Mostrando entradas con la etiqueta Revistas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Revistas. Mostrar todas las entradas

jueves, 8 de mayo de 2025

Scimago Journal & Country Rank e outros rankings do Scimago Lab

Recentemente ven de publicarse a última versión do Scimago Journal & Country Rank, unha ferramenta elaborada anualmente dende 2007 polo Scimago Lab, para avaliar a calidade e o impacto da produción científica por revistas e países, tomando como base os datos da base de datos Scopus do grupo Elsevier. 


 
 
O ranking de revistas ordena as revistas segundo un indicador de impacto propio, o Scimago Journal Rank (SJR), un indicador similar ó factor de impacto que se usa no Journal Citation Report (JCR), pero as principais diferencias son: 

  • O SJR é unha ferramenta de acceso gratuíto, mentres que o Journal Citation Report (JCR) é unha ferramenta de pago. 
  • A fonte utilizada para contabilizar os documentos publicados e as citas recibidas é a bases de datos Scopus, do grupo Elsevier, mentres que o factor de impacto (IF) do JCR toma os datos das bases de datos de WOS. 
  • A fórmula para calcular o SJR utiliza un sistema ponderado de citas, o que quere dicir que as citas non teñen sempre o mesmo valor senón que dependerá da calidade da revista que cita, e  unha ventá de citas de tres anos, así para o ranking do 2024 toma os datos de 2021-2023. 

Ademais dun ranking xeral ordenado polo SJR podemos obter outros, filtrando por áreas, subáreas, limitando a revistas de acceso aberto, de Scielo, que estean recollidas tamén na base de datos WOS, por áreas xeográficas, por países, por tipo de documento e por ano.   

Imagen del ranking general de revistas de 2024




E tamén podemos facer o noso ranking “a carta” combinando todos estes parámetros e descargar os datos nun arquivo excel. 

O listado de revistas pode ser ordenado en función dos diferentes elementos que amosa: índice H de revista, documentos, porcentaxe de traballos de mulleres... E ofrece tamén a posibilidade de acceder ás páxinas do perfil das revistas, clicando no título da mesma, onde se amosa toda a información sobre cada revista: título, ISSN, país de edición, editor, materia e subcategorías nas que publica a revista, valor do SJR e cuartil no que se atopa a revista, etc.





O ranking de países é un listado ordenado dos países produtores dos artigos incluídos nas revistas que recolle a base de datos Scopus. Este listado permite ordenar os países en función dos diferentes indicadores recompilados que son: documentos publicados (e indexados na  base de datos), documentos citables (que veñen sendo artigos, revisións e relatorios de congresos ), autocitas, media de citas por documentos e índice H. Ademais permítenos filtrar por áreas temáticas ou subáreas, rexións ou conxunto de países, ano, por número mínimo de documentos, de documentos citable, ou citas e descargar un excel cos datos da nosa selección.  

 


E de igual xeito que no ranking de revistas, podemos ver as páxinas do perfil de cada país, cunha chea de gráficos moi interesantes, clicando no seu nome.  





Outros  rankings do grupo Scimago 

  • O Scimago Institutions Rank (SIR) ou ranking de Institucións, é un listado ordenado de universidades, empresas ou outras institucións que se dedican a investigación en función dun indicador composto que permiten avaliar  tres aspectos:  a investigación, a innovación e o impacto social.  Utiliza datos dun período de cinco anos sendo dous anos anteriores o ano da edición, así para a edición do 2025 que saíu en marzo empréganse datos do período 2019 –2023, excepto para os indicadores de impacto da web. Toma datos de distintas fontes como Scopus, Unpaywall database, PATSTAT database, Google, Semrush, PlumX  metrics, Mendeley, etc.    

 



O portal permite tanto ver as institucións no ranking xeral, como filtrar por cada un dos aspectos analizados (investigación, innovación ou impacto social ), filtrar por área concreta, por rexión, grupo de países ou por país, por ano e descargar un excel cos datos. Tamén permite ver o perfil de cada unha das institucións ou seleccionar varias delas e comparar o seu rendemento o longo do tempo. 




A fórmula para elaborar o seu ranking basease nun conxunto de 20 indicadores con diferentes pesos para medir a importancia da institución no eido da investigación, da innovación  ou do impacto social. Os criterios para incluír as institucións no ranking son bastante esixente  xa que deben que ter un mínimo de 100 artigos indexados en Scopus no último ano do período de estudo e un 75% destes deben ser artigos “citables” tal como se recolle na súa metodoloxía.






  • O SIR IBER, ou ranking iberoamericano apareceu por primeira vez no 2009. Ofrece datos de universidades, institucións  e empresas que realizan investigación nos países iberoamericanos pero recolle un maior número de institucións que o ranking SIR. Amosa os resultados por institucións, rexións, por exemplo Galicia, e por países.









  • Scimago Media Rankings, como ferramenta para avaliar a reputación dos medios de comunicación dixitais. Basease na combinación de catro métricas importantes do posicionamento web, relacionadas coa autoridade dos dominios e o número de enlaces que reciben doutras páxinas web, proporcionadas polas ferramentas comerciais Majestic e Semrush.  

Permite filtrar por: tipo de contido, tipo de medio, rexión, país ou lingua e por edición.   


 












martes, 21 de enero de 2025

Retractación de artigos: erros, omisións ou mala praxis?

A retractación de artigos é un tema de crecente relevancia e actualidade tanto entre a comunidade científica como entre a cidadanía, posto que cada vez son máis os casos que saltan das revistas especializadas as redes sociais e os medios de comunicación. Un exemplo recente sería a retractación do artigo que espallou as bondandes do uso da hidroxicloroquina como tratamento contra a Covid 19 e  que deu lugar a un uso indiscriminado e sen control debido a que foi recomendado por políticos como Trump e Bolsonaro. Este caso é ademais o 2º artigo retractado máis citado segundo a listado de artigos que recolle Retraction Watch

Mais que é a retractación de artigos?

Malia que poda parecer contradictorio a retractación de artigos é unha ferramenta útil e necesaria para corrixir erros graves de publicación e garantir a integridade e transparencia do sistema de publicación do coñecemento.

Se revisamos a historia da Ciencia podemos comprobar como existe unha longa traxectoria de erros e correccións, aínda que nos últimos tempos o seu uso asóciase máis a fraudes e a omisións mal intencionadas que a un comportamento responsable por parte dos autores ou editores, motivo polo cal isto está a xerar desconfianza cara a Ciencia e o seu sistema de publicación.

Tipos de erros nas publicacións e tipos de correccións

En termos xeral podemos falar de dous tipos de erros nas publicacións:

- Erros honestos que poden ser de moitos tipos. Omisións de informacións, erros metodolóxicos ou estatísticos,  informáticos ou humanos e que poden chegar a facer que os resultados sexan irreproducibles. 

- Erros deshonestos ou de mala conducta. Aquí entraría dende o plaxio de publicacións propias ou alleas, pasando pola manipulación de datos ou imaxes, as omisións deliberadas de información relevante, (como a declaración de conflito de intereses ou a inexistencia de conformidade co estudo por parte do comité de ética correspondente), ata a falsificación ou fabricación de datos. En moitos destes casos tamén se obteñen resultados irreproducibles.

Por outra banda as revistas e editoriais utilizan distintos tipos de notas para corrixir erros de publicación segundo a súa gravidade, que son: as erratas, as expresións de preocupación ou correccións e as retractacións. Pero o emprego dun tipo de nota ou doutro non está normalizado, polo que pode ser un pouco subxectivo e ata cuestionable, chegando incluso a atopar artigos retractados que anteriormente xa recibiran outro tipo de corrección. 

Exemplo de Politica sobre a correción de erros en artigos publicados, da Revista de Investigación en Logopedia.



Situación actual.

Nos últimos anos o número de artigos retractados aumentou exponencialmente, á vez que aumentou tamén o seu control e súa difusión, malia que seguen a ser deficientes. Aínda que a situación mellorou, queda moito por facer xa que se estima que so unha pequena parte dos artigos problemáticos son obxecto deste tipo de correccións, arredor dun 20% (Ortega y Delgado-Quirós, 2023)

Non é un problema sinxelo de resolver, posto que son moitos os factores que inflúen no crecemento dos artigos retractados: o crecemento exponencial do número de artigos e de revistas publicadas, procesos de revisión deficientes, sistemas de avaliación que fomentan practicas pouco éticas dos investigadores, artigos escritos por ferramentas de IA,  etc. 

Ademais, aínda que existen unhas recomendacións do Committee on Publication Ethics (COPE) sobre as retractacións dende 2019, as revistas non sempre o aplican polo que o seu control segue a ser complicado.


Como localizar artigos retractados.

Afortunadamente cada vez temos máis recursos e máis variados para detectar estas publicacións, e incluso xorden novos perfís profesionais como “os caza fraudes” científicos.

A primeira fonte que deberíamos consultar para saber se un artigo foi retractado sería ir a propia revista. No caso das revistas dixitais, ambas publicacións (o artigo e a retractación) deberían estar vinculadas pero non sempre é así.


Exemplo de artigo retractado


















A segunda recomendación sería acudir as principais bases de datos referenciais, xa que a maior parte delas  indexan tamén as notas de corrección ou retirada dos artigos publicados nas revistas e enlazan ambos rexistros, ademais de permitir a opción de filtrar ou eliminar dunha busca os rexistros dos artigos que teñan sido retractados.

Por último podemos acudir a ferramentas especializadas como Pubpeer e RetractionWatch ou usar xestores de referencias como Ednote e Zotero que sinalan os artigos que teñen sido retractados. 


Exemplos de referencias de artigos retractados vistos en Zotero











Pubpeer é unha plataforma de revisión aberta de artigos xa publicados que permite denunciar publicamente irregularidades nos traballos tanto de xeito persoal como anonimamente.

RetractionWatch é a base de datos máis completa para localizar este tipo de artigos. Naceu en 2010 coma un blog para denunciar casos de fraude científica, pero actualmente conta tamen cunha basede datos actualizada diariamente e mantida por CrossRef. Ademais do blog e a base de datos ofrece outros recursos interesantes como un buscador de revistas “pirateadas ou clonadas” e varios  listados de artigos retractados por categorías (premios Nobel, Covid, artigos redactados por ChatGPT, etc. )


Base de datos de RetractionWatch


En calquera caso sempre é recomendable comprobar en varias fontes que os artigos que imos citar no noso traballo non teñen sido retractados, porque a cobertura é variable. 


Referencias: 

-Castro-Ponce, Samuel. «Artículos retractados». IFT, 25 de Outubro de 2019, https://www.infotecarios.com/tag/articulos-retractados/
- Ortega, José Luis, e Lorena Delgado-Quirós. «The Indexation of Retracted Literature in Seven Principal Scholarly Databases: A Coverage Comparison of Dimensions, OpenAlex, PubMed, Scilit, Scopus, The Lens and Web of Science». Scientometrics, vol. 129, n. 7, 2024, pp. 3769–85, https://doi.org/10.1007/s11192-024-05034-y
- Ortega, José-Luis, e Lorena Delgado-Quirós. «How do journals deal with problematic articles. Editorial response of journals to articles commented in PubPeer». El Profesional de la información, Xaneiro de 2023, p. e320118, https://doi.org/10.3145/epi.2023.ene.18
- «Retraction Watch Database User Guide». Retraction Watch, 23 de Outubro de 2018, https://retractionwatch.com/retraction-watch-database-user-guide/.
- Shah, Tariq Ahmad, et al. «Influence of Accessibility (Open and Toll-Based) of Scholarly Publications on Retractions». Scientometrics, vol. 126, n. 6, 2021, pp. 4589–606, https://doi.org/10.1007/s11192-021-03990-3
-Vargas, Georgina Araceli Torres. «La retractación de artículos como un problema sistémico». Información, cultura y sociedad, n. 47, Decembro de 2022, pp. 93–102, https://doi.org/10.34096/ics.i47.11395



viernes, 12 de julio de 2024

Nova versión do Journal Citation Reports (JCR)

    O pasado 20 de Xuño Clarivate publicou a última versión do Journal Citation Reports (JCR), cos índices de impacto e otras métricas do ano 2023 para as revistas da colección principal da bases de datos Web of Science (WOS): Science Citation Index (SCI), Social Science Citation Index (SSCI), Arts and Humanities Citation Index (AHCI) e Emerging Science Citation Index (ESCI). 

    Esta nova versión o JCR inclúen preto de 22.000 revistas de 113 países organizadas en 254 categorías, 5.871 das cales son Gold Open Access e unhas 544 están incluidas por primeira vez. 

Pero ademáis esta versión ten dúas novidades principais:
  •  A unificación do ranking por categorías.
  • A eliminación do ranking e dos quartís para as revistas de 25 das categorías de Arte e Humanidades.

    Coa unificación do ranking pretendese simplificar o uso do Journal Impact Factor (JIF) e facilitar a avaliación das revistas no seu contexto. Así a partir desta edición deixa de haber un ranking para cada categoría e base de datos por ano para fusionarse nun único ranking de revistas por categoría e ano, tal como se pode ver nas seguintes imaxes.



























Imaxe do JCR 2023 para a categoría Historia e Filosofía da Ciencia





Imaxe do JCR 2024 para a categoría Historia e Filosofía da Ciencia



    Esto pode provocar cambios significativos nos quartís nos que se atopa unha revista respecto a anos anteriores, sobre todo no caso de revistas da base de datos ESCI, que son revistas de nova creación e que teñen xeralmente menos citas, polo que se concentran mayoritariamente no terceiro e cuarto quartíl.




























    Ranking por JIF no SSCI por anos anteriores a 2023 para unha revista da categoría Historia e Filosofía da Ciencia




Ranking por JIF no SCIE por anos a 2023 para unha revista da categoría Historia e Filosofía da Ciencia.



    Ademáis a simplificación do Journal Impact Factor (JIF) a un único decimal, levada a cabo xa na versión do ano pasado, provoca que haxa varias revistas co mesmo JIF e que polo tanto deben ocupar o mesmo posto no ranking de revistas. Esto xera unha distribución desigual das revistas nos diferentes quartís, pero é o xeito correcto de xerar os quartís nunha distribución.


    Por outra banda a fusión dos ranking do JIF por categorías, ten como consecuencia a unificación de categorías presentes nas distintas bases de datos quedando un total de 229 categorías con ranking de revistas e unhas 25 categorías do ámbito das artes e as humanidades para as que non se xera un ranking de revistas, pero sí se lles calcula o JIF.




















    A eliminación dos rankings polo JIF, os quartís e os percentís en 25 das categorías de artes e humanidades débese a que non so non aportan información de valor senón que ademáis poden ser malintrepretados. En opinión do equipo de Clavirate e dos investigadores consultados por este, para comparar as revistas destas áreas recomendase utilizar o ranking polo Journal Citation Indicator (JCI) que é un indicador normalizado, posto que os patróns de citacións destas áreas son diferentes: hay menos citas e máis lentas.

























Imaxe do JCR 2024 para unha revista da categoria Literatura que non ten Ranking por JIF.



Mais información:




viernes, 2 de julio de 2021

JCR 2021: principais novidades


Esta semana vén de publicarse a última edición do JCR, cos índices de impacto para o ano 2020 das revistas recollidas na base de datos Web of Science (WoS).  

Entre as principais novidades destacan:

  • Nova interfaz e cambios na presentación de resultados. Con todo, a versión clásica estará dispoñible ata finais de 2021, e é accesible desde o menú superior dereito Products.
  • Amplíase a cobertura das revistas, reflectindo a totalidade da investigación que recolle a Web of Science Core Collection e incluíndo revistas dos índices Arts & Humanities  Citation  Index (AHCI) e o Emerging  Sources Citation  Index (ESCI).
  • No cálculo do factor de impacto, agora téñense en conta os documentos publicados "first online", aqueles que aínda non teñen lugar nun número e/ou volume concreto.
  • Presenta unha nova métrica, o  Journal  Citation  Indicator, que trae máis contexto ao abanico de métricas do JCR, moito máis aló do factor de impacto dunha revista.

Respecto a isto último, cabe salientar que o factor de impacto só o terán as revistas de dous índices (Social Science Citation Index e Science Citation Index), mentres que o novo Journal Citation Indicator o terán todas as revistas da colección principal de WoS (os dous índices mencionados anteriormente e o Arts & Humanities Index e Emerging Source Citation Index). Polo tanto, moitas revistas terán as dúas métricas, e outras só o Journal Citation Indicator, xa que o factor de impacto é máis restritivo.

Para presentar as novidades citadas, o portal do JCR ofrece unha serie de tours guiados, aos que se pode acceder premendo na icona de interrogación situada na parte inferior dereita da pantalla.

Como se sinala nesta infografía, o JCR 2020 inclúe un total de 20.942 revistas provenientes de 113 países, das cales 9.509 pertencen ao Science Citation Index, 3.511 ao Social Sciences Citation Index e 1.784 ao Arts & Humanities Citation Index, tendo en conta que algúns dos títulos poden estar incluídos en diferentes índices a un mesmo tempo. Do total de títulos, 4.672 trátanse de revistas en acceso aberto. Ademais, nesta edición, 207 revistas teñen factor de impacto por primeira vez e 10 deixan de telo.

Por último, informámosvos que Clarivate impartirá o vindeiro 21 de xullo o webinar Descubre el nuevo Journal Citation Reports 2021, que require inscrición co correo electrónico institucional, e no que se difundirán e explicarán todas estas novidades.

viernes, 24 de julio de 2020

JCR 2020


O 29 de xuño publicouse a última edición do JCR (JCR 2020) cos índices de impacto para o ano 2019 das revistas recollidas na base de datos Web of Science.

O índice de impacto (JIF) dunha revista científica é unha medida estatística de grande importancia para o persoal investigador, pois publicar nas revistas situadas nas primeiras posicións desta clasificación potencia en grande medida a visibilidade do seu traballo e incrementa a posibilidade de ser citado. Tamén inflúe de maneira determinante nos criterios de avaliación para a carreira docente, xa que para moitas áreas é requisito a publicación en revistas que se atopen nos primeiros cuartís do JCR. Amais, este índice ofrece outras métricas interesantes para a avaliación das revistas, tales coma o Factor de impacto a 5 anos, o Índice de inmediatez ou o Eigenfactor normalizado, entre outras.

Os membros da UDC poden consultar estes datos a través da páxina web da biblioteca, dentro dos recursos de información e buscando a Web of Science nas bases de datos. Tamén se pode acceder directamente a través da Master Journal List da WoS, filtrando os resultados polo JCR. Esta opción tamén permite establecer outros filtros: polos índices da WoS, por categoría, por país, por lingua, por frecuencia de publicación ou polas revistas en acceso aberto.



O JCR 2020 inclúe un total de 12.058 títulos, dos cales 9.266 pertencen ao Science Citation Index Expanded (SCIE), 3.469 ao Social Sciences Citation Index (SSCI) e 440 ao Arts & Humanities Citation Index (AHCI), tendo en conta que algúns dos títulos poden estar incluídos en diferentes índices a un tempo. Do total de títulos, 1.658 trátanse de revistas en acceso aberto, mentras que 7.487 serían revistas hibridas, é dicir, revistas de pago que permiten a publicación de certos artigos en aberto.


Con respecto ao JCR do ano pasado, elimináronse 33 revistas que, atendendo a criterios de calidade, non cumplían cun comportamento adecuado nas súas citas, ben por presentar un elevado índice de auto-citas, ben por unha excesiva concentración de citas entre determinadas revistas.

Pola contra,  351 títulos foron incluídos por primeira vez no JCR, 5 dos cales se corresponden con revistas españolas: Culture & History Digital Journal, European Research on Management and Business Economics, International Journal of Interactive Multimedia, Journal of Innovation & Knowledge e Mediterranean Botany. Pódese consultar a relación completa das revistas españolas no JCR na seguinte lista elaborada pola Biblioteca de Medicina da Universidade de Salamanca.

Para rematar, mencionaremos que, como novidade, a edición deste ano ofrece, para cada título, a influencia dos artigos publicados en acceso aberto con respecto ao total de citas da revista. Máis información.