viernes, 26 de junio de 2020

Os identificadores de autor


Nesta publicación faremos un pequeno repaso polos principais identificadores e perfís de autor, xa que para evitar a perda ou dispersión da produción científica, así como para garantir que se recuperan correctamente as publicacións dun autor, é necesario que o seu nome teña sempre a mesma forma. Polo tanto, un dos primeiros aspectos que hai que conseguir é un nome que unifique o resto das posibilidades que existen para identificar dito nome. Para isto existe este documento elaborado pola FECYT que recolle recomendacións para a normalización dos nomes dos investigadores. Tamén é importante que en todos os documentos científicos publicados polos investigadores da UDC se inclúa sempre a súa filiación institucional, e para iso publicouse esta Instrución para os autores da UDC sobre filiación institucional de publicacións científicas. 

No que respecta aos identificadores, o máis importante é ORCID, xa que aspira a ser o rexistro mundial de autores. É un servizo gratuíto que proporciona un identificador dixital único para os autores do ámbito científico e académico. Respecto a este identificador, A Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC desexa promover que todos os investigadores da UDC conten con él. ORCID ten a vantaxe de que se sincroniza con outros perfís, como AuthorID de Scopus e ResearcherID da Web of Science, agora chamado Publons.

Google Scholar Citations é outro perfil persoal no que se pode mostrar a produción científica dun investigador. Debido a que Google Scholar é un dos buscadores científicos máis utilizados, é recomendable crear dito perfil, permitindo así incrementar a visibilidade e impacto da produción científica. Aínda que se poden engadir manualmente publicacións propias no perfil, éstas alcanzan unha visibilidade mínima nos resultados do buscador se non se atopan aloxadas en páxinas web académicas. Por iso é importante incluir as publicacións en bases de datos, subir os artigos ao repositorio institucional da UDC (o RUC), etc. Tamén queremos incidir na necesidade de manter os datos correctos e actualizados, así como evitar as actualizacións automáticas, posto que dan lugar a multitude de erros (principalmente, documentos asignados a autores alleos ao documento).

Outro código identificador de investigadores é ResearcherID, vinculado á Web of Science. O ano pasado a plataforma ResearcherID deixou de existir e todos os perfís públicos contidos nela pasaron a formar parte de Publons, que permite ter funcións adicionais para o investigador como demostrar a súa experiencia como autor, revisor e editor dende un único lugar.
A diferenza dos identificadores citados, nos que o autor pode crear unha conta persoal, existen outros que se asignan automáticamente polas bases de datos, como Dialnet Id ou Scopus Author ID.

Para ampliar a información contida neste post sobre cada un dos identificadores recomendámosvos consultar a guía “A identificación de autor na UDC: A firma científica”, elaborada polo Servizo de Biblioteca.


No hay comentarios: