viernes, 31 de enero de 2020

Os libros electrónicos de Wiley Online Library

Entre os meses de xaneiro e outubro do pasado ano 2019, a Biblioteca da UDC tivo acceso á colección completa de libros electrónicos de Wiley Online Library, grazas ao acordo EBS (adquisición baseada na evidencia) subscrito coa editorial polo Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. Este tipo de adquisición é unha opción vantaxosa para a biblioteca, xa que permite acceder durante un determinado período de tempo á colección completa e, despois deste período, adquirir os libros seleccionados pola biblioteca segundo os datos de consulta e uso dos mesmos. Desta forma, o modelo EBS permite que a biblioteca poida realizar a selección e adquisición dos títulos máis relevantes e interesantes para os seus usuarios.

Tras esta selección en 2019, xunto cos EBS do ano 2017 e 2018, na actualidade pódese acceder  a 1.184 títulos de carácter científico, de 17 coleccións temáticas: Agricultura e Ciencia dos Alimentos, Arquitectura, Arte, Economía, Finanzas e Contabilidade, Química, Informática, Humanidades, Dereito, Ciencias da Vida, Matemáticas e Estatística, Medicina, Enfermaría, Físicas e Enxeñaría, Psicoloxía, Ciencias Sociais e do Comportamento. 

Os libros adquiridos poden consultarse a través do xestor de enlaces SFX de Pórtico ou dende a páxina web da biblioteca a través de Libros electrónicos. Tamén están incluídos no catálogo da biblioteca, aínda que polo de agora non está engadida a selección deste último ano.
A páxina de inicio de cada libro mostra unha biografía do autor, unha táboa de contido de todos os capítulos dese libro e a opción de descargar cada capítulo como un PDF. Tamén se ofrece a opción de descargar o libro completo en formato PDF.
Wiley conta cunha páxina de recursos en español onde podedes atopar unha guía de usuario, vídeos autodidácticos e mesmo sesións de capacitación virtual. 

Ademais da colección desta editorial, a Biblioteca da UDC conta con moitos máis libros  electrónicos que inclúen obras de referencia e outras coleccións temáticas e multidisciplinares. Todas elas pódense consultar nesta ligazón da páxina web.

martes, 28 de enero de 2020

Materiais de formación para estudantes de grao sobre competencias dixitais


REBIUN (Red de Bibliotecas Universitarias Españolas) vén de crear este portal formativo, dirixido a estudantes de grao, que capacita en competencias dixitais. Antes de presentarvos os contidos incluídos no portal e a estrutura do mesmo, consideramos necesario definir o concepto de competencia dixital: “A Competencia Dixital implica o uso crítico e seguro das Tecnoloxías da Sociedade da Información para o traballo, o tempo libre e a comunicación. Apóiase nas habilidades do uso de ordenadores para recuperar, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, e para comunicar e participar en redes de colaboración a través de Internet” (European Parliament and the Council, 2006). Como podemos ver, trátase dunha competencia clave que resulta cada vez máis necesaria para poder participar de forma significativa na nova  sociedade e economía do coñecemento deste século  XXI.

Centrándonos no material incluído no portal, estrutúrase segundo o Marco de competencia digital para estudiantes de grado: adaptación de DIGCOMP, que consta de 5 áreas, con 21 competencias en total. Para cada competencia, inclúense vídeos, presentacións e cuestionarios. A continuación, resumiremos brevemente os temas a tratar en cada unha das competencias:

Competencia 1: Información e tratamento de datos: proporciónase información sobre como empezar a elaborar un traballo académico (contextualizando o tema, realizando buscas…), identificar as principais fontes de información (o catálogo da biblioteca, bases de datos) e avaliar e seleccionar a gran cantidade de información atopada. Tamén se dan directrices de como gardar e organizar a información na contorna dixital, ademais de coñecer os sistemas de citas e referencias e a utilidade dos xestores bibliográficos para os traballos académicos.
Competencia 2: Comunicación e colaboración: proporciónanse recomendacións para comunicarse correctamente na contorna dixital, ademais de dar a coñecer ferramentas como RSS para manterse ao día ou os servizos de participación a través de redes sociais que están á vosa disposición para o desenvolvemento académico e profesional. Tamén se tratan as posibilidades que ofrece a nube para o traballo colaborativo en liña a través de ferramentas como Dropbox ou Google Drive. Por último, abórdase o tema da identidade dixital e como xestionala de forma eficaz.
Competencia 3: Creación de contido dixital: facilítanse aplicacións de edición de vídeo, texto e audio que tedes ao voso alcance para facer presentacións para expoñer na clase, realizar infografías, diagramas, etc. Tamén se realiza unha introdución á normativa sobre os dereitos de autor, sinalando cales son os principais tipos de plaxio e as estratexias para evitalo, así como a utilidade das licenzas Creative Commons.
Competencia 4: Seguridade: proporciónanse recomendacións para protexerse dos riscos e ameazas asociados ao mundo dixital (utilización de antivirus, evitar redes WIFI públicas, actualizar o software, crear contrasinais seguros, etc.), protexer os datos persoais e a privacidade en Internet, comprar de forma segura ou reducir a publicidade non desexada, entre outros.
Competencia 5: Resolución de problemas: preténdese aprender como identificar problemas técnicos e resolvelos no que respecta ao uso de dispositivos dixitais, así como coñecer ferramentas e tecnoloxías que sirvan de apoio para resolver problemas de forma creativa. Ademais proporciónase información sobre as plataformas de aprendizaxe e outros espazos creativos.

viernes, 17 de enero de 2020

Concepción Arenal: bicentenario do seu nacemento

Imaxe: Almanaque Gallego, 1898

O vindeiro 31 de xaneiro cumpriranse 200 anos do nacemento de Concepción Arenal. Son numerosas as actividades conmemorativas que se levarán a cabo ao longo deste ano co gallo deste aniversario, polo que con esta publicación pretendemos informarvos delas, ademais de achegarvos unhas breves aportacións sobre a vida desta escritora e activista social que foi pioneira do feminismo en España.  
Aínda que naceu en Ferrol en 1820, na súa adolescencia (concretamente en 1834) trasládase a Madrid. Sete anos despois entra, contra a vontade da súa nai, como oínte na Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid,  vestindo roupas masculinas, xa que a educación universitaria estaba vetada ás mulleres naquela época. Vestida tamén de home, participa en faladoiros políticos e literarios, loitando así contra o establecido na época para a condición feminina. Posteriormente converteríase tamén na primeira muller en recibir o título de Visitadora de Cárceres de Mulleres e fundaría a Constructora Benéfica, entre outros moitos feitos relacionados coa incorporación das mulleres á vida pública e á educación, a mellora dos cárceres e do Dereito Penal, así como das condicións de vida das persoas máis desfavorecidas.

En canto ás actividades conmemorativas anunciadas polo momento, a nivel nacional destacamos a exposición que a Biblioteca Nacional de España acollerá entre o 23 de xullo e o 25 de outubro. Xa en Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela vén de anunciar que desenvolverá diferentes iniciativas xunto con institucións como o Consello da Cultura e a Xunta a través de Cultura e Igualdade, entre outras. As máis destacadas son:

  • Unha exposición no Colexio de Fonseca programada para o mes de setembro baixo o título “Concepción Arenal. A conciencia da razón”.
  • Un congreso internacional no mes de outubro no que diferentes especialistas abordarán a figura de Concepción Arenal dende un enfoque multidisciplinar.
  • Concertos entre os meses de setembro e novembro, nos que o repertorio estará guiado pola relación de diversos compositores coa escritora ferrolá.
  • Premio de investigación Concepción Arenal.

Ademais, impulsaranse edicións facsimilares de varias das súas obras.
Na súa cidade natal, Ferrol, o Concello colocará unha placa na súa casa natal o propio día 31, ademais de realizarse unha ofrenda floral no monumento que a lembra no barrio de Esteiro e unha conferencia de Anna Caballé Masforroll, Premio Nacional de Historia de España pola súa obra Concepción Arenal. La caminante y su sombra

Rematamos este post amosándovos a obra que temos de Concepción Arenal e sobre ela na Biblioteca da UDC:

viernes, 10 de enero de 2020

Autores que pasan a dominio público en 2020

Cada 1 de xaneiro, considerado o Día del Dominio Público, pasan a dominio público as obras de moitos autores ao vencer o prazo de dereitos de autor. Isto significa que ditas obras poderán ser editadas, reproducidas ou difundidas publicamente, sen as restricións establecidas polos dereitos de autor.
En España, o Real Decreto Legislativo 1/1996, de 12 de abril, por el que se aprueba el texto refundido de la Ley de Propiedad Intelectual, indica no artigo 26 que “os dereitos de explotación da obra durarán toda a vida do autor e 70 anos despois da súa morte ou declaración de falecemento”. Con todo, para os autores falecidos antes do 7 de decembro de 1987, o prazo será de 80 anos. Cómpre sinalar que para evitar os problemas que podería suscitar a incerteza sobre a data exacta de falecemento, os prazos empezan a computarse o 1 de xaneiro do ano seguinte á morte ou declaración de falecemento. Tendo en conta os prazos sinalados, este ano entran en dominio público as obras daqueles autores falecidos en 1939. 

A Biblioteca Nacional de España (BNE) fixo pública a listaxe dos 181 autores que este ano pasan a dominio público, entre os que destaca Antonio Machado, pero na que tamén figuran outros autores descoñecidos ou esquecidos. Ademais, as obras dos escritores de especial interese desta listaxe están dispoñibles na Biblioteca Digital Hispánica, o portal que dá acceso aos fondos dixitalizados da  BNE.
Como novidade deste ano, púxose en marcha un proxecto na plataforma de enriquecemento colaborativo ComunidadBNE: "Del dominio público: autores españoles fallecidos en 1939". Con esta iniciativa proponse aos usuarios a identificación do lugar e ano de nacemento, ocupación e recensión biográfica do autor se se coñece. Calquera persoa pode participar, e contribuír así a unha mellor representación de todos estes autores nos catálogos da BNE.
Coa información dispoñible, a BNE creou ficheiros publicados como conxuntos de datos abertos e reutilizables, en diferentes formatos no catálogo de datos.gob.es.

Máis información:
- “La obra de Antonio Machado ya es de todos”, no xornal El País.