Mostrando entradas con la etiqueta medio ambiente. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta medio ambiente. Mostrar todas las entradas

viernes, 18 de junio de 2021

Nova infoguía do Servizo de Biblioteca sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)


Hoxe vimos de publicar esta nova guía temática dentro das Infoguías do Servizo de Biblioteca sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Lembrámosvos que en 2015 todos os Estados Membros das Nacións Unidas aprobaron 17 Obxectivos como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, na cal se establece un plan para acadalos en 2030. Estes obxectivos incorporan desafíos globais aos que nos enfrontamos día a día en diferentes ámbitos, como a pobreza, a desigualdade, o clima, a degradación ambiental, etc. 

No que respecta ás bibliotecas, a Federación Internacional de Asociaciones de Bibliotecarios y Bibliotecas (IFLA) impulsou que se recoñecesen as mesmas como institucións fundamentais para lograr os ODS, pois entre os obxectivos se incluíron aspectos como o acceso á información, a cultura, as TIC ou a alfabetización universal. Segundo a IFLA, entre as numerosas accións que promoven as bibliotecas para a implementación dos ODS destacan o acceso á información e á investigación para estudantado en todo o mundo, acceso a Internet, espazos inclusivos nos que o custo non sexa unha barreira para adquirir novos coñecementos e habilidades, documentación e conservación do patrimonio cultural, etc.

Nesta nova infoguía, ademais de proporcionar información xeral sobre os ODS e a súa relación coas bibliotecas, atópanse:

  • Consellos para incorporar estes obxectivos no día a día.
  • Iniciativas e actuacións que realiza a Universidade da Coruña (UDC), que en novembro de 2019 asinou un compromiso público coa Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible. Entre os principais centros que traballan neste tema destacan a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), a Oficina de Medio Ambiente (OMA) ou a UDC Saudable.
  • Formación ofertada pola UDC nesta temática.
  • Premios de traballos académicos dirixidos a estudantado da UDC que se distingan por ser especialmente relevantes en temáticas relacionadas coa Axenda 2030 e os ODS.
  • Publicacións da UDC en Scopus segundo os ODS.

No que respecta ao Servizo de Biblioteca, queremos sumarnos ao compromiso cos ODS realizando accións que fomenten valores como a sostibilidade, a cooperación e o desenvolvemento. Para iso, na guía inclúense:

  •          Iniciativas realizadas polas bibliotecas dos diferentes centros, que van desde a difusión periódica de noticias de sensibilización ou publicacións en redes sociais ata a realización de guías de lectura ou exposicións bibliográficas.
  •          Unha relación das bibliotecas que ofrecen servizo de reciclaxe (papel/cartón, plástico, cartuchos de tinta, etc.)
  •        Libros na BUDC para promover os ODS: propóñense unha serie de lecturas para que poidades coñecer os 17 ODS.
  •          Infografías da BUDC: na primeira das infografías, co lema “Vólvete verde!”, comprometémonos cos ODS número 6, 7 e 12 a través das tres R da ecoloxía para contribuír á educación e sensibilización polo medio ambiente dos membros da comunidade universitaria. A segunda infografía, “Consellos para unha alimentación sostible”, contén información sobre como acadar unha alimentación responsabe e respectuosa co medio ambiente, en liña co ODS número 12.

En definitiva, podemos concluír que na actualidade o Servizo de Biblioteca está a traballar para contribuír a un mundo máis sostible e xusto, que se irá facendo visible nos seus centros e na súa páxina web con iniciativas como a elaboración desta guía para contribuír á difusión dos ODS e crear unha maior concienciación entre a comunidade universitaria sobre a importancia dos mesmos.

viernes, 11 de junio de 2021

A xestión do medio ambiente na Universidade da Coruña

Imaxe: OMA


Desde a Universidade da Coruña (UDC) trabállase en diversas accións que nos permiten ser máis respectuosos co medio ambiente como compromiso para avanzar cara a un desenvolvemento sostible.

O centro encargado da coordinación, participación e realización de actuacións ambientais levadas a cabo pola UDC é a Oficina de Medio Ambiente (OMA). As súas funcións sitúanse en dous campos fundamentais: por unha banda, a xestión ambiental e, por outra banda, a implicación e concienciación da comunidade universitaria nas cuestións relacionadas co medio ambiente e a sustentabilidade. Entre as principais actuacións da OMA destacan:

Tamén hai que destacar a incorporación de varios centros da UDC ao programa internacional Green Campus para a preservación do medio ambiente desde a universidade, impulsado pola Foundation for Environmental Education, e xestionado en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). O obxectivo final é a consecución da Bandeira Verde, que simboliza o cumprimento dunha serie de criterios de sustentabilidade. A UDC sumouse a este programa no ano 2014 e desde entón continúa a sumar centros de participación.

Grazas a este compromiso, a UDC sitúase na posición número 5 a nivel de España e na 65 a nivel internacional segundo o ranking GreenMetric, que proporciona unha clasificación atendendo ás políticas relacionadas co medio ambiente (loita contra o cambio climático mundial, conservación da enerxía e a auga, reciclaxe de residuos…) nas universidades de todo o mundo.

Outro feito de interese é que en 2018 a UDC implantou entre os seus campus de especialización o Campus Sustentabilidade, vinculado co medio ambiente e que impulsa a excelencia no coñecemento para a transición a estilos de vida sustentables que protexan os recursos naturais, freen o cambio climático e promovan o benestar.

Para finalizar, queremos informarvos que como membros da comunidade universitaria da UDC tedes a opción de participar como voluntarios/as ambientais para levar a cabo distintas actividades relacionadas co medio ambiente e contribuír así á protección e preservación do mesmo. É recomendable informarse sobre o programa de actividades nas que se pode participar para elixir aquelas que máis se adapten aos intereses e dispoñibilidade da persoa interesada.