Este ano o Día das Letras Galegas
homenaxea a Luisa Villalta (A Coruña
1957-A Coruña 2004). Como violinista,
dramaturga,
poeta, narradora, ensaísta, filóloga, articulista e educadora, representa a
cultura galega contemporánea, á que defende co seu activismo continuo en
colaboración con asociacións e proxectos de toda índole.
Naceu e creceu na Coruña. Estudou na cidade e dende os 8 anos estudou
música no seu Conservatorio ata chegar a obter a titulación superior en violino
-como ela o chamaba-. Tras rematar os seus estudos no Instituto Eusebio da
Garda en 1974, estuda en Santiago de Compostela Filoloxía Hispánica e
Galego-Portuguesa. Pero sempre seguirá vencellada á música, formando parte de
grupos de música, de orquestas como a de Santiago ou da Xove Orquestra de
Galicia ou como estudosa. Dende 1988 é profesora de ensino medio en varios
institutos e, dende 1991, exercerá como docente no Instituto Isaac Díaz Pardo
de Sada. O seu alumnado lembra a súa dedicación en defensa do ensino público e
da educación como espazo de libertade e como lugar onde corrixir as
desigualdades.
Luísa Villalta foi unha
escritora multixenérica que abrazou a poesía, a literatura dramática, a
narrativa, o ensaio, o xornalismo de opinión e mesmo cadernos de aforismos e de
carácter memorialístico. Pola súa parte, a música artella toda a súa obra literaria e, máis en
concreto, a súa poesía e o seu teatro.
Como poeta publicou os libros Música Reservada (1991) -o primeiro de toda a súa
obra-, Ruído
(1995), Rota ao interior do ollo (1995), En concreto (2004)
e Papagaio (2006,
póstumo). Participou regularmente en recitais e actos de espallamento da poesía
galega tanto na Galiza como no exterior.
Como dramaturga deixounos Concerto para un home só (1989), O
representante (1990), O paseo das Esfinxes (1991) e As certezas
de Ofelia (1999). E como novelista Teoría de xogos (1997)
e As chaves do
tempo (2001).
Mostra do seu traballo filolóxico son os libros
ensaísticos O
don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992) O outro lado
da música, a poesía (1999), onde estuda a poesía galega e o seu
vencellamento coa música.
O seu artigo
“Mulleres si, pero” e o traballo “Por que os homes non nos len?” condensa as
súas ideas sobre o feminismo. “O
feminismo ten un campo de análise e actuación renovado na medida en que parte
da súa mensaxe está a ser reutilizada como un novo meio de aclimatar unha nova
feminidade, isto é, mudar o necesario para que nada mude”; e insta ás mulleres
a que non se conformen consigo mesmas e amplíen o seu rexistro involucrándose
en terreos inhabituais.
Na súa longa
traxectoria defendeu activamente a
cultura e a lingua galegas: participou nas actividades da Asociación de
Escritoras e Escritores en Lingua Galega en calidade de vogal, coordinou a
"Área de Revisión histórica e análise crítica da cultura" no Foro da
Cultura Galega, e participou constantemente en actos, recitais poéticos, mesas
redondas, debates e pronunciamentos públicos.
A Biblioteca
Universitaria ten unbo fondo da autora, que pon a disposición de toda a comunidade universitaria.
Así mesmo, o Servizo
de Publicacións vén de publicar o seu libro Por que os homes non nos len, con prólogo de María Pilar García
Negro.
Actos na honra de Luisa Villalta
A Universidade da Coruña celebra o 15
de maio dous actos:
-
10:30 horas. Lectura de poemas no Paraninfo da Reitoría.
-
19:30 horas. Concerto de Chicharrón no xardín
da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol.
-
A Biblioteca de Filoloxía inagura a exposición “Letras galegas
2024: Luisa Villalta”. A mostra, amosa
fondos propios das bibliotecas da UDC e da Biblioteca-Arquivo Pillado Mayor,
como o texto orixinal de ‘Música reservada’, o manuscrito inédito da peza
teatral ‘Os pasos contados’ e un caligrama do poema da obra ‘Ruído’, dedicado a
Pancho Pillado. Trátase do único caligrama en cor que realizou Luísa Villalta e
un dos dous que fixo, xunto ao de ‘Rota ao interior do ollo’.
O acto
da Real Academia Galega será o 17 de maio cun pleno extraordinario de Luisa
Villalta a partir das 12:30 horas no Teatro Rosalía da Coruña, que se emitirá en
directo dende academia.gal. As alocucións sobre a homenaxeada serán
pronunciadas polas académicas Ana Romaní e Margarita Ledo, e o académico
Euloxio R. Ruibal. A parte musical correrá a cargo da violinista da Real
Filharmonía de Galicia Kiyoko Ohashi e da cantante e poeta coruñesa Estíbaliz
Espinosa.
A Universidade
Sénior da UDC celebra as Letras Galegas con actos en Ferrol e na Coruña, os
días 16 e 21 de maio, respectivamente.
O Consello
da Cultura Galega e o Concello da Coruña organizan o Concerto das Letras
Galegas, cunha obra orixinal do compositor Federico Mosquera e con texto de
Luisa Villalta. O 16 de maio ás 20:30 h no Teatro Colón da Coruña.
A A.C.
Alexándre Bóveda celebra o xoves 16 o acto Luísa Villalta na lembranza.
Nel, tres amigas repasarán a súa vida e obra: Ana Pillado, Marga do Val e Pilar
García Negro. Ás 19:00 h.
O Roteiro A Coruña de Luisa Villalta: límite exterior, organizado pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, terá lugar o 16 de maio ás 17:00 horas.
Ligazóns de interese
Letras Galegas
2024. Real Academia Galega.
Luisa Villalta:
Día das Letras Galegas 2024. Consello da Cultura Galega.
Primavera das Letras 2024. Real Academia
Galega.
Setestrelo.
Luisa Villalta. Portal das Palabras.
Luisa
Villalta para as pequenas e os pequenos. Real Academia Galega.