viernes, 25 de marzo de 2022

Europeana celebra o Mes da Historia da Muller

Este mes de marzo Europeana está a celebrar o Mes da Historia da Muller compartindo coleccións, proxectos e historias que celebran os logros das mulleres ao longo da historia e na actualidade. Lembramos que Europeana é a biblioteca dixital europea, de acceso libre, que reúne contribucións dixitalizadas de recoñecidas institucións culturais da Unión Europea.

Así, nesta páxina Europeana reúne diferentes contidos que abranguen desde galerías, publicacións no seu blog, exposicións ou seleccións temáticas. Vexamos a continuación algúns exemplos:

Entre as galerías destacamos Women at work, con fotografías e pinturas que presentan ás mulleres no traballo, reflectindo cuestións de igualdade, dereitos e equilibrio entre a vida laboral e persoal, ou Suffragettes, que destaca a loita feminista pola reforma social e a voz para as mulleres na política.

No seu blog atopamos numerosas publicacións de interese e de temática moi variada: desde o artigo “Black women's jazz legacies in Europe”, sobre o legado que deixaron mulleres negras no jazz e o camiño que abriron para que moitas outras mulleres tivesen éxito sen importar a súa cor, ata “Five of the finest (anti-)heroines from European literature”, sobre grandes personaxes femeninas da literatura europea. Nel tamén se inclúen publicacións sobre mulleres concretas como Frida Kahlo, pintora mexicana que se converteu nunha icona para varios grupos minoritarios e movementos políticos, incluídas as feministas, a comunidade LGBTQ e os  chicanos, ou Rosa Luxemburgo, unha das grandes revolucionarias do século  XX e unha das fundadoras da corrente de pensamento do socialismo democrático.

Tamén salientamos a exposición Pioneras, sobre oito destacadas mulleres europeas nas artes, as ciencias e a sociedade, desde revolucionarias defensoras dos dereitos das mulleres ata brillantes científicas.

Europeana anímanos a descubrir mulleres artistas, científicas e activistas ao longo da historia ofrecéndonos a posibilidade de recibir no noso correo electrónico todos os días durante dúas semanas, unha breve e fascinante historia dunha muller notable.


Ademais deste proxecto de Europeana, nos últimos anos outros portais ou bibliotecas dixitais involucráronse na difusión de contidos sobre a historia das mulleres e o feminismo. Algúns dos proxectos máis destacados son:

  • Mujeres en la memoria: colección da Biblioteca Virtual del Patrimonio Bibliográfico composta por unha selección de obras cun nexo común: a figura da muller a través do tempo. A colección está formada por obras que abranguen desde o século XII ao século XXI, divididas en dous grandes fondos: un de carácter bibliográfico e outro de carácter gráfico.
  • A nivel local, salientamos o proxecto A Coruña das Mulleres, da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, que quere construír de modo colectivo un fondo documental, gráfico e audivisual sobre a memoria feminina da cidade da Coruña.

No hay comentarios: