viernes, 18 de marzo de 2022

As revistas depredadoras


Aínda que xa hai máis dunha década que oímos falar das revistas depredadoras, éstas non cesaron de aumentar. Un recente informe da IAP (The InterAcademy Partnership) conclúe que as prácticas académicas predatorias están a crecer a un ritmo preocupante e requiren unha atención urxente.

Lembramos que unha revista depredadora é unha falsa revista científica, á que imita con vontade de engano (Lluís Codina, 2021). O termo foi acuñado polo bibliotecario Jeffrey Beall para definir ás publicacións que se caracterizan por publicar artigos sen ser sometidos a un proceso de revisión e avaliación real e cobrando aos autores por iso.

É importante que o persoal investigador coñeza as características e estratexias que seguen este tipo de revistas para evitar caer no engano. Algunhas das máis habituais son:

  • Adoitan utilizar títulos parecidos aos de revistas prestixiosas, incluíndo termos como International Journal of…, Annals of the World Association of…, etc.
  • Tempos de publicación moi curtos.
  •  Captan aos autores mediante frases atractivas, xeralmente a través de correo electrónico.
  • Dubidoso proceso editorial e sen revisión por pares.
  • Adoitan cobrar por publicar: os custos adoitan ser baixos e accesibles en comparación cos prezos elevados que manexan algunhas revistas.
  • Fan referencia a supostos índices ou factores de impacto que non son reais.

Afortunadamente, existen recursos e ferramentas que poden axudar a identificar este tipo de revistas:

Por unha banda, pódense consultar as listas negras, que rexistran os títulos das revistas depredadoras. Con todo, non debe ser a única opción a consultar, xa que por exemplo unha revista depredadora recentemente creada, non aparecerá. As máis coñecidas son:

- Beall’s list: lista pechada por Jeffrey Beall en 2017 debido ás presións exercidas por parte das editoriais incluídas nela.

- Cabells Predatory Reports (de pago)

Ademais das listas, hai iniciativas como Predatory-publishing.com, que ten como obxectivo crear conciencia sobre as publicacións depredadoras e inclúe información de interese sobre as mesmas. Por exemplo, incorpora fragmentos de correos electrónicos enviados por revistas sospeitosas.

Por outra banda, é importante verificar as revistas en repertorios e bases de datos internacionais e nacionais. Un recurso especialmente útil para comprobar a indexación dunha revista é MIAR. Ademais, a inclusión dunha revista en bases de datos como Web of Science, Scopus, Dialnet, etc. ou noutros recursos como DOAJ ou Dulcinea, é un indicador que acredita calidade científica. Tamén existe o portal Think. Check. Submit, que mediante unha sinxela proba (test), axuda ao persoal investigador a identificar revistas e editores confiables para publicar as súas investigacións.

Por último, outra opción a ter en conta é comprobar a súa inclusión en organismos internacionais de ética, como o Committee on Publication Ethics (COPE).

Outras ligazóns de interese:

- Aguillo, Isidro. “Detergentes, cuñados y las revistas MDPI”. Anuario Thinkepi, v. 15, e15e03.

- Gallent Torres, Cintia. Revistas depredadoras: el negocio fraudulento del siglo. En: The Conversation.

- Revistas depredadoras: seminario organizado por UNIR coa participación de Jeffrey Beall, autor da coñecida lista de revistas depredadoras e un dos principais expertos na materia.

No hay comentarios: