Mostrando entradas con la etiqueta Lectura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lectura. Mostrar todas las entradas

miércoles, 24 de julio de 2024

Lecturas de verán 2024

As vacación de verán son unhas datas de merecido descanso que nos permiten desconectar das rutinas e repoñer forzas, físicas e mentais para o seguinte curso.

A lectura, e especialmente a lectura de ficción, é unha actividade con grandes beneficios para a saúde física, mental e psicolóxica da que podemos desfrutar todo o ano, aínda que as veces as obrigas laborais e familiares déixannos sen tempo de lecer que dedicarlle. Por iso as vacacións son as datas perfectas para retomar esta actividade que conta con múltiples beneficios, como mellorar a memoria e a capacidade de concentración; axuda a relaxarse, a controlar a ansiedade e a conciliar o sono; fomenta a imaxinación e aumenta a nosa empatía e a nosa intelixencia emocional. Ademais os estudos de neurociencia revelan que o hábito da lectura axuda a retrasar a aparición de enfermidades como a demencia ou o alzheimer, polo que ven sendo “a mellor ximnasia” para coidar o noso cerebro a longo prazo.




Por iso dende a Biblioteca queremos aproveitar para recomendarvos que adiquedes un chisco das vosas vacacións a sumerxivos na lectura dalgunha das obras que hai nos nosos fondos ou das últimas novidades editoriais. Podedes atopar información sobre novidades:






Nas biblioteca da UDC podedes encontrar algunhas das suxerencias recollidas nas seccións anteriores como as principais obras de Paul Auster, que finou este ano e que recibiu o Premio Principe de Asturias en 2006, as obras de Julia Uceda a poeta afincada en Ferrol que morreu hai uns días e tamén podedes encontrar unhas coleccións temáticas coas obras de Franz Kafka, do que se está a celebrar o centenario da súa morte, e de Rosa Regás.


E tamén nas seccións BIC (Biblioteca de Interese Cultura) das bibliotecas de Arquitectura Técnica, Arquitectura Superior, Ciencias, Ciencias do Deporte e Educación Física, Dereito, Económicas, e Informática tedes unha recopilación de lecturas de ocio de diferentes xéneros e para todos os gustos que se prestan por periodos de 30 días renovables.


Dende o Servizo de Biblioteca desexamos que desfrutedes do verán e das lecturas. 😉

jueves, 20 de julio de 2023

Lecturas de verán 2023



Como todos estes últimos anos nestas datas e aproveitando os meses de vacacións que veñen por diante, dende o Servizo de Biblioteca queremos promocionar a lectura recomendándovos algunhas libros para este verán.

Comezamos lembrándovos que nas bibliotecas das facultades da UDC contades coa sección BIC (Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas para todos os gustos, dende novelas ou ensaios, ata cómics e guías de viaxe, etc.


Ademais, nalgunhas bibliotecas da UDC elaboraron centros de interese relacionados con esta época estival:

  • Na Biblioteca de Socioloxía e CC. Da Comunicación realizaron unha selección de Artbooks que che axudarán a comprender como foi o proceso de creación de películas e videoxogos. Podedes consultar o documento que recolle esta recompilación na súa conta de Calameo.
  • A Biblioteca da Facultade de Economía e Empresa seleccionou lecturas relacionadas coa alimentación saudable e hábitos alimentarios recomendadas polo Programa Green Campus da Facultade. Tedes información no seu Facebook e tamén podedes velas presencialmente nas súas instalacións.

 


Outros recursos nos que atoparedes recompilacións con diversas suxestións son os xornais: por exemplo, dende Babelia, o suplemento cultural de El País, publicaron a principios de mes 80 libros para leer este verano, e El Mundo publicou tamén hai unha semana Los mejores 80 libros recomendados para este verano. Entre os medios electrónicos destacamos as selección de Esquire, onde autores de distintos xéneros, idades, latitudes, popularidade e gustos propoñen un amplo e plural abano de suxestións literarias en Los mejores libros para el verano 2023 recomendados por 30 escritores de todos los géneros. Do mesmo xeito cremos interesantes os Libros para tu refugio literario este verano de Jotdown, as 11 lecturas estivales para un verano inolvidable de Cultura Inquieta, e os Ocho libros para leer en verano de The Conversation.


Tamén algunhas editoriais mostran nas súas webs seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que a través da sección Libros para leer este verano, ofrece varias clasificacións: “20 libros basados en hechos reales para pasar el verano leyendo”, “14 libros para viajar en tren… sin salir de casa”, “16 series y películas basadas en libros para ver este verano”, etc. Peguin Random House é outro exemplo, suxerindo lecturas para o verán e ofrecendo unha presada de obras sobre política neste verán electoral: “Elecciones generales 2023: libros para entender la política actual”.


Os blogs ou portais de literatura son outras das fontes nas que atoparedes artigos con recomendacións. É o caso do blog Algunos libros buenos con recomendacións estivais de Novela negra e tamén Novelas de fantasía e ciencia ficción ou Estandarte con Diez novelas sobre el verano.


Se es aficionado ao formato podcast tamén podes acceder ao episodio Libros para el Verano de La Ventana de los libros da Cadena Ser ou ao capítulo Series y libros para el verano do programa A media mañana que publicou onte Radio Televisión Española.


Para rematar, queremos sinalar que dende Página Dos, programa de televisión de libros tamén de RTVE, pecharon a temporada cun especial de verán con propostas para ler durante as vacacións. Nesta ligazón podedes acceder ao programa completo e nesta outra consultar outra proposta firmada por eles: 12 libros para leer en este verano 2023.


viernes, 1 de julio de 2022

Lecturas de verán 2022

Na última publicación do blog achegabamos algunhas propostas de ocio e cultura de cara as vacacións: exposicións, festivais, cine, viaxes... Nesta nova publicación queremos promocionar a lectura recompilando algunhas ideas para este verán.

No que respecta ao Servizo de Biblioteca da UDC, lembramos que nalgunhas bibliotecas das escolas e facultades da universidade contades coa sección BIC (Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas para todos os gustos, desde novelas ou ensaios, ata cómics e guías de viaxe, etc.

Como suxestións, queremos lembrar ao recentemente falecido Domingo Villar, destacando a súa triloxía de novela policíaca: Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco, todos eles dispoñibles na nosa colección.

Ademais, este ano tamén se cumpre o centenario dunha obra fundamental para a historia da literatura, o Ulises de James Joyce, igualmente dispoñible no noso catálogo.

Se buscamos recomendacións en fontes externas, atopamos centos de posibilidades:

En Página Dos, programa de libros de Televisión Española, pecharon a temporada esta semana cun especial de verán con propostas para ler durante as vacacións, ademais de entrevistar a Nuria Labari por “El último hombre blanco” e a Javier Peláez por “Planeta Océano”. Nesta ligazón pódese acceder ao programa completo.

Tamén atoparedes diversas suxestións nos suplementos culturais dos xornais, como este artigo publicado recentemente en Fugas, suplemento de La Voz de Galicia: 12 librazos para tirarse a la piscina, no que suxiren unha variada selección de thrillers, algo de poesía e tamén novela romántica e de sagas familiares.

As revistas sobre libros e lectura como Qué leer tamén poden proporcionarvos algunhas ideas. Na UDC, recíbena actualmente na Biblioteca de Economía e Empresa.

Os blogs ou portais de literatura son outras das fontes nas que atopar artigos con recomendacións. É o caso do blog Algunos libros buenos con 10 libros recomendados para el verano 2022 ou Estandarte con Selección de 9 libros para el verano de 2022. Tamén hai blogs especializados nun xénero concreto, como Elemental, blog de novela negra do xornal El País para comentar e compartir críticas sobre clásicos e novidades do xénero.

Por outra banda, algunhas editoriais mostran nas súas webs seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que ofrece este servizo a través de varias clasificacións: “Este verano...¡ponte a prueba con libros de actualidad!”, “Guías, rutas y consejos para viajeros”, ou “Lo mejor del cómic, fantasía y ciencia ficción bajo el sol”, entre outras.

As editoriais independentes Sexto Piso, Nórdica, Periférica, Impedimenta e Libros del Asteroide aproveitan para facer unha campaña de verán regalando unha bolsa de tea pola compra de dous libros a escoller entre un total de dez seleccionados.

Despois de todas estas suxestións, só quédavos elixir un libro para gozar dun momento de lectura e desconexión.

Feliz verán e felices lecturas!

viernes, 22 de abril de 2022

Día do Libro 2022

Mañá sábado día 23 celébrase o Día do Libro, fixado pola UNESCO desde 1995 nesta data por coincidir co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. Cada ano, xunto con organizacións profesionais do mundo do libro, elixen unha capital mundial do libro: este ano recaeu en Guadalajara (México), que foi seleccionada polo plan integral de políticas en torno ao libro como concepto para desencadear o cambio social, combater a violencia e construír unha cultura de paz para os seus cidadáns. Lembramos que nesta cidade celébrase a Feria Internacional del Libro de Guadalajara, o evento anual máis importante do seu tipo no mundo de fala hispana.

Pouca xente coñece a orixe española desta iniciativa ou o feito de que en España, a celebración deste día nos seus comezos estaba fixada o 7 de outubro, data na que se consideraba que había nacido Cervantes. Podedes descubrir curiosidades da historia da celebración do Día do Libro neste pequeno vídeo.

O cartel elixido este ano polo Ministerio de Cultura y Deporte para conmemorar este día, e que acompaña a esta publicación, céntrase na figura de Cristina Peri Rossi, Premio Cervantes na súa última edición, e foi deseñado pola ilustradora Elena Odriozola, gañadora do Premio Nacional de Ilustración 2015.

Como é habitual, desde numerosas institucións culturais desenvolveranse actividades arredor deste día. Da Biblioteca Nacional de España recuperamos este artigo especial que publicou esta semana no seu blog: en “Tiempo de hambre de libros y sed de lectura” cóntannos como se popularizou o costume de sacar os libros á rúa a principios do século XX.

Na nosa comunidade autónoma, Ferrol acolle dende hoxe e ata o domingo a primeira Feira do Libro de Galicia deste 2022, cun programa de firmas de autores e divesas actividades. O programa completo pódese consultar nesta ligazón. Tamén na Coruña terán lugar diversos actos, como o promovido pola iniciativa cultural Arte Viva, que no Círculo de Artesáns acollerá o Festival do Día do Libro e a Rosa, con encontros literarios, un mercadillo literario ou unha exposición composta por textos de escritores de todo o mundo.

As librarías tamén nos convidan a celebralo con elas e desde CEGAL lémbrannos que este día as compras teñen un 10% de desconto. Para quen non poida desprazarse a súa libraría, a plataforma de comercio online das librarías independentes, todostuslibros.com, ofrece información sobre os libros máis vendidos e recomendacións sobre cómics e libros para todas as idades.

Outras ligazóns de interese:

- 7 escritoras y escritores imprescindibles para celebrar el Día del Libro en RTVE Play

- Cinco propuestas del CSIC para celebrar el Día del Libro

- Los 20 mejores títulos y novedades para este Día del Libro, según Página Dos

viernes, 12 de noviembre de 2021

Día das librarías 2021. Situación actual do mercado do libro en España e en Galicia.

Con motivo da celebración onte 11 de novembro do Día das librarías, aproveitamos para facer unha pequena análise sobre este día e sobre a situación actual do mercado do libro en España e en Galicia.

Esta iniciativa, promovida pola Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL), celébrase desde hai dez anos para reivindicar as librarías como espazos de encontro cultural e social, de comercio de proximidade, punto de encontro físico cos lectores e de fomento da lectura. Despois de dez edicións, a partir deste 2021 elixe data fixa no calendario, polo que desde este ano, e con independencia do día da semana que sexa, cada 11 de novembro as librarías celebrarán o seu día.

O ilustrador Guridi foi o encargado de recoller na ilustración que acompaña a esta publicación o ideario desta última edición, personalizando a especial relación que se produce entre libreiros e lectores. Tal e como él explica, “[…] No me interesaba representar el lugar físico de la librería sino las personas que lo habitan y luchan por sobrevivir día a día contra los gigantes de la red”.

Nun mundo no que predominan cada vez máis as plataformas tecnolóxicas, as palabras do ilustrador concordan coa defensa desde CEGAL do contacto humano e a diversidade. Desde esta entidade tamén sinalan que esta edición acontece nun momento no que seguimos comprobando como se reforzaron os vínculos entre lectores e librarías. Esa recuperación do hábito lector, experimentado a raíz da crise sanitaria, uniuse a unha maior conciencia de barrio e de coidado do comercio de proximidade. Estas circunstancias, xunto á recuperación de eventos presenciais, como as feiras do libro de outono en moitas cidades, posibilitaron que o balance do ano estea a ser positivo.

Segundo datos de Librired, ferramenta de análise do mercado do libro en España, as vendas de libros en pequenas e medianas librerías creceron un 13%. Con todo, a situación da libraría independente segue sendo fráxil, xa que segundo o último Mapa de Librerías elaborado por CEGAL, case a metade das 3.208 librerías censadas teñen unha facturación en libros inferior a 90.000 €, o que as sitúa no límite da supervivencia. No que respecta a Galicia, os datos reflicten boas novas para a nosa comunidade: con 11,1 librarías por cada 100.000 habitantes, sitúase á cabeza entre todas as comunidades autónomas en densidade de librarías. En total, 299 establecementos dedicados aos libros. A Coruña roza a trintena.

Entre as últimas librarías que abriron na Coruña podemos citar Ouse, especializada en temática feminista e LGTBiQ+, que leva por nome o río onde se suicidou a escritora Virginia Woolf, unha das figuras máis importantes da literatura británica e do feminismo.

Tamén cabe salientar o éxito de Todostuslibros.com, plataforma de comercio en liña e comunidade lectora das librarías independentes que este ano celebra o primeiro aniversario. Con máis de 1 millón de libros dispoñibles e 325 librarías facendo venta directa, o proxecto conseguiu agrupar baixo unha soa marca a moitas pequenas librarías de barrio, multiplicando así a súa visibilidade e as súas posibilidades de comercio en liña.

Outras ligazóns de interese:

-Las librerías recomiendan, plataforma de recomendacións literarias dos libreiros e as libreiras independentes, que elixen os libros e escriben críticas literarias e recomendacións.

- A Coruña se enamora de las letras, artigo no xornal La Opinión de A Coruña sobre diversas librarías da cidade.

- La segunda vida de las librerías tras la pandemia, en RTVE.

- Día de las Librerías 2021: autoras más vendidas: análise realizada polo Centro de Documentación María Zambrano a partir dos datos obtidos do portal Todostuslibros.com de CEGAL.

miércoles, 23 de junio de 2021

Lecturas de verán 2021

Como todos estes últimos anos nestas datas e aproveitando os meses de vacacións que veñen por diante, dende o Servizo de Biblioteca queremos promocionar a lectura recomendando algunhas ideas para este verán.

Son múltiples as listaxes de recomendacións de libros que aparecen nesta época do ano dende diversos medios. Un exemplo son os xornais, que a través dos seus suplementos ou artigos ofrecen numerosas suxestións: en Fugas, suplemento de La Voz de Galicia, seleccionan as mellores historias que as editoriais prepararon para gozar este verán en “Mete un libro en la maleta”; pola súa banda, no ABC publican “Lecturas estivales: 12 libros que transcurren en verano”, nunha selección que vai de Stevenson e William Golding a Cesare Pavese e Thomas Mann.

Tamén algunhas editoriais mostran nas súas páxinas web recompilacións dos mellores libros. É o caso de Planeta, que a través da sección Libros para leer este verano, ofrece varias clasificacións: “Novelas negras para un verano lleno de adrenalina”, “Guías, rutas y consejos para viajeros”, “Cocina, recetas y nutrición”, etc., ao igual que Penguin Random House, con “Los libros imprescindibles para pasar el mejor verano” ou “La mejor no ficción para este verano”, entre outros.

Os blogs ou portais de literatura son outras das fontes nas que atoparedes artigos con recomendacións. É o caso de Estandarte coa Selección de 9 libros para el verano de 2021 ou Quelibroleo con Lecturas recomendadas para el verano 2021.

No que respecta ao Servizo de Biblioteca da UDC lembrámosvos que nalgunhas bibliotecas das escolas e facultades da universidade contades coa sección BIC (Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas para todos os gustos, dende novelas ou ensaios, ata cómics e guías de viaxe, etc.

Para os que preferides os libros electrónicos tedes ao voso dispor leBUC, a plataforma de préstamo de libros electrónicos do Servizo de Biblioteca, na que podedes atopar narrativa galega ou ficción moderna e contemporánea española, entre outras temáticas.

Para finalizar, queremos sinalar que outras bibliotecas da nosa contorna tamén preparan propostas para o verán. É o caso das Bibliotecas Municipais da Coruña, que conscientes este ano da necesidade dun turismo de proximidade, máis sustentable e respectuoso, elaboraron esta Guía de turismo responsable, con recursos como libros, apps ou webs para gozar do tempo libre.

viernes, 23 de abril de 2021

Día do Libro 2021


Hoxe 23 de abril conmemórase a celebración do Día do Libro, fixado pola UNESCO dende 1995 nesta data, por coincidir co falecemento de Miguel de Cervantes, William Shakespeare ou Garcilaso de la Vega. Cada ano, xunto con organizacións profesionais do mundo do libro, elixen unha capital mundial do libro: este ano recaeu en Tiflis (Georgia), que propuxo un programa centrado no uso de tecnoloxías modernas como ferramentas poderosas para promover a lectura entre a mocidade.

O cartel elixido este ano polo Ministerio de Cultura y Deporte para conmemorar este día, e que acompaña a esta publicación, céntrase na figura de Francisco Brines, último escritor galardoado co Premio Cervantes, e foi deseñado polo Premio Nacional de Ilustración 2020, Sonia Pulido.

Un ano máis, o Instituto Cervantes está a organizar un programa de actividades na denominada Semana Cervantina, que finaliza hoxe cun programa especial de Radio 3 que durante 13 horas ininterrumpidas (de 7 a 20 h.) estará dedicado ao libro en tódalas súas facetas.

Os museos tamén se unen a esta celebración. Un exemplo son as actividades organizadas polos museos estatais para seguir a través das súas páxinas web e redes sociais. Como detalle neste día, tamén ofrecen a posibilidade de descargar e imprimir marcapáxinas dos diversos museos.

Na nosa comunidade autónoma, Ferrol acolle dende hoxe e ata o domingo a primeira Feira do Libro de Galicia deste 2021, á que acudirán máis de 30 escritores e escritoras. O programa completo pódese consultar na web da Federación de Librarías de Galicia.

As bibliotecas e librarías da Coruña tampouco faltan a esta cita. É o caso da Biblioteca Provincial da Deputación, que ademais de realizar unha felicitación especial en forma de vídeo, tamén fai un pequeno sorteo, ensina algunha xoia do seu fondo e recomenda a obra do galardoado Francisco Brines. Pola súa parte, unha das librarías con máis tradición da cidade, Arenas, celebrará diferentes sesións de firmas de exemplares cos seus autores, ademais de ofrecer un desconto do 10%. A plataforma de comercio online das librarías independentes, todostuslibros.com, ofrece información sobre os libros máis vendidos e recomendacións sobre cómics e libros para todas as idades.

 Outras ligazóns de interese:

- Lecturas viajeras para el Día del Libro, no xornal El País.

- Sant Jordi: 30 recomendaciones para regalar en el Día del Libro, no xornal El Mundo.

- Los mejores títulos de 2021 para celebrar el Día del Libro: presentadores e colaboradores culturais de RTVE recomendan os mellores libros de 2021.

viernes, 3 de julio de 2020

Lecturas de verán 2020


Como todos estes últimos anos nestas datas e aproveitando os meses de vacacións que veñen por diante, dende o Servizo de Biblioteca queremos achegarvos algunhas ideas de lectura para este verán. Comezamos lembrándovos que en varias bibliotecas das facultades e escolas da UDC contades coa sección BIC (Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas para todos os gustos, dende novelas ou ensaios, ata cómics, guías de viaxe, etc.

Os xornais, a través dos seus suplementos ou artigos, tamén ofrecen numerosas suxestións. Por exemplo en Fugas, suplemento de La Voz de Galicia, publican que “Estos serán los libros del verano”; en Babelia, suplemento cultural de El País, céntranse no xénero da novela negra que volve con forza ás librerías cunha ampla oferta. Tamén en El País seis creadores comparten as súas recomendacións estivais, nas que ademais de libros, teñen cabida discos, fanzines ou películas, entre outros. Ademais da literatura de ficción, multiplicáronse os ensaios sobre a Covid-19. Nesta publicación de RTVE, “Los libros que vienen en verano: Joël Dicker, Care Santos, Sergio del Molino y ensayos sobre el Covid-19”, podedes consultar algúns dos máis destacados.

Tamén algunhas editoriais mostran nas súas webs seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que a través da sección Libros para leer este verano, ofrece varias clasificacións: “Libros de los que todo el mundo habla”, “Novelas apasionantes para leer en la playa”, “Guías, rutas y consejos para viajeros”, etc.
Os blogs ou portais de literatura son outras das fontes nas que atoparedes artigos con recomendacións. É o caso de Estandarte coa Selección de libros para el verano de 2020 ou Algunos libros buenos con Los 15 libros recomendados del verano 2020.
Numerosas bibliotecas tamén preparan seleccións de títulos para o verán. Como exemplo, a Biblioteca de Filosofía y Letras de la Universidad de Alicante, que presenta as súas Lecturas de verano. Na nosa cidade, as Bibliotecas Municipais da Coruña poñen en marcha a campaña Verás que verán con actividades destinadas a todas as idades, dende guías de lectura con recomendacións de libros para o público infantil e xuvenil ata lecturas en voz alta para o público en xeral ou adulto.
 
Para finalizar, damos conta da plataforma Todos tus libros, creada por CEGAL e que conta con máis de 750 librerías independentes de toda España asociadas. A web inclúe información bibliográfica dos libros que se comercializan nas librerías españolas, así como datos de venda e dispoñibilidade nas librerías rexistradas na plataforma. Desta forma, o usuario pode buscar o libro que lle interese e a web infórmalle de todas as librerías que o teñen dispoñible. Ademais, o portal inclúe varios apartados interesantes como aquel no que se especifican os cen libros máis vendidos ou a sección dedicada ás recomendacións dos libreiros.

Este vai ser un verán atípico, con certo medo e inquedanza, pero con moitas ganas de volver pouco a pouco á normalidade. Pásadeo moi ben e lembrade que, se non podedes ou non queredes viaxar físicamente, con estas recomendacións sempre poderedes viaxar da man da vosa imaxinación.

viernes, 28 de junio de 2019

Lecturas de verán 2019


Como todos estes últimos anos nestas datas e aproveitando os meses de vacacións que veñen por diante, dende o Servizo de Biblioteca queremos promocionar a lectura recomendándovos algunhas ideas para este verán.
Comezamos lembrándovos que nas bibliotecas das facultades da UDC contades coa sección BIC (Biblioteca de Interese Cultural), na que atoparedes lecturas para todos os gustos, dende novelas ou ensaios, ata cómics e guías de viaxe, etc.
Ademais, nalgunhas bibliotecas da UDC elaboraron centros de interese relacionados con esta época estival:


Outros recursos nos que atoparedes recompilacións con diversas suxestións son os xornais: por exemplo, dende Expansión propoñen Qué leer el verano de 2019: 15 libros adictivos para las vacaciones; en El Periódico céntranse no xénero policiaco e de suspense con 15 propuestas de novela negra para este verano 2019; Babelia, o suplemento cultural de El País, dedica a portada deste sábado aos libros do verán. Especialistas en distintos xéneros ofrecen as súas recomendacións: da narrativa ao deporte, o ensaio, a literatura infantil e xuvenil ou a poesía. Como último exemplo, na Voz de Galicia preguntan a seis autores ¿Qué van a leer este verano?

