Servizo de Biblioteca da UDC
Blog do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña
viernes, 15 de marzo de 2024
As publicacións científicas da UDC no 2023 segundo as bases de datos Web of Science e Scopus
miércoles, 6 de marzo de 2024
8 de marzo, Día Internacional da Muller
viernes, 1 de marzo de 2024
O output da actividade científica da UDC na Web of Science e Scopus: 2013-2023
viernes, 23 de febrero de 2024
O impacto da actividade científica da UDC: actualización 2023
Observamos, na seguinte táboa, a evolución da cifra de publicacións nos últimos anos:
En canto ao número de citas, neste gráfico pode verse para cada ano as citas que recibiron os artigos da UDC publicados nese periodo de tempo:
viernes, 9 de febrero de 2024
Informe IUNE 2023
Unha das partes máis interesantes do informe son os
indicadores relativos á actividade investigadora das universidades, que se
distribúen en cinco grandes grupos: produtividade, colaboración (nacional e
internacional), impacto da investigación (citas recibidas e documentos non
citados), visibilidade (porcentaxe de publicacións no primeiro cuartil e nas 3
primeiras revistas de cada disciplina) e acceso aberto. Para a súa elaboración,
úsase como fonte de información a plataforma Web of Science e os seus
principais índices de citas.
Como cada ano, extraemos do informe os datos relativos á
actividade investigadora da UDC ao longo do período analizado, que presentamos
nas seguintes táboas de elaboración propia.
Vemos un aumento significativo na década que abrangue o
informe dos indicadores relativos as publicacións por profesor, a colaboración
internacional e as publicacións en acceso aberto.
A continuación mostramos a evolución da posición da
UDC no ranking nas distintas categorías respecto ao informe de 2022,
en negriña destacamos os campos nos que a universidade mellorou a súa posición
e en vermello aqueles nos que a empeorou.
Mellora o seu posto en aspectos como as citas por profesor, colaboracións internacionais, o número de publicacións no primeiro cuartil, e o número de publicacións editadas en revistas situadas no top 3 das distintas categorías dos citation index de WoS (en termos relativos); neste último eido a UDC destaca situándose na sétima posición. Porén, empeora lixeiramente a súa posición nos indicadores de publicacións por profesor e na colaboración a nivel nacional.
Desde a edición de 2022, o informe incorpora indicadores da actividade investigadora emerxente, con información extraída do Emerging Sources Citation Index de Web of Science. Mostramos nunha táboa os datos relativos á nosa universidade.
Respecto ao informe do ano pasado, a UDC mellora lixeiramente a súa posición en catro dos cinco indicadores de actividade científica emerxente, como se pode ver na seguinte táboa.
Podedes consultar o informe completo nesta web, onde teredes a posibilidade de ampliar a información relativa á UDC, filtrar os datos por áreas de investigación ou acceder á información da actividade investigadora do resto de universidades españolas.
jueves, 25 de enero de 2024
Highly Cited Researchers 2023: investigadores altamente citados
A mediados de novembro de 2023 Clarivate fixo pública a súa listaxe de Highly Cited Researchers 2023, que inclúe os investigadores máis influíntes na última década nos seus respectivos campos, para o cal toma en consideración os artigos incluídos na Core Collection de Web of Science situados no 1% dos máis citados no seu eido entre os anos 2012 e 2022.
Un dos aspectos máis destacables desta edición é a aplicación duns criterios e estándares de avaliación e selección dos candidatos máis rigorosos que en edicións previas, co obxectivo de ser máis eficaces á hora de detectar posibles fraudes e malas praxes. O proceso comezou coa elaborción dunha listaxe preliminar cos artigos máis citados da última década. A continuación, aplicáronselle unha serie de filtros e controis para identificar diferentes factores (hiper-autorías, autocitacións excesivas, patróns inusuais de citacións en grupos...) que implicasen a exclusión de investigadores. Como resultado, e segundo Clarivate, máis de 1000 posibles candidatos foron excluídos da listaxe final, o dobre que en 2022.
Concédense nesta última edición un total de 7.125 recoñecementos a 6.849 investigadores, máis do 80% dos cales levan a cabo a súa actividade en institucións sitas nun reducido número de países (10). Estados Unidos é o país que máis investigadores aporta, cun total de 2.669, o que representa un 37,4% do total; esta porcentaxe, no entanto, diminuíu case 6 puntos nos últimos cinco anos. En segundo lugar aparece China, con 1.275 investigadores, o 17,9% do total, unha porcentaxe que aumentou un 10% no mesmo periodo, o que parece indicar un certo reequilibrio de forzas no taboleiro científico e investigador internacional, no que China gaña importancia e Estados Unidos, aínda que mantén o seu liderado, a perde. O resto de países do top 10 son: Reino Unido (574), Alemaña (336), Australia (321), Canadá (218), Países Baixos (195), Francia (139), Hong Kong (120) e Italia (115).
En canto ás institucións máis representadas, a Chinese Academy of Sciences lidera a listaxe con 270 mencións, seguida pola Universidade de Harvard, que perde o primeiro posto, con 237, e a Universidade de Stanford, con 126. A nivel europeo, destacan a Universidade de Oxford, con 62, e a Max Planck Society, con 59, que ocupan, respectivamente, a novena e décima posición.
Polo que respecta a España, nesta edición figuran 104 investigadores que teñen a súa filiación principal en institucións españolas, o que sitúa ao país no posto 12 do ránking, o mesmo que ocupaba en 2022. O Consejo Superior de Investigaciones Científicas, con 20, a Universitat de Barcelona, con 9, e a Universidad de Granada, con 6, son as institucións cun maior número de investigadores altamente citados.
O Sistema Universitario de Galicia, pola súa parte, está representado por un investigador: Álvaro Goyanes, da Universidade de Santiago de Compostela.
viernes, 19 de enero de 2024
Bibliometría narrativa nos sexenios 2023
Como vimos na anterior entrada do blog, na convocatoria de sexenios de 2023, e como resultado da adhesión da ANECA ao movemento de reforma da avaliación da investigación, introdúcese un reaxuste na combinación de métodos cualitativos e cuantitativos para valorar as achegas presentadas.
Así, será necesaria a xustificación, a través dunha narrativa, da relevancia e impacto científico e social das aportacións. E os indicadores cuantitativos, que ata o de agora eran o principal referente á hora de avaliar as contribucións, pasan a considerarse un apoio da dita narrativa e deben usarse de xeito responsable e contextualizado. Deste xeito, a bibliometría narrativa non só achega datos numéricos, senón que os explica e os dota de contexto.
Para completar a narrativa, o solicitante poderá apoiarse en múltiples indicadores: citas recibidas contextualizadas, proxección nacional e internacional, proxectos que financiaron a investigación, premios recibidos, traduccións da obra, contribucións á xeración de impacto social, etc. Tal e como se sinala no apéndice “Dimensiones, métricas y fuentes de la bibliometría narrativa” da Resolución de 5 de diciembre de 2023, de la Comisión Nacional Evaluadora de la Actividad Investigadora, por la que se publican los criterios para la evaluación de la actividad investigadora, do que vos recomendamos a atenta lectura, as métricas e indicadores que servan de base á narrativa poderanse extraer a distintos niveis:
- Nivel de aportación: aquelas métricas sobre o impacto e difusión das contribucións en si mesmas, no que haberá que atender a 4 dimensións:
Métricas de citación: usando indicadores de citación normalizada por categoría e reconto de citas excluíndo autocitas.
Métricas de uso e lectura: reconto de descargas, visualizacións en repositorios, plataformas editoriais, infraestruturas dixitais académicas.
Métricas de influencia ou adopción social: mencións procedentes de fontes externas ao ámbito académico e medios de publicación tradicionais: número de mencións en medios de comunicacións ou en informes de políticas públicas.
Métricas de visibilidade social: métricas procedentes de plataformas sociais, preferentemente académicas e especializadas, inclúense as mencións e interaccións que propiciaron as aportacións.
- Nivel do medio de difusión: métricas que atenden á calidade e prestixio do medio (revista, editorial) no que se difunde a obra, no que se incluirán as seguintes dimensións:
Métricas de impacto científico do medio: diversos indicadores cuantitativos que ofrecen información sobre o impacto da revista na que se difunde a contribución ou da editorial.
Métricas sobre a calidade na xestión do medio: taxas de aceptación, tipo de revisión por pares, internacionalización. Verifícanse a través de certificacións acreditativas de boas prácticas
- Nivel de contribución científica en aberto: métricas sobre a difusión en aberto da obra e/ou os datos, no que se poderán tratar dimensións como:
Depósito ou publicación en repositorios dixitais de acceso aberto: valoraráse a difusión en acceso aberto e sen restriccións, a publicación en revistas e plataformas de acceso aberto diamante (sen restricións nin tasas para lectores nin autores).
Compartición datos, metodoloxías, programas de ordenador e modelos de aprendizaxe automático a través de repositorios ou outras plataformas destinadas a tal fin.
Ciencia aberta á sociedade: colaboración e implicación da cidadanía durante o proceso de investigación, diálogo con axentes sociais.
É importante a consulta da táboa 1 “Lista de posibles metricas, fuentes y dimensiones para evidenciar el valor de cada aportación”, da dita resolución para coñecer máis polo miudo as fontes de onde extraer as distintas métricas.
Deixámosvos ademais a ligazón a un traballo de recente publicación que vos pode ser de grande utilidade xa que inclúe exemplos concretos de posibles narrativas:
viernes, 15 de diciembre de 2023
Novidades Sexenios 2023
jueves, 30 de noviembre de 2023
Día Mundial da Sida 2023
lunes, 16 de octubre de 2023
A Universidade da Coruña no Ranking THE: Times Higher Education World University Ranking (edición 2024)
Recentemente vén de publicarse a edición 2024 do THE: Times Higher Education World University Ranking, que publica un ranking das mellores universidades a nivel mundial. O ranking avalía ás universidades utilizando 18 indicadores de rendemento centrados en cinco factores: docencia, investigación medioambiental, calidade da investigación, transferencia de coñecemento e proxección internacional. A clasificación deste ano analizou máis de 134 millóns de citas en máis de 16,5 millóns de publicacións de investigación e incluiu respostas a enquisas de 68.400 académicos. Ademáis recompiláronse máis de 400000 conjustos de datos proviñentes de case 2700 institucións. Este ranking Inclúe case de 1900 universidades de todo o mundo, entre elas 60 españolas.
Ao igual que en anos anteriores, a universidade inglesa de Oxford encabeza o ranking mundial. O segundo posto ocúpao a universidade de Stanford e o MIT (Massachusetts Institute of Technology desbanca á universidade de Cambridge escalando desde o quinto ao terceiro posto.
Respecto á nosa universidade, sitúase na banda 1001-1200 do total de institucións avaliadas en todo o mundo. A nivel nacional ocupa o posto 36 das 60 universidades estudadas, nas que destacan nos tres primeiros postos universidades de Cataluña: Universitat de Barcelona, Universitat Autònoma de Barcelona e Universitat Pompeu Fabra. En canto ao conxunto das universidades galegas as Universidades de Coruña sitúase por detrás das universidades de Vigo e Santiago de Compostela que ocupan a franxa 801-1000 e 601-800 respectivamente.
O Times Higher Education (THE) publica ademáis o Young University Ranking, que tamén é un ranking das mellores universidades a nivel mundial, pero menores de 50 anos. Baséase nos mesmos indicadores que o anterior ranking, pero as ponderacións axustáronse para dar menos peso á reputación. A edición deste ano inclúe 963 universidades, fronte ás 539 do ano anterior. Nesta nova edición a UDC segue figurando entre os postos 351-400.
Esta plataforma tamén mide o grao en que as universidades contribúen a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. No Impact Ranking 2023 está na franxa 201-300, e no que respecta aos 17 obxectivos, a Universidade da Coruña destaca no obxectivo 5. Igualdade de xénero, no obxectivo 15. Vida de ecosistemas terrestres, no obxectivo 17. Alianza en favor dos obxectivos, e especialmente no obxectivo 4. Educación de calidade, no que a UDC ocupa o posto 13 a nivel mundial e o posto 3 no ranking español por detrás de Vigo e a Universidade Rovira e Virgili.
A evolución da UDC neste ranking pódese ver con máis detalle nuns gráficos desta páxina, da que é responsable a Unidade de Análise e Xestión de Datos (AXD), que centraliza e analiza a información para cubrir estatísticas de carácter oficial. Neste sentido, inclúen un amplo apartado dedicado á UDC nos rankings universitarios, no que se presentan informes de diferentes rankings, tanto nacionais como internacionais, con datos sobre a nosa universidade en cada un deles.
lunes, 11 de septiembre de 2023
Presentación do Servizo de Biblioteca da Universidade da Coruña
Esta semana comeza un novo curso académico na universidade e nesta publicación faremos unha breve presentación do Servizo de Biblioteca da UDC, principalmente dirixida aos que vos incorporades este ano por primeira vez á universidade pero que tamén pode servir como recordatorio para os que nos acompañades desde hai anos.
Instalacións e horario
O Servizo de Biblioteca conta cunha Biblioteca Central e 15 bibliotecas das distintas escolas e facultades, repartidas nos diferentes campus da universidade. Como membros da comunidade universitaria tedes acceso a tódalas bibliotecas en igualdade de condicións, e por conseguinte, a tódolos seus fondos. O horario xeral de atención ao público é de 08.30 a 21.30, de luns a venres, que pode verse reducido en periodos de vacacións.
Aínda que non dependen do Servizo de Biblioteca, tamén tedes á vosa disposición tres grandes aulas de estudo nos campus de Riazor, Elviña e Esteiro con horarios máis amplos en época de exames.
Recursos e servizos
Nas bibliotecas podedes atopar toda a información que precisedes para as clases e os traballos de aula: os documentos que recomenda o profesorado en cada materia (bibliografía recomendada), libros e revistas en papel, así como documentos electrónicos (bases de datos, libros e revistas electrónicas). Tamén ofrecemos recursos para o tempo de lecer como películas, series, cómics, novelas, etc.
Entre os servizos que ofrecemos destacan:
- Préstamo das obras da nosa colección. Ademais, a través da vosa biblioteca podedes solicitar en préstamo os fondos doutras bibliotecas da UDC sen necesidade de desprazarvos (préstamo intercentros).
- Préstamo interbibliotecario, que posibilita solicitar a outras bibliotecas aqueles documentos (orixinais ou copias) que non forman parte da colección da biblioteca da nosa universidade.
- Préstamo de portátiles e lectores de libros electrónicos (só nalgunhas bibliotecas).
- Cursos de formación.
- Salas de traballo en grupo.
- Actividades culturais.
Páxina web, redes sociais e contacto
Podedes consultar máis información sobre todos os servizos e recursos de información na páxina web da Biblioteca Universitaria. Ademais, case tódalas bibliotecas das diferentes escolas ou facultades teñen páxinas web propias, nas que obteredes información adicional e atoparedes información máis específica sobre as materias do voso interese.
E, por suposto, lembrade que calquera dúbida que teñades sempre podedes contactar con nós por correo electrónico, por teléfono, nas nosas redes sociais ou empregando o formulario en liña Contacta coa biblioteca.
Ligazóns de interese
- Vídeo de presentación do Servizo de Biblioteca
- Folleto para o novo alumnado - Plano do Campus da Coruña - Plano do Campus de Ferrol
- Guía para o novo alumnado
viernes, 1 de septiembre de 2023
Ranking Web de Universidades - Webometrics: actualización xullo 2023
As institucións de educación superior aparecen clasificadas de acordo a 3 criterios:
- Impacto: constrúese a partir das ligazóns recibidas de terceiros. Ten un valor do 50%.
- Apertura: número de citas dos principais autores segundo a fonte Google Scholar Citations. Ten un valor do 10%.
- Excelencia: inclúe os artigos de calidade situados entre o 10% máis citado de cada especialidade. Ten un valor do 40%.
No que respecta a España, os primeiros postos ocúpaos a Universidad de Barcelona e a Complutense de Madrid. A UDC atópase no posto 34 de 276 institucións incluídas. As outras universidades galegas, Vigo e Santiago, ocupan as posicións 40 e 54 respectivamente.
A nivel de Europa, liderada pola Universidad de Oxford, a UDC aparece no posto 356 de 6000, e a nivel mundial, no que se atopa en primeiro lugar a Universidad de Harvard, a UDC ocupa o posto 889 das máis de 11989 instituciones incluídas. Estes datos sitúan á UDC entre o 7,5% das universidades con maior rendemento web do mundo, entre o 6% en Europa e entre o 12,4% en España.
Por indicadores, a UDC sitúase no posto 1129 en impacto (36º posto a nivel España), no 679 en apertura (30º posto a nivel de España), e no 1204 en excelencia (40º posto a nivel de España).
jueves, 20 de julio de 2023
Lecturas de verán 2023
- Na Biblioteca de Socioloxía e CC. Da Comunicación realizaron unha selección de Artbooks que che axudarán a comprender como foi o proceso de creación de películas e videoxogos. Podedes consultar o documento que recolle esta recompilación na súa conta de Calameo.
- A Biblioteca da Facultade de Economía e Empresa seleccionou lecturas relacionadas coa alimentación saudable e hábitos alimentarios recomendadas polo Programa Green Campus da Facultade. Tedes información no seu Facebook e tamén podedes velas presencialmente nas súas instalacións.
viernes, 7 de julio de 2023
As publicacións científicas da UDC no 2022 segundo as bases de datos Web of Science e Scopus
En anteriores post analizamos o impacto e o output da actividade científica da UDC nos últimos 10 anos segundo as bases de datos Web of Science (WoS) e Scopus. Neste novo post recompilaremos os datos máis destacados das publicacións de 2022 recollidas en ambas bases de datos.
O número de documentos na WoS neste último ano é de 1412, dos que 907 figuran en acceso aberto. Refinando máis este último aspecto, extraemos os seguintes datos:
- 459 pertencen á versión Dorado, que son artigos que se publican en revistas rexistradas no “Directorio de revistas de acceso abierto” (DOAJ).
- 263 á versión Dorado híbrido: son artigos de acceso aberto que teñen unha licenza de Creative Commons (CC) da base de datos Unpaywall de Our Research, pero non están rexistradas en DOAJ.
- 55 á versión Lectura gratuita: a licenza destes artigos non está moi clara ou aparecen na base de datos Unpaywall de Our Research, como artigos sen licenza de CC. Son artigos que se poden consultar de forma gratuíta ou artigos de acceso público que se atopan en sitios web de editoriais.
- 599 á versión verde e publicado: son versións finais e publicadas de artigos aloxados en repositorios institucionais ou temáticos.
- Hai 197 documentos de versión verde que están na fase de enviados ou enviados e aceptados, pero sen publicar.
Segundo a tipoloxía documental, os artigos son claramente a tipoloxía máis numerosa, con 1042 documentos (o 73,8%), seguidos das comunicación en congresos con 206 (o 14,58%), tal e como se observa no seguinte gráfico de elaboración propia: