Este ano celébrase o centenario do nacemento da actriz coruñesa María Casares e o Concello da Coruña reivindica a súa orixe coruñesa e o seu legado coa celebración do Ano Internacional María Casares, impulsando unha gran cantidade de actividades durante todo o ano. Tamén a Xunta, en colaboración con distintas entidades nacionais e internacionais, promove diversos actos para conmemorar o centenario da artista.
Antes de detallar as principais
actividades conmemorativas, cómpre achegarnos brevemente á vida de María
Casares. Naceu na Coruña en 1922 e ser filla de Santiago Casares Quiroga, presidente
do Consello de Ministros no momento do golpe de Estado que provocou a Guerra
Civil española, marcoulle para sempre. Acabou exiliándose en Francia con tan só
con 13 anos, onde construíu unha brillante carreira no teatro e o cine traballando
cos autores e directores máis importantes da escena francesa. Representou obras
de Sartre, Jean Cocteau… e chegou a converterse en musa do existencialismo francés. Interpretou a Lady Macbeth, María
Tudor, etc., en obras de Shakespeare ou Victor Hugo, entre outros. Tamén protagonizou
varias obras escritas por Camus, con quen mantivo unha relación sentimental ata
a morte de éste. En 1980 publicou un libro de memorias, Residente privilegiada, que temos no
fondo do Servizo de Biblioteca.
Detallamos a continuación as principais actividades que están tendo ou terán lugar ao longo deste ano:
- As Bibliotecas Municipais da Coruña acollen ata o mes de novembro a exposición itinerante “Eu son de aquí”, que resume a vida e obra da actriz. O seu contido xira arredor dos eixes fundamentais da súa carreira: o teatro, a súa condición de muller independente, A Coruña na súa época, a cultura francesa, o existencialismo, a República e o exilio. O período expositivo é dun mes en cada unha das sete bibliotecas: actualmente a mostra está na Biblioteca do Forum Metropolitano e pasará a Biblioteca Ágora no vindeiro mes de marzo.
- A Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés tamén organizou outra mostra: a exposición “María Casares, residente privilegiada”, que inclúe material bibliográfico, gráfico e audiovisual da propia biblioteca. Dentro da exposición teñen especial relevancia algúns libros pertencentes á biblioteca persoal do seu pai.
- No Museo de Belas Artes da Coruña está a desenvolverse o ciclo de conferencias "María Casares. Do exilio ao escenario". Entre este mes de febreiro e novembro acolleranse mensualmente encontros abertos ao público con personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron o traballo de María Casares e que ofrecerán o seu testemuño, experiencia e memoria sobre a actriz.
- En marzo inaugurarase a nova musealización dos materiais sobre a actriz na Casa Museo Casares Quiroga, onde tamén terán lugar as conferencias dramatizadas “Voces para un centenario”.
- En maio e ata xullo, o Kiosco Alfonso acollerá a mostra "María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada", que achegará materiais de arquivos institucionais e persoais ata agora nunca expostos en Galicia.
- Outros actos centrados en María Casares serán visitas teatralizadas no Teatro Colón (en xullo), unha ruta urbana guiada (en agosto), un documental ou un encontro internacional de expertos (ambos en novembro), ademais doutras actividades pendentes de concretar. Nesta páxina do concello pódense consultar todas as actividades do Ano Internacional María Casares.
Outras ligazóns de interese:
María
Casares. Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega)
Imprescindibles:
María Casares (documental RTVE)
Premios María Casares: premios de teatro de Galicia que levan o seu nome desde 1997.
No hay comentarios:
Publicar un comentario