viernes, 22 de mayo de 2020

Material de formación en competencias dixitais para estudantes de grao





Esta semana vimos de engadir na web da biblioteca unha nova sección con Material de formación en competencias dixitais para estudantes de grao. Este material, que foi adaptado de REBIUN e personalizado para a Biblioteca da UDC, estrutúrase segundo o Marco de competencia digital para estudiantes de grado: adaptación de DIGCOMP que consta de 5 áreas con 21 competencias en total.
Para cada competencia, ofrécese material autoformativo baseado na metodoloxía MOOC:
  • Un vídeo de presentación dun problema relacionado coa competencia a desenvolver que debe resolver un estudante e que sirva como “gancho” para seguir os materiais formativos.
  • Unha serie de presentacións en PDF cos coñecementos que un estudante debe adquirir sobre a competencia.
Os contidos incluídos abranguen dende material de interese para o estudantado no ámbito académico (como elaborar un traballo de curso, realizar buscas de información…) ata material para o tempo libre e a comunicación (recomendacións para comunicarse correctamente na contorna dixital, comprar de forma segura en Internet…).

A continuación, resumiremos brevemente os temas tratados en cada unha das competencias:

Competencia 1: Información e tratamento de datos: proporciónase información sobre como empezar a elaborar un traballo académico (contextualizando o tema, realizando buscas…), identificar as principais fontes de información (o catálogo da biblioteca da UDC, bases de datos subscritas) e avaliar e seleccionar a información atopada. Tamén se dan directrices de como gardar e organizar a información na contorna dixital, ademais de coñecer os sistemas de citas e referencias e a utilidade dos xestores bibliográficos para os traballos académicos.

Competencia 2: Comunicación e colaboración: proporciónanse recomendacións para comunicarse correctamente na contorna dixital, ademais de dar a coñecer ferramentas como RSS para manterse ao día ou as redes sociais que están á vosa disposición para o desenvolvemento académico e profesional. Tamén se tratan as posibilidades que ofrece a nube para o traballo colaborativo en liña mediante ferramentas como Dropbox ou Google Drive.

Competencia 3: Creación de contido dixital: facilítanse aplicacións de edición de vídeo, texto e audio que tedes ao voso alcance para facer presentacións para expoñer na clase, realizar infografías, diagramas, etc. Tamén se realiza unha introdución á normativa sobre os dereitos de autor, sinalando cales son os principais tipos de plaxio e as estratexias para evitalo, así como a utilidade das licenzas Creative Commons.

Competencia 4: Seguridade: proporciónanse recomendacións para protexerse dos riscos e ameazas asociados ao mundo dixital (utilización de antivirus, evitar redes WIFI públicas, crear contrasinais seguros...), protexer os datos persoais e a privacidade en Internet, comprar de forma segura ou reducir a publicidade non desexada, entre outros.

Competencia 5: Resolución de problemas: preténdese aprender como identificar problemas técnicos e resolvelos no que respecta ao uso de dispositivos dixitais, así como coñecer ferramentas e tecnoloxías que sirvan de apoio para resolver problemas de forma creativa. Ademais proporciónase información sobre as plataformas de aprendizaxe e outros espazos creativos.

No hay comentarios: