viernes, 11 de marzo de 2022

Consecuencias da guerra nos bens culturais e patrimoniais de Ucraína

25 cadros da artista ucraína Maria Prymachenko foron queimados durante o ataque ao Museo Histórico e Cultural de Ivankiv


Desde que o pasado 24 de febreiro as forzas militares da Federación Rusa invadiron Ucraína, moitos organismos están a alzar a voz pola preocupación dos efectos que esta guerra pode ter na conservación dos bens culturais e patrimoniais de Ucraína.

A UNESCO, que ten declarados sete lugares ucraínos como Patrimonio da Humanidade, catro elementos de patrimonio cultural inmaterial e oito reservas da biosfera, chama a protexer os bens do país despois de que as tropas rusas incendiaran o Museo Histórico e Cultural de Ivankiv, que contaba na súa colección con cadros de Maria Prymachenko, unha das pintoras ucraínas máis importantes. Pero esta non foi a única destrución no patrimonio cultural ucraíno: tamén están os casos da cidade de Khárkiv, inscrita como Cidade Creativa para a Música no catálogo da UNESCO ou as bombas caídas xunto a Babyn Yar, monumento ao Holocausto.

Neste sentido, a UNESCO pide respectar a Convención de La Haya que garante a protección dos bens culturais durante os conflitos armados. Tamén pide a plena aplicación da Resolución 2347 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, que cualifica a destrución deliberada do patrimonio como “crime de guerra”.

En Ucraína apresúranse a protexer obras de importancia artística ou cultural, dende cubrir estatuas das rúas para evitar na medida do posible a súa destrución en caso de bombardeos ata esconder ou trasladar obras a refuxios seguros.

Por outra banda, institucións culturais de todo o mundo están a poñer en marcha dúas iniciativas paralelas: unha delas está centrada en salvagardar o patrimonio dixitalizado fóra de Ucraína; a outra está dedicada á preservación do patrimonio cultural físico, xa sexa mediante a dixitalización, os escudos azuis ou o traslado das coleccións a lugares seguros. Para axudar a identificar e custodiar sitios en risco, contido dixital e datos nas institucións de patrimonio cultural de Ucraína mentres o país está baixo ataque habilitouse a páxina web Saving Ukrainian Cultural Heritage Online.

No ámbito bibliotecario, e como resposta ao chamamento lanzado pola Asociación de Bibliotecas de Ucraína, as asociacións bibliotecarias EBLIDA, NAPLE e Public Libraries 2030 instan ás bibliotecas de toda Europa a movilizarse a favor da difusión de información veraz sobre o conflicto. A IFLA e a ALA tamén se sumaron ao chamamento emplazando a que todas as bibliotecas do mundo loiten contra a desinformación e apoien aos refuxiados ucraínos brindando asistencia segundo sexa necesario.

Nos últimos días, festivais de cine internacionais, orquestras e outras institucións culturais amosan mostras de solidaridade con diversos actos. Como exemplo, a Orquesta Sinfónica de Galicia dedicou os concertos desta semana pasada ás víctimas do ataque ruso interpretando o himno nacional de Ucraína. 

Tamén desde numerosas localidades xorden iniciativas de axuda humanitaria a Ucraína. Na Coruña, por exemplo, naceu a primeira entidade galega de axuda pola guerra: AGA-UCRAÍNA, co fin de recoller e enviar axuda material, así como facilitar a chegada e o aloxamento aos refuxiados.


Artigo de interese:

Pevny, Olenka. El patrimonio cultural ucraniano se enfrenta a la destrucción. En: The Conversation.

No hay comentarios: