Como todos estes últimos anos
nestas datas e aproveitando os meses de vacacións que veñen por diante, dende o
Servizo de Biblioteca queremos achegarvos algunhas ideas de lectura para este
verán. Comezamos lembrándovos que en varias bibliotecas das facultades e
escolas da UDC contades coa sección BIC
(Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas para todos os
gustos, dende novelas ou ensaios, ata cómics, guías de viaxe, etc.
Os xornais, a través dos seus suplementos ou artigos, tamén ofrecen numerosas
suxestións. Por exemplo en Fugas,
suplemento de La Voz de Galicia, publican
que “Estos
serán los libros del verano”; en Babelia,
suplemento cultural de El País, céntranse
no xénero da novela
negra que volve con forza ás librerías cunha ampla oferta. Tamén en El País seis creadores comparten as súas
recomendacións
estivais, nas que ademais de libros, teñen cabida discos, fanzines ou
películas, entre outros. Ademais da literatura de ficción, multiplicáronse os
ensaios sobre a Covid-19. Nesta publicación de RTVE, “Los
libros que vienen en verano: Joël Dicker, Care Santos, Sergio del Molino y
ensayos sobre el Covid-19”, podedes consultar algúns dos máis destacados.
Tamén algunhas editoriais mostran nas súas webs
seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que a
través da sección Libros
para leer este verano, ofrece varias clasificacións: “Libros de los que
todo el mundo habla”, “Novelas apasionantes para leer en la playa”, “Guías,
rutas y consejos para viajeros”, etc.
Os blogs ou portais de literatura son outras das fontes nas que
atoparedes artigos con recomendacións. É o caso de Estandarte coa Selección
de libros para el verano de 2020 ou Algunos
libros buenos con Los
15 libros recomendados del verano 2020.
Numerosas bibliotecas tamén preparan seleccións de títulos para o verán. Como
exemplo, a Biblioteca de Filosofía y
Letras de la Universidad de Alicante, que presenta as súas Lecturas de verano. Na
nosa cidade, as Bibliotecas Municipais da Coruña poñen en marcha a campaña Verás
que verán con actividades destinadas a todas as idades, dende guías de
lectura con recomendacións de libros para o público infantil e xuvenil ata lecturas
en voz alta para o público en xeral ou adulto.
Para finalizar, damos conta da
plataforma Todos tus libros, creada
por CEGAL e que conta con máis de 750
librerías independentes de toda España asociadas. A web inclúe información
bibliográfica dos libros que se comercializan nas librerías españolas, así como
datos de venda e dispoñibilidade nas librerías rexistradas na plataforma. Desta
forma, o usuario pode buscar o libro que lle interese e a web infórmalle de
todas as librerías que o teñen dispoñible. Ademais, o portal inclúe varios
apartados interesantes como aquel no que se especifican os cen libros máis
vendidos ou a sección dedicada ás recomendacións dos libreiros.
Este vai ser un verán atípico,
con certo medo e inquedanza, pero con moitas ganas de volver pouco a pouco á
normalidade. Pásadeo moi ben e lembrade que, se non podedes ou non queredes
viaxar físicamente, con estas recomendacións sempre poderedes viaxar da man da
vosa imaxinación.
No hay comentarios:
Publicar un comentario