Mostrando entradas con la etiqueta Redes sociais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Redes sociais. Mostrar todas las entradas

viernes, 8 de febrero de 2019

Altmetrics: métricas alternativas


Coñecemos como altmetrics ou métricas alternativas aquelas que xurdiron para medir o impacto da investigación máis aló das métricas tradicionais da produción científica (como o factor de impacto, número de citas…). Neste caso analizan o impacto e visibilidade da actividade científica na web social: por exemplo, número de tweets, descargas, mencións en blogs, veces que foi gardado un documento nun xestor bibliográfico, etc. 
As principais ferramentas para medir a repercusión dos traballos científicos nas redes sociais son:

- Altmetric: mostra o impacto da investigación a nivel de artigo de maneira moi visual, por medio de donuts de cores, os cales reflicten as fontes nas que se atoparon as mencións ao artigo. A puntuación do centro é o "Altmetric Attention Score", puntuación outorgada ao artigo que permite comparar o nivel de atención que recibiu. Nesta imaxe podedes ver un exemplo desta ferramenta. 

-  Impactstory: aplicación web que traballa a nivel de autor, permitindo aos usuarios compilar os seus altmetrics nun único perfil. Ofrece insignias ou logros que contextualizan varias métricas de investigación. Nesta ligazón mostramos un exemplo de visualización dun perfil de autor en Impactstory.

- PlumX: permite categorizar, visualizar e analizar o impacto social e académico de investigadores e institucións. Considérase unha das ferramentas que máis métricas recolle, agrupándoas en 5 categorías: 1.Uso (clicks, descargas, visionados...); 2.Capturas (marcadores, exportacións...); 3.Mencións (comentarios, blogs...); 4.Redes sociais (likes, comentarios e outras interacións en redes sociais); 5.Citas (citas recibidas na literatura científica). Nesta imaxe tedes un exemplo de visualización dun artigo con PlumX.

- PLoS Article Level Metrics: servizo proporcionado pola Public Library of Science para os autores de traballos publicados en revistas PLoS. Incorpora métricas sobre o uso e impacto que teñen os seus artigos agrupándoas en 5 categorías: visitas, gardado, discusión, recomendación e citas. Nesta ligazón mostramos un exemplo de visualización dun artigo. 

- Kudos: plataforma que ofrece servizos de axuda aos investigadores para mellorar a súa visibilidade e permite realizar un seguimento do impacto das súas publicacións. É importante sinalar que Kudos non orixina ningunha das métricas, senón que os datos son proporcionados por editores e proveedores de datos altmétricos como por exemplo Altmetric.com.

Son numerosas as bases de datos que ademais das citas tradicionais, ofrecen información sobre estas métricas alternativas. Por exemplo, nesta imaxe de Scopus podemos ver que inclúe na marxe dereita tanto o reconto de citas clásico como o conxunto de altmétricas de PlumX. Se accedemos a PlumX vemos nesta imaxe as 5 categorías citadas anteriormente con tódalas interacións sociais. 

Para finalizar, comentar que as redes sociais académicas poden contribuír á explotación altmétrica. Por exemplo, Academia.edu inclúe tanto métricas a nivel de autor (seguidores, percentil de visitas…) como de documento (vistas, lecturas, mencións…). Outro exemplo é ResearchGate, que inclúe tanto indicadores bibliométricos tradicionais como o índice h ou citas ata métricas de uso (Readers) ou de conectividade (Followers, Followings e RG Reach).

lunes, 15 de octubre de 2018

As redes sociais nas bibliotecas: actualización da web


Debido a que vimos de actualizar a sección da páxina web da biblioteca dedicada ás redes sociais, dedicamos este post a lembrar información relativa a este tipo de fontes, así como a detallar as novas incorporacións realizadas na páxina. Comezamos contextualizando que na actualidade, as redes sociais son unha das principais fontes de promoción para calquera institución, incluídas as bibliotecas. Julián Marquina cita varios factores que fan que as bibliotecas estean nas redes sociais: o acceso á información de maneira inmediata, o poder de compartir e difundir, a interacción coa súa audiencia ou a visibilidade, entre outros. 

Ata agora, na web da biblioteca incluíamos unha listaxe de tódalas bibliotecas da UDC coas súas correspondentes redes sociais, cuxo obxectivo nestas redes é dar a coñecer os servizos e recursos que as bibliotecas poñen a disposición da comunidade universitaria, ademais de transmitir o máis relevante que suceda (novas, proxectos, eventos…) relacionado coa nosa universidade ou con entornos que resulten de interese.
Ademais disto, vimos de facer unhas pequenas incorporacións: en primeiro lugar, e como curiosidade, incluímos a ligazón a The Internet in Real Time, unha web que permite coñecer cánto está a pasar en Internet. Ao  acceder a ela, preséntase un contador de Gigabytes que vai indicando qué volume de datos circula por Internet dende o momento que se chega á páxina, e a continuación mostra as cifras de diversas redes sociais: números de post e “me gusta” de Facebook, tweets, buscas en Linkedin, etc.

Tamén incluímos unha serie de ferramentas para redes sociais que poden axudar a apoiar a nosa estratexia de promoción e difusión. Algúns exemplos que engadimos na páxina son:
- Hootsuite, aplicación que permite xestionar dende un mesmo lugar ata tres perfís de maneira gratuíta, programar as publicacións ou xerar informes estatísticos.
- Slideshare: aplicación que permite cargar presentacións, infografías ou documentos, os cales se poden compartir posteriormente nas plataformas de redes sociais máis populares, aumentando así a súa difusión.
- Issuu: aplicación que permite converter publicacións corporativas en revistas dixitais; moitas bibliotecas utilízaan para converter documentos a unha forma de visualización interactiva que semella o paso das follas. Trataríase dunha boa opción dentro das aplicacións que permiten aproveitar a difusión de materiais de promoción como guías ou titoriais.
Por último, engadimos algúns manuais de interese sobre redes sociais, que recollen pautas e consellos para regular a participación neste tipo de redes. Todas estas novidades pódense consultar nesta ligazón.

miércoles, 18 de abril de 2018

Xestores de redes sociais: ferramentas e recursos de interese


A semana pasada tivo lugar unha xornada de formación e de intercambio de experiencias cos xestores das redes sociais de contas institucionais na UDC, #comunicaUDC2018. Ademais contouse coa participación de Sergio Fernández, responsable das redes sociais da Universidad de Sevilla, que recomendou unha serie de ferramentas e recursos para o traballo diario dos xestores de redes sociais dos que vos queremos falar neste novo post.


Unha das ferramentas destacadas é Hootsuite, plataforma que permite administrar e integrar as diferentes redes sociais nas que se teña presenza nun único panel de control, utilizando columnas e pestanas para organizar a información. Aporta unha visualización completa de tódalas accións que se están a realizar en cada unha das redes sociais, podendo controlar notificacións, mencións ou programar os contidos que se desexen de unha ou varias contas. Ademais funciona como ferramenta para filtrar información, posibilitando facer un seguimento de temas, palabras clave…do noso interese.
No que respecta aos múltiples recursos para facer máis sinxelo o traballo en redes sociais destacamos:

  • Bitly: permite levar un seguimento da cantidade de clics que conseguen as nosas ligazóns. 
  • Canva: ferramenta para editar imaxes e facer presentacións. Contén numerosas plantillas de deseños, así como un buscador que ofrece un numeroso banco de imaxes, ademais de posibilitar subir imaxes propias. Tamén inclúe textos predeseñados en formatos moi distintos.
  • Landscape: ferramenta para axustar o tamaño das imaxes ás diferentes redes sociais. En relación coas medidas e tamaños de imaxes nas redes sociais, tamén pode resultar de interese ter a man as especificacións concretas para cada unha das redes como as que se recompilan nesta web
  • Feedly: lector de RSS que permite organizar e acceder rápidamente dende un navegador web a tódalas noticias e actualizacións de blogs e demais páxinas que o sistema soporta.
  • Gimp: programa de edición de imaxes dixitais en forma de mapa de bits, tanto debuxos como fotografías.
  • Keyhole ou Tweet Binder: para a medición de hashtags.

Tampouco podemos esquecer determinadas páxinas para conseguir material libre de dereitos de autor. Como exemplos, destacamos Pixabay para as imaxes, Jamendo ou FMA (Free Music Archive) para os audios e Videezy para os vídeos.
Para finalizar, sinalar que para manterse ao tanto de determinados días internacionais e outras datas relevantes, e así planificar contidos e publicacións referidas a datas concretas poden resultar útiles os “Calendarios del Community Manager”. Nesta ligazón, un exemplo do ano en curso.

viernes, 6 de abril de 2018

As redes sociais na universidade e nas bibliotecas


Na actualidade, as redes sociais constitúen unha ferramenta de comunicación fundamental. Entre as vantaxes da presenza nestas redes para unha institución como a universidade destacan aumentar a visibilidade así como a interacción cos usuarios, comunicarse de forma máis rápida e próxima ou divulgar información e contidos relacionados co eido académico. Non se trata soamente de interactuar cos usuarios actuais, senón que tamén se pode buscar atraer novos estudantes ou manter conectados aos exalumnos.

Como contas corporativas xerais da propia universidade, a UDC está presente en Twitter, Facebook, Instagram, Youtube e Linkedin, sendo éstas xunto con Pinterest as principais redes nas que ten presenza a UDC no seu conxunto. Cada servizo ou centro da UDC é susceptible de decidir cales destas redes se adaptan mellor ós seus obxectivos e necesidades, xa que cada rede social conta con particularidades propias que poden influir nun mellor e maior aproveitamento. Por exemplo, Facebook é a rede social máis popular entre as persoas de 18 a 29 anos, LinkedIn enfócase máis en profesionais, Twitter é o canal máis adecuado para divulgar de forma rápida noticias, etc.

A UDC posúe numerosas contas en redes sociais, dende as diferentes facultades e escolas, ata outros servizos e centros como o SAPE, CUFIE, Centro de Linguas, etc. As bibliotecas, nas que nos centraremos a continuación, son un destes servizos. A maioría das bibliotecas da UDC están presentes nas redes sociais. A que máis éxito ten é Facebook, seguida de Twitter e Pinterest, e algunhas tamén contan con outras redes como blogs, Scoop, Google+, Youtube, Flickr ou Instagram. Podedes consultar unha listaxe de tódalas bibliotecas coas súas respectivas redes na seguinte ligazón da web da biblioteca.
Fundamentalmente, o obxectivo das bibliotecas nestas redes é dar a coñecer os servizos e recursos que éstas poñen a disposición da comunidade universitaria, ademáis de transmitir o máis relevante que suceda (novas, proxectos, eventos…) relacionado coa nosa universidade ou con entornos que resulten de interese.

No que respecta ás outras bibliotecas universitarias de Galicia, a Biblioteca da USC, ademais das redes sociais de cada unha das facultades, ten presenza en sete redes, entre elas o interesante blog Fonseca. Pola súa parte, a Biblioteca da Universidade de Vigo é quizáis a que menos presenza ten: conta co BlogDaBiblio e con algunhas contas nas súas bibliotecas, fundamentalmente de Pinterest.

Antes de rematar, consideramos de interese citar un manual dirixido ás universidades con pautas e consellos que regulan a participación nas redes sociais destas institucións. Trátase do Manual de buenas prácticas en redes sociales de REBIUN.
Por último, damos conta de que a vindeira semana celebrarase por terceiro ano consecutivo unha xornada de formación e de intercambio de experiencias cos xestores das redes sociais de contas institucionais na UDC, #comunicaUDC2018.

lunes, 13 de marzo de 2017

Cómo incrementar a visibilidade científica do PDI da UDC



Á hora de incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados de investigación do PDI da UDC, existen unha serie de accións que deben implementar os autores. Sinalaremos neste post as principais:

1. Crear un perfil en ORCID: permite ó autor ter unha identidade dixital unívoca e o seu obxectivo é chegar a ser o rexistro único mundial de autores. Conéctase con outros sistemas de identificación de autor como ResearcherID da Web of Science e Author ID de Scopus, ademáis de garantir unha interacción entre os diversos sistemas de recuperación de información como as bases de datos. ORCID, aparte de identificar ao autor, permite a creación dun perfil bibliográfico dixital completo: formación académica, publicacións, etc. Calquera autor pode crear un rexistro ORCID de forma libre e gratuíta.
En relación coa normalización, tamén temos que citar a Instrucción para os autores da UDC sobre a filiación institucional de publicacións científicas, que contribúe á correcta identificación da autoría e á vinculación da súa produción coa universidade. Isto facilitará o seguimento da produción científica da UDC e a visibilidade dos autores nas bases de datos, repositorios, etc.

2. Crear un perfil en Google Académico: trátase dun perfil persoal no que se mostra a produción científica dun investigador, así como as súas métricas (número de citas, índice h e índice i10). Debido a que Google Scholar é un dos buscadores científicos máis utilizados, é recomendable crear dito perfil, permitindo así incrementar a visibilidade e impacto da produción científica. Aínda que se poden engadir manualmente publicacións propias no perfil, éstas alcanzan unha visibilidade mínima nos resultados do buscador se non se encontran aloxadas en páxinas web académicas. Por iso é importante incluir as publicacións en bases de datos en aberto como Dialnet, subir os artigos ao repositorio institucional (o RUC), etc.

3. Depositar no RUC, repositorio institucional da UDC: supón unha excelente oportunidade para o autor, ó cal garantízalle unha alta visibilidade da súa producción. O depósito dunha publicación no RUC permite a súa presenza noutros recolectores e tamén garante que sexa atopada en Google, Google Scholar, e outros motores de busca de forma que a publicación faise máis visible. Ademáis, permite elixir unha licenza Creative Commons para poder detallar os usos que o autor quere permitir das súas publicacións. O depósito pode realizarse mediante autoarquivo (os autores da UDC depositan eles mesmos os seus documentos) ou arquivo delegado (solicitan á biblioteca que realice o depósito dos seus documentos).

4. Divulgar en redes científicas: son plataformas específicas para investigadores que funcionan da mesma forma que as redes de ámbito xeral, pero nas que só participan persoas que realizan de forma regular proxectos de investigación. Os usuarios crean o seu propio perfil persoal, no que describen os seus datos, intereses de investigación, actividades nas que traballan etc. O seu obxectivo é promover a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os investigadores e as institucións, así como facilitar a difusión e o acceso á investigación. En xeral, estas redes científicas permiten compartir bibliografía, acceder ó texto completo dalgúns documentos, construír grupos con intereses afíns, acceder a noticias científicas, novidades… Algunhas das redes científicas máis coñecidas son Academia.edu, ResearchGate e Mendeley Research, entre outras. Un caso destacado é Science Open, que ademáis dunha rede de investigación de libre acceso, permite publicar un manuscrito mediante un proceso de revisión por pares post-publicación.