viernes, 19 de junio de 2020

A nova normalidade nas bibliotecas da Universidade da Coruña


Nesta publicación faremos un repaso polos servizos que están a ofrecer actualmente as bibliotecas da UDC coa chegada da “nova normalidade”. Xa pasou un mes dende que as bibliotecas reabriron as súas portas e pouco a pouco fóronse ampliando os seus servizos a medida que se sucedían as distintas fases da desescalada. Os horarios de apertura ao público varían dependendo das condicións de cada biblioteca, polo que recomendámosvos consultalos nesta ligazón.

Os servizos de préstamo e devolución de documentos requiren de cita previa. Para levar material en préstamo, primeiro tedes que reservar os títulos a través do catálogo (xa que o usuario non poderá acceder directamente á colección) e logo pedir cita previa para recollelo na biblioteca. Neste vídeo ou nesta presentación explícase o proceso do préstamo. No caso das devolucións, os documentos deberán pasar unha corentena de 14 días antes da súa volta aos estantes.
Ademais, pódense consultar en sala aqueles documentos que non se poden levar en préstamo. Recomendámosvos preguntar na vosa biblioteca as condicións particulares deste servizo, xa que nalgunhas é necesario solicitar cita e noutras non. A consulta dos catálogos en liña de acceso público tamén está permitida.
No que respecta ao préstamo interbibliotecario, permítese o envío de documentos electrónicos e escaneados. Polo momento non hai préstamo interbibliotecario de libros.

Un dos últimos servizos en volver a implantarse foi o estudo en sala, con limitación de aforo e cumprindo as medidas de seguridade estipuladas. Para estudar nas bibliotecas deberase consultar no calendario de cita previa se é necesario pedir cita. Na maioría dos casos é preciso, aínda que nalgunhas bibliotecas non é necesario. Para calquera dúbida podedes contactar por correo electrónico coa biblioteca á que desexedes acudir, e para obter máis información sobre o número de postos e as condicións de acceso podedes consultar tamén a páxina web das bibliotecas ou visitar as súas redes sociais. Aínda que non dependen do Servizo de Biblioteca, as aulas de estudo (Xoana Capdevielle, Centro Universitario de Riazor e o Edificio de Apoio ao Estudo de Ferrol) tamén volveron a abrir as súas portas esta semana. Nesta nota de prensa tedes máis información sobre elas.
Por último, lembrámosvos que podedes seguir empregando os servizos en liña, como ata o de agora, para todo o que precisedes:
  • Contacta coa biblioteca: para consultas, dúbidas, queixas ou suxestións sobre o servizo ou sobre algunha das bibliotecas.
  • Solicitude de adquisicións: para solicitar a compra dunha obra que consideredes necesaria na colección da vosa biblioteca.
  • Petición dunha procura bibliográfica: dende este formulario podedes solicitar axuda  na busca de información para os vosos traballos de aula, o TFG/TFM ou os traballos de investigación.



No hay comentarios: