viernes, 5 de junio de 2020

Ranking Webometrics de persoal investigador en España e españois no estranxeiro




Vén de publicarse unha nova edición do Ranking Webometrics de persoal investigador en España e españois no estranxeiro, baseado nos datos dos perfís públicos de Google Scholar Citations e clasificados en función do seu índice h en orden decrecente e polo número total de citas. Os datos desta 15ª edición recompiláronse durante a última semana de maio de 2020.
O número de investigadores incluídos aumentou considerablemente (máis de 82.000) e excluíronse os perfís duplicados ou con datos incorrectos. Para suxestións de posibles correccións ofrecen esta información de contacto. En canto aos perfís duplicados, en Webometrics se pode consultar esta listaxe cos erros detectados por eles, na que aparecen cinco autores asociados á UDC. Respecto a isto queremos lembrarvos que na bibliotecas de cada centro podedes atopar axuda por parte do persoal bibliotecario para arranxar os erros.
Outro dato de interese é que nun futuro teñen a intención de incorporar rankings por disciplinas, xénero e idade académica.
Aínda que cada edición vai mellorando, o seu responsable Isidro F. Aguillo afirma que está moi lonxe de estar terminado, xa que moitos autores aínda non teñen perfil ou o teñen desatendido. Neste sentido lembra que estudos recentes amosan que Google Scholar ten moita máis cobertura que Web of Science, Scopus ou Dimensions, que os rexistros “extra” son relevantes, noutros idiomas ademais do inglés e inclúen gran cantidade de libros. Anima así aos investigadores a crear e coidar os seus perfís, xa que ofrecen valiosa información bibliográfica e métrica.
Entre os consellos e advertencias que dan para manter o perfil destacan:
- O perfil debe ser público.
- Se o nome é común, o mellor é deshabilitar a actualización automática. O sistema podería agregar ao perfil documentos asinados por outros investigadores cun nome similar.
- Eliminar todas as entradas das que non sexa autor, xa que o perfil pódese excluír ata que se limpe.
- Engadir o identificador ORCID e información sobre a afiliación, incluído o nome da institución e o país.
Outros consellos pódense consultar nesta ligazón.
No que respecta a análise desta edición, destaca a presenza de dúas mulleres no top 20. A UDC conta cun total de 939 investigadores no ranking, dos cales 23 aparecen no top 5.000 de investigadores en España. O primeiro dos nosos investigadores na listaxe é Antonio Valle Arias, na posición 980.

No hay comentarios: