Mostrando entradas con la etiqueta ORCID. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ORCID. Mostrar todas las entradas

lunes, 13 de marzo de 2017

Cómo incrementar a visibilidade científica do PDI da UDC



Á hora de incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados de investigación do PDI da UDC, existen unha serie de accións que deben implementar os autores. Sinalaremos neste post as principais:

1. Crear un perfil en ORCID: permite ó autor ter unha identidade dixital unívoca e o seu obxectivo é chegar a ser o rexistro único mundial de autores. Conéctase con outros sistemas de identificación de autor como ResearcherID da Web of Science e Author ID de Scopus, ademáis de garantir unha interacción entre os diversos sistemas de recuperación de información como as bases de datos. ORCID, aparte de identificar ao autor, permite a creación dun perfil bibliográfico dixital completo: formación académica, publicacións, etc. Calquera autor pode crear un rexistro ORCID de forma libre e gratuíta.
En relación coa normalización, tamén temos que citar a Instrucción para os autores da UDC sobre a filiación institucional de publicacións científicas, que contribúe á correcta identificación da autoría e á vinculación da súa produción coa universidade. Isto facilitará o seguimento da produción científica da UDC e a visibilidade dos autores nas bases de datos, repositorios, etc.

2. Crear un perfil en Google Académico: trátase dun perfil persoal no que se mostra a produción científica dun investigador, así como as súas métricas (número de citas, índice h e índice i10). Debido a que Google Scholar é un dos buscadores científicos máis utilizados, é recomendable crear dito perfil, permitindo así incrementar a visibilidade e impacto da produción científica. Aínda que se poden engadir manualmente publicacións propias no perfil, éstas alcanzan unha visibilidade mínima nos resultados do buscador se non se encontran aloxadas en páxinas web académicas. Por iso é importante incluir as publicacións en bases de datos en aberto como Dialnet, subir os artigos ao repositorio institucional (o RUC), etc.

3. Depositar no RUC, repositorio institucional da UDC: supón unha excelente oportunidade para o autor, ó cal garantízalle unha alta visibilidade da súa producción. O depósito dunha publicación no RUC permite a súa presenza noutros recolectores e tamén garante que sexa atopada en Google, Google Scholar, e outros motores de busca de forma que a publicación faise máis visible. Ademáis, permite elixir unha licenza Creative Commons para poder detallar os usos que o autor quere permitir das súas publicacións. O depósito pode realizarse mediante autoarquivo (os autores da UDC depositan eles mesmos os seus documentos) ou arquivo delegado (solicitan á biblioteca que realice o depósito dos seus documentos).

4. Divulgar en redes científicas: son plataformas específicas para investigadores que funcionan da mesma forma que as redes de ámbito xeral, pero nas que só participan persoas que realizan de forma regular proxectos de investigación. Os usuarios crean o seu propio perfil persoal, no que describen os seus datos, intereses de investigación, actividades nas que traballan etc. O seu obxectivo é promover a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os investigadores e as institucións, así como facilitar a difusión e o acceso á investigación. En xeral, estas redes científicas permiten compartir bibliografía, acceder ó texto completo dalgúns documentos, construír grupos con intereses afíns, acceder a noticias científicas, novidades… Algunhas das redes científicas máis coñecidas son Academia.edu, ResearchGate e Mendeley Research, entre outras. Un caso destacado é Science Open, que ademáis dunha rede de investigación de libre acceso, permite publicar un manuscrito mediante un proceso de revisión por pares post-publicación.

viernes, 9 de octubre de 2015

O APOIO AOS INVESTIGADORES POLA BIBLIOTECA DA UDC (E IV)



Á hora de estruturar as plataformas 2.0 dispoñibles para o científico, cabe establecer unha serie de círculos concéntricos; os interiores ou nucleares soportan os exteriores e a cada un deles pode asignárselle unha función.  

O primeiro círculo agruparía os sistemas de identificación e perfil ORCID, ResearcherID, Google Scholar Citations, Dialnet ID e Scopus Author ID, que permiten a creación do perfil bibliográfico dixital, tal como se explicou no primeiro módulo do curso. Permite medir o impacto e obter unha listaxe completa da produción científica. Simplifica a elaboración de solicitudes de recoñecemento da actividade investigadora.

O segundo xiraría en torno ao acceso aberto e, no caso da UDC, tería o seu foco no RUC, o repositorio institucional da Universidade, composto por unha rede de comunidades (departamentos) e traballos identificados uniformemente. A ciencia 2.0 constrúese sobre o traballo colaborativo e en rede de científicos, facilitando unha difusión, visibilidade e comunicación máis sinxela, rápida e eficente dos datos, métodos e resultados da investigación. Na actualidade hai dende normas europeas e nacionais a, nalguns casos, políticas institucionais que establecen o deposito en aberto a investigación con financiamento público. O acceso aberto e o RUC foron obxecto de estudo a segunda semana do curso.
O desenvolvemento das tecnoloxías da web 2.0 tamén constitúe un factor relevante neste ámbito, do mesmo xeito que o papel xogado por Google Scholar e Dialnet. Xunto ao RUC aparecen as redes sociais científicas, que facilitan a comunicación entre investigadores. ResearchGate e Academia.edu son os exemplos máis destacados. Facilitan a publicación no perfil do investigador dos seus traballos non publicados en revistas de pago (artigos, datos de investigación, documentos de traballo,etc.) na rede (se non dispón de repositorio institucional) e a súa diseminación na comunidade. O número de usuarios destas redes sociais científicas é suficientemente grande para que teñan un valor significativo segundo a Lei de Metcalfe, que di que o valor da rede aumenta proporcionalmente ao cadrado do número de usuarios do sistema. O valor está no número de persoas, no número de traballos, e na visibilidade, repercusión ou impacto que facilitan. O investigador da UDC non necesita subir o texto completo dos seus artigos a estas redes; pode enlazalo ao RUC. As métricas web dos repositorios, as altmétricas e article-level metrics, permiten avaliar o interese. Tamén medidas como o RG Score ou as Academia.edu analytics.

O terceiro é aínda incipiente en España, pero xa esta cobrando forza en Reino Unido e Estados Unidos, países nos que se valoran como mérito as actividades de divulgación e contribución á sociedade (outreach, public engagement); ambos son elementos da Responsible research & innovation, acción clave do programa Horizon2020. No noso país hai algunhas cátedras dedicadas á comunicación e divulgación científica, pero os investigadores normalmente non dispoñen do tempo e dos recoñecementos suficientes para desenvolver habitualmente este tipo de actividade; é o investigador concreto o que optará por realizalas. Para iso dispón de redes xerais como Facebook ou Twitter, que é neste círculo onde atopan o seu campo de expansión, aínda que tamén poden complementar a ciencia 2.0. A conta de Facebook ou de Twitter creada para divulgación é diferente da que pretende a comunicación con outros científicos -Using Twitter in university research, teaching and impact activities. Ultimamente fálase de Research Gate como do “Facebook para científicos”; é máis adecuado, permite subir traballos, etc. Tamén entre esta esfera e a anterior están os blogs científicos: desde os que recollen o diario do traballo de investigación ou publican resumos técnicos dos seus últimos resultados (as revistas non permiten a publicación dos seus artigos en blogs), pasando polos intermedios que nalgúns casos se aloxan en portais de editoriais e noutros en redes de blogs  (o blog dun departamento ou a súa páxina web ou de Facebook normalmente son Ciencia 2.0), ata chegar aos blogs de divulgación, con noticias atractivas que esperten o interese do público -How should researchers talk about science to the public?-. Se incardinan dentro doutras actividades de divulgación: eventos, medios de comunicación xerais (revistas, televisión), exposicións, charlas. Da tarefa complicada de medir a influencia ou o interese nesta esfera ocúpanse por unha banda as altmétricas e por outra, aplicacións como Klout, Kred ou PeerIndex.

lunes, 28 de septiembre de 2015

O APOIO AOS INVESTIGADORES POLA BIBLIOTECA DA UDC (II)


A semana pasada falabamos do inicio o día 21 de setembro do curso semipresencial "Estratexias  para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación", impartido polo CUFIE, en colaboración co Servizo de Biblioteca e as bibliotecas dos centros, en execución dun proxecto do Servizo de Biblioteca da UDC para a posta en marcha dun servizo de apoio aos investigadores.

Nesta primeira semana do curso tratouse da “identificación de autor: nome e filiación”. Na próxima, “A publicación e o acceso aberto. O repositorio institucional da UDC (RUC)” é o tema a desenvolver, ámbolos dous moi interesantes, importantes e de actualidade para o investigador.

Dentro da materia da identificación do autor, tras falar dos problemas á hora de recuperar toda a súa produción científica (na elaboración do currículos, nas solicitudes de avaliación da súa actividade investigadora) e das cuestións de filiación institucional, que requiren de nomes normalizados para investigadores e centros,  pasa a analizar en detalle as distintas solucións dispoñibles para o investigador, entre as que destaca ORCID (Open Researcher & Contributor ID, código alfanumérico que identifica aos autores e ao seu traballo) pola súa implantación cada vez máis xeneralizada e exixida por axencias de financiamento e pola súa interoperabilidade.

ORCID, aparte de identificar ao autor, permite a creación dun perfil bibliográfico dixital completo, interoperando cos sistemas de perfís ResearcherID da WoS, Scopus Author ID, Google Scholar, con redes profesionais de científicos como ResearchGate ou Academia.edu, con repositorios como Zenodo, etc. No curso tratouse pormenorizadamente o funcionamento dos distintos sistemas de identificación e de perfís de investigadores.

viernes, 18 de septiembre de 2015

O APOIO AOS INVESTIGADORES POLA BIBLIOTECA DA UDC (I)


Segundo o Plan Estratéxico UDC 2013-2020, a “Universidade da Coruña ten como finalidade contribuír ao avance cultural, social e económico da sociedade por medio da xeración, xestión e difusión de cultura e coñecemento científico, tecnolóxico e profesional.”

 Son misións clásicas da Universidade: 
  • Transmitir coñecemento: docencia 
  • Crear coñecemento: investigación 
  • Conservar coñecemento: xestión e bibliotecas, arquivos e museos 
Na adaptación ao Espazo Europeo de Investigación, REBIUN sinalou que a biblioteca tiña que:
  • Desenvolver unha biblioteca dixital [e] fomentar a aprendizaxe en rede de universitarios e profesores
  • “Desenvolver repositorios institucionais”, para “aumentar a visibilidade dos resultados da investigación”
  • “Incluír progresivamente novos servizos e proxectos universitarios”.
Partindo dunha biblioteca xa totalmente automatizada, da xeneralización na sociedade actual da información das bibliotecas dixitais e do uso de recursos electrónicos moi custosos, a biblioteca (polo coñecemento sobre o uso dos sistemas de información científica –WoS e Scopus-, do movemento de acceso aberto e a súa normativa de aplicación, das políticas de propiedade intelectual, etc.) pode incluír un novo servizo de apoio a investigación que reúna tarefas de asesoramento para solicitudes de sexenios, a xestión e mantemento do repositorio institucional, fomento do seu uso e de doutras posibilidades da Ciencia 2.0 para a difusión e o incremento da visibilidade da produción investigadora.

Acceso o artigo completo

viernes, 14 de marzo de 2014

Normalizar o nome do autor nas publicacións


A falta de normalización dos nomes dos investigadores e dos seus centros nas publicacións científicas e nas principais bases de datos diminúe a visibilidade dos autores e dos seus centros a nivel nacional e internacional, e dificulta a recuperación das publicacións e das citas recibidas.

Os responsables desta variabilidade son os propios investigadores, que utilizan distintas formas de nome ao longo da súa produción científica; e as bases de datos bibliográficas, que cometen erros con frecuencia ao transcribir a información do documento orixinal ao seu rexistro electrónico, derivadas sobre todo das súas prácticas de indización adaptadas ás estruturas de nomes ingleses.

Diferentes propostas para a normalización son:

viernes, 13 de diciembre de 2013

O sistema de identificación de autores ORCID incorpora novidades


ORCID (Open Research & Contributor ID) é un sistema para a identificación unívoca dos autores das publicacións científicas. O seu obxectivo é chegar a ser o rexistro único mundial de autores.

Características principais:
  • Consiste nun identificador composto por 16 díxitos, baseado na norma ISO 27729:2012, que permite aos investigadores evitar confusións relacionadas coa autoría de actividades de investigación feitas por autores diferentes con nomes persoais coincidentes ou semellantes.
  • ORCID conéctase con outros sistemas actuais de identificación de autor como Researcher ID e Scopus Author Identifier.
  • A identificación da produción a través de ORCID garantiza tamén unha interacción correcta entre os diversos sistemas de recuperación de información existentes como por exemplo, as bases de datos bibliográficas.
Novidades:
  • ORCID ven de incorporar o módulo para introducir as afiliacións dos autores rexistrados.
  • Os campos previstos para incluír a institución son ‘Employement’ e ‘Education’. ORCID facilita datos de localización (cidade, estado, país), da institución nai e recomenda que se use esta e non as dependentes como departamentos, facultades ou escolas, pois xa conta cun campo de texto libre para iso.
  • Os nomes das institucións escóllense do menú despregable que propón RINGGOLD, axencia de rexistro de ISNI.
Máis información: