viernes, 8 de mayo de 2020

O servizo de préstamo interbibliotecario durante a situación de confinamento



O servizo de préstamo interbibliotecario ten como obxectivo localizar e solicitar a outras bibliotecas aqueles documentos que non forman parte das coleccións das bibliotecas da nosa universidade, como artigos de revistas ou outro tipo de documentos. Por iso recoméndase que, antes de facer unha solicitude, o usuario consulte o catálogo da biblioteca para saber se o documento está accesible nas bibliotecas da UDC. Poden utilizar este servizo tanto os membros da comunidade universitaria da UDC como os usuarios autorizados que dispoñan do carné de usuario externo.
Os usuarios que utilicen por primeira vez este servizo teñen que darse de alta cubrindo este formulario electrónico. Unha vez que se solicita o alta, o usuario ten que esperar a que lle chegue á súa conta de correo electrónico da UDC unha mensaxe de que xa foi dado de alta. Posteriormente, poderá facer  as  peticións  a  través  do  formulario de solicitude de préstamo interbibliotecario e deberá cubrir unha solicitude por cada documento, indicando todos os datos bibliográficos necesarios para a identificación da obra. Neste pequeno manual dirixido ao alumnado de grao pódese consultar o proceso para darse de alta neste servizo.
Mentres dure a situación de confinamento actual, o servizo de préstamo interbibliotecario segue funcionando, aínda que con determinadas características. Ante a imposibilidade de recoller documentos de maneira física, tanto por parte dos usuarios como dos traballadores, este servizo restrinxirase exclusivamente á xestión de solicitudes de documentos electrónicos.  Non se pode pedir préstamo de libros a outras bibliotecas nin documentos que teñan que ser escaneados.
No caso destes documentos electrónicos, deposítanse no servidor do programa de xestión do préstamo interbibliotecario para que os usuarios os poidan descargar. Ao correo electrónico da persoa usuaria chegará unha mensaxe na que se lle informa que o documento está dispoñible no servidor, e terá que acceder á ligazón que se lle indica para descargar o documento.
Aproveitamos para lembrarvos que todos os documentos en soporte físico que quedaron prestados a través deste servizo dende o peche das bibliotecas, prorrogaron o seu vencemento ata que a situación se normalice.
Para ampliar a información, podedes consultar a páxina dedicada a este servizo na web da biblioteca

No hay comentarios: