O vindeiro mércores día 23
conmemórase o Día de Rosalía de Castro, coincidindo coa data de nacemento da
poetisa, unha das figuras emblemáticas do Rexurdimento galego e autora de
recoñecidas obras como Cantares gallegos,
Follas novas ou En las orillas del Sar.
Con este motivo vanse levar a cabo diversos actos. Un deles é o promovido pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), que desde 2010 propón á cidadanía regalar un libro en galego e unha flor. Ademais, como acto central, o seu manifesto será lido o sábado 19 no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago de Compostela. Na páxina web da AELG tedes información de todos os eventos que van ter lugar por Galicia adiante.
Na Coruña, e en colaboración con esta asociación, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda celebrará este día diante do Teatro Rosalía de Castro, tanto coa lectura do manifesto como cun recital de poemas e unha actuación musical.
Os Museos Científicos Coruñeses tamén acollerán actos de homenaxe á figura de Rosalía desde este sábado: por unha banda, a Casa das Ciencias adicará uns minutos en todas as súas sesións do Planetario, entre os días 19 e 27 de febreiro, a ensinar aos asistentes a situar no ceo a estrela que leva o nome da escritora galega. En relación con isto, lembramos que a candidatura impulsada pola Agrupación Astronómica Ío en 2019, de poñer o nome da escritora a un astro da constelación de Ofiúco, foi aceptada pola Unión Astronómica Internacional.
Por outra banda, e coa colaboración
desta Agrupación, programouse unha observación astronómica na terraza exterior
do Aquarium Finisterrae para recoñecer as estrelas e constelacións máis típicas
desta época do ano (será o venres 25 se as condicións meteorolóxicas así o
permiten).
Outras ligazóns de interese:
- Obras
de Rosalía de Castro no Servizo de Biblioteca da UDC
- Obras
sobre Rosalía de Castro no Servizo de Biblioteca da UDC
- Fundación
e Casa Museo Rosalía de Castro
- Mujeres en la historia: Rosalía de Castro (vídeo de RTVE)
No hay comentarios:
Publicar un comentario