martes, 16 de mayo de 2023

Francisco Fernández del Riego


 

Este ano o Día das Letras Galegas homenaxea a Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá 1913-Vigo 2010), posiblemente a figura máis premiada da historia da cultura galega e un persoeiro fundamental para o seu sostén antes e despois da Guerra Civil. El foi o artífice da creación hai 60 anos desta efeméride na que reivindicamos a literatura, a lingua e a cultura de Galicia.

A súa biografía destaca polo seu activismo ao longo de toda a vida, participando en organizacións xuvenís como Ultreya ou a Federación de Mocedades Galeguistas ou incorporándose durante a República no Seminario de Estudos Galegos, no Partido Galeguista e no consello galego de Galeusca en prol da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia. Nesa etapa, a súa vertente política conxúgouna coa colaboración asidua en El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Ser, Alento, Nós e Galiza.

Despois do golpe de estado franquista, o profesor de Dereito Civil na USC é depurado e comeza a desenvolver a súa carreira en Vigo, onde a súa actividade será continuamente vixiada. Tras un conato de refundación do Partido Galeguista na clandestinidade, frustrado pola detención de Ramón Piñeiro, Del Riego céntrase na produción cultural do que son proba a fundación, xunto con Xaime Isla, da Editorial Galaxia no 1950 e o lanzamento das coleccións Grial (primeira etapa) e Salnés, onde Celso Emilio Ferreiro publicará Longa noite de Pedra. Influíu en Álvaro Cunqueiro, amigo da infancia, para que voltase escribir en galego durante a ditadura e a súa firma está presente nas máis importantes cabeceiras da segunda metade do século XX: La Noche, La Región, Faro de Vigo, Vida gallega ou La Voz de Galicia.

En 1963 comeza a segunda etapa da revista Grial, que codirixiu durante 100 números. Instaura o Día das Letras Galegas xunto con Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román ante a Real Academia Galega, onde ingresara tres anos antes. A doazón da Colección Penzol concluirá coa inauguración da primeira biblioteca de Vigo da que Francisco Fernández del Riego foi director ata poucos meses antes de morrer.

Sempre tivo un papel fundamental como ponte entre xeracións, ideoloxías e entre a Galicia de aquén e de alén do mar. Participou en numerosas iniciativas coas sociedades galegas no estranxeiro e realizou un importante labor na divulgación cultural.


O Consello da Cultura Galega publicou a programación completa do Día das Letras Galegas 2023. Entre as numerosas actividades conmemorativas organizadas para este día destacan as seguintes:

  • O acto central das Letras Galegas deste ano terá lugar en Vilanova de Lourenzá (Lugo). Alí inaugurouse o pasado xoves a Exposición ‘Franciso Fernández del Riego. Cos ollos do espírito’, que poderá verse tamén proximamente en Vigo e en Santiago de Compostela. Comisariada por Malores Villanueva e Malós Cabrera, conta con abundante material gráfico xunto a 14 paneis.

  • 13ª edición do Concerto das Letas Galegas a cargo da Real Filarmónica de Galicia, dirixida por Maximino Zumalava e acompañada polo coro Rías Baixas, o martes 16 de maio ás 20:30h no Teatro Afundación de Vigo (antiguo Teatro García Barbón). No concerto estréase a peza Sinfonietta de Brais González Pérez, sobre textos de Salvador García-Bodaño e Xaime Isla Couto dedicados a Francisco Fernández del Riego. O concerto será retransmitido pola web do Consello da Cultura Galega e ao día seguinte pola segunda canle da Televisión de Galicia.

 

Outras ligazóns de interese:

  • Real Academia Galega-Letras Galegas 2023, con información biográfica, entrevistas ou ligazóns de interese sobre o homenaxeado. Entre o material que acolle a web podemos atopar o documental de 6 episodios producido pola RAG titulado Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu.
  • Primavera das Letras: proxecto da RAG para achegar ao público infantil a figura de Francisco Fernández del Riego a través de recursos lúdicos e didácticos.

 

Podedes consultar nesta ligazón a bibliografía que do autor ou sobre o autor temos nos fondos da Biblioteca da UDC. Tamén están á vosa disposición as obras dixitalizadas relacionadas con el en Galiciana.

 

No hay comentarios: