libre, que reúne obras de arte, obxectos, libros, vídeos e
sons de toda Europa) ou CC Search
(metabuscador de imaxes e outros arquivos multimedia con licenza Creative
Commons).
Outras iniciativas interesantes
dentro do movemento da educación aberta son os cursos en aberto (OCW, OpenCourseWare)
e os cursos online masivos en aberto (MOOC, Massive Open Educational Courses), que
teñen gran repercusión no ámbito universitario. Os sitios OCW poñen un conxunto
de recursos educativos abertos a disposición de calquera usuario, organizados a
modo de cursos completos para facilitar a autoaprendizaxe. A diferenza dos
MOOC, o usuario non necesita rexistrarse e tampouco se facilita a interacción
co profesor. Como exemplos, destacamos os portais OpenCourseWare da Universidad Carlos III de Madrid ou da Universidad de Cantabria, onde podedes atopar
moito material de apoio para as materias de clase.
Dende hai dous anos a
Universidade da Coruña aposta pola educación en aberto con varios cursos MOOC
na plataforma MiríadaX. Ata agora,
realizáronse tres:
Xa para rematar, indicámosvos que
na web da biblioteca atoparedes este apartado dedicado á Educación
Aberta, onde se recollen plataformas de materiais docentes de nivel
universitario e plataformas e buscadores de cursos MOOC.
No hay comentarios:
Publicar un comentario