Rematando a serie de entradas sobre grandes bibliotecas dixitais na que, partindo do ámbito galego (Galiciana) chegamos a pasada semana ao europeo (Europeana), imos tratar das grandes bibliotecas virtuais a nivel global, e de outras non europeas. Dicimos “grandes” e non “grande” porque, a diferenza do que sucede nos outros ámbitos, non existe un gran recolector mundial que recolla tódolos obxectos dixitais das bibliotecas de nivel inferior, como sucede con Europeana e os agregadores nacionais. É lóxico que non o haxa, ao non existir fóra de Europa e Estados Unidos grandes sistemas rexionais multinivel de recolección de datos.
O máis parecido a unha Europeana de ámbito global é a Biblioteca Dixital Mundial (World DigitalLibrary, WDL), creada en 2009 pola Biblioteca do Congreso e a UNESCO e coa que colaboran bibliotecas, arquivos, museos, institucións educativas e organizacións internacionais de todo o mundo. A filosofía que inspira a formación desta biblioteca é, como dicíamos, diferente á de Europeana ou a do Internet Archive, está inspirada en parte nas ideas de James H. Billington, antigo director da Biblioteca do Congreso, e lembra outras iniciativas da UNESCO como “Memoria del Mundo”. As ideas de Billington[1] tamén inspiran as peculiaridades das coleccións dixitais da Biblioteca do Congreso, da que falaremos máis adiante.
A súa misión é facer accesible en Internet “materiais primarios significativos de tódolos paises e culturas”; reúne “tesoursos culturais e documentos históricos significativos nun só sitio”. É dicir, a WDL selecciona os obxectos de maior valor histórico, os tesouros do patrimonio histórico. A recompilación de documentos é polo tanto selectiva e non exhaustiva[2]. Isto mesmo, aplicado aos Estados Unidos durante o mandato do Bibliotecario James H. Billington, é a causa de que a Biblioteca del Congreso non teña unha biblioteca virtual propiamente dita, senon 224 coleccións dixitais. Estas coleccións dixitais seleccionan obxectos dos fondos da Biblioteca del Congreso segundo un tema (p. ex., historia e cultura afroamericana) ou tipoloxía documental (fotografías); non hai plans masivos de dixitalización senon que vanse creando coleccións arredor de proxectos concretos.
En cambio, a Digital PublicLibrary of America (DPLA), iniciada en 2010 polo Berkman Center for Internet & Society da Universidade de Harvard e lanzada oficialmente en 2013, é un esforzo colaborativo de bibliotecas e institucións de EE.UU., crea un portal de acceso único as coleccións dixitais do país, e segue as políticas de recompilación masiva de Europeana, coa que colabora activamente. É máis unha biblioteca pública dixital co obxectivo de acercar o contido en aberto aos usuarios, non unha especie de museo ou arquivo histórico encargado da selección e preservación das obras más emblemáticas da cultura universal: neste senso, a World Digital Library lembra a outra acción da UNESCO, en consonancia coas labores de preservación y divulgación propias deste organismo especializado das Nacións Unidas, o proxecto Memoria del Mundo, que ten por misión:
- facilitar a preservación do patrimonio documental mundial mediante as técnicas máis adecuadas
- facilitar o acceso universal ao patrimonio documental
- crear unha maior conciencia en todo o mundo da existencia e importancia do patrimonio documental.
