viernes, 29 de abril de 2022

A Universidade da Coruña nos rankings de universidades

A elaboración de rankings de universidades proliferou bastante nas últimas décadas. Desde que en 2003 naceu o Academic Ranking of World Universities (ARWU), tamén coñecido como Ranking de Shangai, foron aparecendo distintas listaxes orientadas á clasificación e avaliación destas institucións.

Para coñecer os resultados da UDC nos distintos rankings, tanto internacionais como nacionais, pódese consultar a páxina A UDC nos rankings universitarios, na que se presentan informes detallados de cada un deles, elaborados pola Unidade de Análise e Xestión de Datos (AXD).

Recentemente veñen de actualizarse algúns destes rankings:

  • Na edición 2022 do ranking Scimago (ranking de institucións académicas relacionadas coa investigación, clasificadas de acordo a un indicador que combina tres diferentes índices baseados nos resultados de investigación, innovación e impacto social), a UDC ocupa o posto 438 de entre as 4364 institucións de educación superior avaliadas, mellorando 36 postos con respecto á edición anterior. No ámbito nacional, tamén mellora a posición da edición anterior (posto 35 de 74). Dentro do Sistema Universitario Español, destaca o seu posto en Innovación, obtendo a mellor posición histórica, co posto 25. Ademais, mellora en Investigación chegando á posición 36 de España. No que respecta ás áreas de coñecemento, a UDC destaca a nivel nacional especialmente en Enxeñaría Naval e Oceánica, ocupando o segundo posto.
  • No ranking Dyntra, que é unha plataforma que estuda a transparencia á hora da publicación de datos nas webs de distintas organización, a UDC ocupa o segundo lugar das 50 universidades públicas españolas avaliadas.
  • Por último, no QS Top Universities Ranking, que compara as principais universidades de todo o mundo, a UDC segue a situarse, por quinto ano consecutivo, entre as mil mellores, no rango de 801 a 1000. Este ranking baséase en seis indicadores: prestixio académico, prestixio laboral, calidade educativa, impacto da investigación e internacionalización do alumnado e do profesorado.

Aínda que xa se publicou a comezos deste ano, tampouco podemos esquecer citar o ranking académico de institucións de educación superior de todo o mundo tendo en conta a súa presenza e impacto na web, Webometrics, elaborado polo Laboratorio de Cibermetría do CSIC, organismo público de investigación en España. Nesta última edición a UDC colócase na posición 34 en España, das máis de 250 institucións consideradas, na posición 366 de Europa de entre as máis de 5000 institucións avaliadas, e no 872 do mundo das máis de 11000 institucións estudadas. Isto sitúa a UDC entre o 7% das universidades con maior rendemento web do mundo, entre o 6% en Europa e entre o 13% en España.

Tamén cabe salientar a presenza da UDC entre as 50 universidades máis sustentables do mundo e cuarta das españolas no ranking internacional GreenMetric, que proporciona unha clasificación atendendo ás políticas relacionadas co medio ambiente (loita contra o cambio climático mundial, conservación da enerxía e a auga, reciclaxe de residuos…) nas universidades de todo o mundo. Nesta ligazón pódese consultar un informe da Oficina de Medio Ambiente sobre o resultado da UDC na última edición deste ranking.

Para concluír, expoñemos que a pesar da súa expansión, os rankings non están exentos de recibir críticas en canto á súa fiabilidade, xa que ésta dependerá da calidade dos datos nos que se basea, a metodoloxía seguida, a transparencia, etc. Neste sentido recuperamos como exemplo a publicación “Los rankings de Universidades: Un ensayo parcial”, de Isidro F. Aguillo, responsable do ranking Webometrics, na que reflexiona sobre a reputación destes rankings.

No hay comentarios: