Mostrando entradas con la etiqueta Horizonte 2020. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Horizonte 2020. Mostrar todas las entradas

viernes, 25 de octubre de 2019

Os datos de investigación en aberto


A OCDE define os datos de investigación como “todo aquel material que foi rexistrado durante a investigación, recoñecido pola comunidade científica e que serve para certificar os resultados da investigación”. Por exemplo, inclúense neste tipo de datos as estatísticas, cuestionarios, resultados de experimentos, cadernos de laboratorio, etc.
A Comisión Europea, co fin de desenvolver a ciencia en aberto, comunicou que dende xaneiro de 2017, tódolos proxectos financiados con Horizonte 2020 (H2020) deberán garantir o acceso aberto aos datos de investigación, salvo excepcións xustificadas (motivos de confidencialidade, explotación industrial, etc.). Ademais, os proxectos participantes en H2020 terán que:

- Entregar un Plan de Xestión de Datos (Data Management Plan-DMP) durante os 6 primeiros meses de vida do proxecto, que debe de ser actualizado durante todo o proceso: trátase dun documento no que se describe que se vai facer cos datos durante e despois de finalizar a investigación. O Plan incluirá unha relación dos datos que se ofrecerán en aberto, cunha descrición detallada dos mesmos, como se van a compartir ou poñer en aberto, e como se van a conservar e preservar, indicando o nome e tipo de repositorio onde se depositarán.
O Digital Curation Center (DCC), proporciona esta lista de verificación para un plan de xestión de datos que presenta os principais temas e preguntas que o investigador necesita responder para cubrir o Plan. Existen ferramentas gratuítas para elaborar dito Plan, entre elas:
  • PGDonline: adaptación e tradución ao español polo Consorcio Madroño da ferramenta DMPonline. Serve como plantilla para elaborar o Plan de Xestión de Datos seguindo os requisitos de H2020.

- Depositar os datos en aberto nun repositorio: os datos de investigación débense depositar nun repositorio que garanta tanto a recuperación e acceso aos datos, como a preservación a longo prazo. Existen diferentes tipos de repositorios:
  • Repositorios temáticos: inclúen datos de investigación dunha disciplina específica. Un exemplo é Dryad, que contén datos referidos a publicacións de ciencias e medicina. Este tipo de repositorios pódense localizar a través do directorio Re3data, que conta cun listado temático de repositorios de datos. 
  • Repositorios multidisciplinares: destacamos Zenodo, repositorio internacional de datos de investigación, financiado polo proxecto  OpenAIRE e recomendado para os proxectos europeos.
  • Repositorios institucionais: o repositorio institucional da UDC, o RUC, permite que os investigadores da UDC poidan depositar os datos de investigación.

Finalizamos este post recomendándovos unha serie de recursos relacionados de interese:

viernes, 20 de septiembre de 2019

Principios FAIR para a publicación en aberto de datos de investigación

Imaxe: datos.gob.es    

Nos últimos anos, os datos xerados ou recollidos durante o transcurso da realización dunha investigación recibiron a atención da comunidade científica e dos órganos xestores da investigación. De feito, a Comisión Europea require, dende o 2017, que todos os proxectos financiados co Programa Horizonte 2020, salvo excepcións xustificadas, garantan o acceso aberto aos datos de investigación, seguindo os principios FAIR, así como a elaboración dun Plan de Xestión de Datos.
Estes Principios FAIR ofrecen un conxunto de cualidades que unha publicación de datos debería seguir para que os datos sexan Encontrables, Accesibles, Interoperables e Reutilizables (do inglés FAIR: Findable, Accessible, Interoperable, and Reusable), como detallamos a continuación:

1. FINDABLE (Encontrables): que os datos e metadatos podan ser atopados pola comunidade despois da súa publicación, mediante ferramentas de busca. Conséguese:
- Asignando un identificador único e persistente aos datos e metadatos (DOI ou handle)
- Describindo os datos con metadatos enriquecidos
- Rexistrando/Indexando os datos e metadatos nun sistema que dispoña de motor de busca (por exemplo nun repositorio)
- Especificando nos metadatos o identificador dos datos que se describen

2. ACCESSIBLE (Accesibles): que os datos e metadatos estean accesibles e así poidan ser descargados por outros investigadores utilizando os seus identificadores. Conséguese:
- Utilizando protocolos estandarizados de comunicación que sexan abertos, gratuítos e implementados universalmente. Por se fose necesario, o protocolo debe de permitir procedementos para a autenticación e a autorización.

3. INTEROPERABLE (Interoperables): os datos e metadatos deben de estar descritos seguindo as regras da comunidade, utilizando estándares abertos, para permitir o seu intercambio e a súa reutilización. Conséguese:
- utilizando unha linguaxe formal, accesible, compartible e amplamente aplicable para representar o coñecemento, así como vocabularios que sigan os principios FAIR
- incluíndo ligazóns a información relacionada mediante identificadores

4. REUSABLE (Reutilizables): os datos e metadatos poden ser reutilizados por outros investigadores, ao quedar clara a súa procedencia e as condicións de reutilización. Conséguese:
- publicando os datos e metadatos cunha licenza clara e accesible sobre o seu uso e reutilización
- asociando os datos e metadatos con información sobre a súa procedencia
- seguindo os estándares relevantes que usa a comunidade do dominio concreto

Existen ferramentas gratuítas en liña que avalían o grao de cumprimento cos Principios FAIR, como por exemplo FAIR data self-assessment tool

A aplicación destes principios supoñerá, sen dúbida, un gran avance no ámbito da ciencia aberta, a cal postula o acceso aos resultados de investigación, especialmente aqueles financiados por fondos públicos, por parte de toda a sociedade. Con todo, e ante a posible suspicacia que esta difusión libre poida suscitar entre os investigadores, non se debe esquecer que os Principios FAIR proporcionan un alto nivel de seguridade, pois estipulan que os datos só poderán reutilizarse baixo condicións e procesos ben definidos e con pleno recoñecemento da súa autoría.

lunes, 6 de noviembre de 2017

Os datos de investigación




Os datos de investigación son aqueles materiais xerados ou recollidos durante o transcurso da realización dunha investigación. Por exemplo, as estatísticas, cuestionarios, resultados de experimentos, etc., forman parte dos mesmos. Cabe destacar que tódolos proxectos financiados con Horizonte 2020 iniciados en 2017 deberán garantir o acceso aberto aos datos de investigación.
Ademáis, os proxectos participantes en H2020 terán que entregar un Plan de Xestión de Datos (Data Management Plan-DMP) durante os 6 primeiros meses de vida do proxecto. Trátase dun documento no que se describe que se vai facer cos datos durante e despois de finalizar a investigación. Nesta infografía de Rebiun explícanse esquemáticamente os pasos para a elaboración do mesmo.
Existen ferramentas para a elaboración deste plan: DMP Online, que inclúe plantillas adaptadas aos requerimentos das directrices Horizonte 2020 ou PAGODA , que é unha adaptación e traducción ao español polo Consorcio Madroño da anterior ferramenta citada.
Para depositar os datos en aberto existen diversos repositorios, que deberán garantir tanto a recuperación e acceso aos datos, como a preservación a longo prazo. Entre eles podemos citar:
  • Zenodo: repositorio que ofrece unha ventá unica para os resultados da investigación europea.
  • Figshare: repositorio internacional no que se poden recuperar datos por categorías temáticas.
  • The Dataverse Network: repositorio para datos de investigación que coida a preservación a longo prazo e as boas prácticas no seu arquivo, mentres que os investigadores poden compartir, controlar e obter recoñecemento dos seus datos.


Ademáis, para averiguar se a disciplina do voso interese conta cun repositorio específico, contades co directorio Re3data.org: registre of research data repositories, rexistro mundial de repositorios de datos de investigación de diferentes disciplinas académicas que posibilita realizar buscas por países, disciplinas ou tipoloxía dos datos.
Por último, non podemos esquecer que do mesmo xeito que sucede co resto de publicacións como as monografías, revistas, etc., os datos resultantes dunha investigación deben de citarse para a súa correcta identificación e localización, aparecendo co resto de referencias bibliográficas. DOI Citation Formatter é un servizo ofrecido por DataCite que constrúe automáticamente as citas conforme ao estilo que se seleccione.

Se queredes ampliar a información, e dada a importancia deste recurso, dende o Servizo de Biblioteca elaboramos un apartado na nosa web dedicado aos datos de investigación. O podedes consultar na Sección de Apoio á Investigación nesta ligazón.