O Día
das Letras Galegas vén tendo lugar todos os dezasetes de maio desde 1963. A
primeira homenaxeada foi Rosalía
de Castro, porque precisamente nesta data conmemórase o centenario da
primeira edición en 1863 da súa obra Cantares Gallegos.
Este ano 2013, o protagonista das Letras Galegas será o
autor, director e actor de teatro Roberto Vidal Bolaño
(Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1950 – Santiago de Compostela, 11 de
setembro de 2002). Vidal Bolaño é unha figura imprescindible para coñecer a
dimensión do teatro galego e tamén o dramaturgo máis prolífico da literatura
galega, un cineasta que dirixiu teatro porque non puido facer cine.
Se vos interesa coñecer a súa obra podedes consultar no noso
catálogo todos os documentos
que temos del e sobre el na Biblioteca da UDC. Tamén podedes botarlle un
ollo á Guía
de lectura elaborada pola Biblioteca Municipal de Estudos Locais da Coruña ou
ao blog que crearon os
compañeiros da Universidade de Santiago de Compostela, ademais da páxina da Asociación Roberto Vidal Bolaño, entidade que naceu en 2012 co obxectivo de
promover a figura do autor dez anos despois da súa desaparición.
Na Universidade da Coruña haberá diversos
actos:
- Hoxe, 15 de maio, na Facultade de Filoloxía ás 13:00 h,
inauguración na súa Biblioteca da exposición dos fondos documentais (cartaces,
folletos e prensa) do Arquivo-Teatral
Francisco Pillado Maior e, a seguir, realizarase unha lectura colectiva de
textos.
- O 16 de maio, na Facultade de Economía e Empresa farase o
acto de entrega dos premios do II Concurso de
relatos curtos, organizado por esta Facultade e que este ano leva como tema
a lingua e a empresa. O acto terá lugar na aula 2.11 ás 10.00 h.
- O 22 de maio, na Facultade de Ciencias da Educación, ás 17.00
h, mesa redonda con representantes de diversas asociacións culturais: Lucía
Díaz, Zeltia Méndez, Iria López, Álvaro Pérez, María Castro e Abel Vale. Ás 18.30
h, haberá a actuación do grupo Ad Libidum que musicarán poemas do escritor
baiés Enrique
Labarta Pose.
3 comentarios:
Estupendo
Publicar un comentario