O luns 21 de setembro comeza un novo curso académico nas Universidades
galegas dentro dun escenario excepcional provocado pola pandemia do
coronavirus, que obriga a adoptar medidas de carácter extraordinario de cara ao
alumnado e ao persoal da universidade para tentar previr a propagación da
enfermidade.
Xa desde a fin do curso anterior a Universidade da Coruña dedicouse a
establecer as medidas máis axeitadas de prevención e hixiene nos seus espazos para
garantir a seguridade dos seus membros e posibilitar un novo comezo de curso o
máis normalizado posible. Deste xeito, establecéronse unha serie de plans,
tanto no ámbito global da universidade
como específicos para cada un dos centros, coas
instrucións e recomendacións que se deben seguir na volta ás aulas. Nesta publicación
tentaremos facer un resumo das máis salientables.
Principios básicos de
prevención
- Establécese unha distancia mínima de 1,5 metros entre as persoas en todos os espazos da universidade.
- En cada edificio proporcionarase información sobre a capacidade máxima do mesmo.
- Para controlar esta capacidade, ademais, habilitarase un só acceso aos centros, que estará debidamente sinalizado.
- Dentro do propio edificio establecerase unha sinalización no chan que indique o sentido de circulación das persoas.
Medidas de hixiene nos
edificios
- En cada edificio existirán dispensadores de xel hidroalcólico accesibles para a limpeza de mans.
- En cada centro estableceranse protocolos de limpeza, desinfección e ventilación das instalacións, que, como mínimo, se realizarán unha vez ao día.
Medidas de hixiene persoais
- Recoméndase a hixiene de mans de forma frecuente con auga e xabón ou, no seu defecto, con xel hidroalcólico.
- É obrigatorio o uso da máscara hixiénica, preferiblemente reutilizable, en todos os espazos da universidade, coas excepcións establecidas legalmente.
- Hai que tusir e esbirrar en panos desbotables, tapando totalmente boca e nariz, ou contra a parte interna do cóbado. Os panos tiraranse nos cubos de lixo existentes.
- Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca para previr a transmisión do virus.
Docencia
A Universidade da Coruña estableceu para este curso unha modalidade mixta
de ensino, que combinará as clases presenciais e en liña. En todo caso, primarán
as clases presenciais, especialmente as prácticas ou de carácter experimental,
pero o número de persoas asistentes estará determinado polo establecido nas
recomendacións sanitarias e pola capacidade das aulas e outros espazos de
ensino. Pódese obter máis información nas Orientacións para a programación da actividade docente: curso 2020/21.
Servizos
A atención presencial ao público restrínxese aos servizos imprescindibles.
En todo caso, dáse prioridade á atención non presencial, mediante o correo
postal, electrónico, o contacto telefónico e en liña. Para aqueles casos en que
sexa necesario, en varios dos servizos da universidade habilitouse un sistema
de cita previa en
liña que haberá que empregar antes de acudir ao centro.