Tamén algunhas editoriais mostran nas súas webs seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que a través da sección Libros para leer este verano, ofrece varias clasificacións: “Libros de los que todo el mundo habla”, “Este verano, fortalece tu espíritu con estos libros”, “Guías, rutas y consejos para viajeros”, etc.
Os blogs ou portais de literatura son outras das fontes nas que atoparedes artigos con recomendacións. É o caso do blog Algunos libros buenos con Los 15 libros recomendados para este verano 2019 ou Estandarte con Diez libros para el verano de 2019, Dende o blog de Baratz, no que difunden información útil relacionada co mundo de bibliotecas, arquivos, xestión documental…, tamén veñen de publicar o post 10 libros recomendados por el #baratzteam para leer este verano. 

Para rematar, queremos sinalar que dende Página Dos, programa de libros de Televisión Española, pecharon a temporada esta semana cun especial de verán con propostas para ler durante as vacacións. Nesta ligazón podedes acceder ao programa completo.

miércoles, 20 de junio de 2018

Lecturas de verán 2018


Como todos estes últimos anos nestas datas, dende o noso blog queremos impulsar unha das misións da UDC (a formación dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade, diagnosticar problemas, formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común), promocionando a lectura e recomendándovos algunhas ideas para este verán.

Atoparedes diversas suxestións nos suplementos culturais dos periódicos, como este publicado a finais do mes pasado en Fugas, suplemento de La Voz de Galicia: Diez libros para el verano. Neste mesmo suplemento dedicaron un artigo á literatura galega ou traducida ao galego para este verán: Dez libros que axudarán a non esquecer este verán. 
As revistas sobre libros como Qué leer tamén poden darvos algunhas ideas. Na UDC, podedes atopala nas bibliotecas de Filoloxía e Arquitectura Técnica.
Os blogs de literatura son outras das fontes nas que podedes atopar opinións ou artigos sobre literatura. Algúns exemplos son Libros y Literatura (que a principios de ano publicaron un post sobre os 18 libros para leer en 2018, por exemplo), Elemental (blog de novela negra do País para comentar e compartir críticas sobre clásicos e novidades do xénero) ou Quelibroleo, que tamén funciona como rede social.
Por outra banda, algunhas editoriais mostran nas súas webs seleccións dos mellores libros para ler en verán. É o caso de Planeta, que ofrece este servizo a través de varias clasificacións: “O libro do verano”, “Novelas premiadas”, “Os mellores libros para ler este verán”, “Guías, rutas e consellos para viaxeiros” ou “Este verán fortalece a túa vida con estos libros”, entre outras.

Ademais, non podemos esquecernos das seccións BIC (Biblioteca de Interese Cultural) das bibliotecas dos centros da UDC: nelas descubriredes lecturas para todos os gustos, como novelas, ensaios, guías de viaxe, cómics, etc.
Por último, queremos salientar a labor e presenza nos últimos anos de editoriais independentes como Libros del Asteroide, Candaya, Sexto Piso, Impedimenta ou Nórdica, etc. Moitas delas xurdiron nos anos da crise e soprendían pola calidade das súas edicións, recuperando a autores esquecidos polas correntes comerciais. Son editoriais que ademais, atraen lectores con catálogos que apostan por novos escritores e temáticas diferentes.

Outras ligazóns de interese:
- Te recomiendo que leas este libro, artigo do suplemento Babelia no que escritores, artistas e outras figuras da cultura recomendan un libro.