Mostrando entradas con la etiqueta Scopus. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Scopus. Mostrar todas las entradas

jueves, 8 de mayo de 2025

Scimago Journal & Country Rank e outros rankings do Scimago Lab

Recentemente ven de publicarse a última versión do Scimago Journal & Country Rank, unha ferramenta elaborada anualmente dende 2007 polo Scimago Lab, para avaliar a calidade e o impacto da produción científica por revistas e países, tomando como base os datos da base de datos Scopus do grupo Elsevier. 


 
 
O ranking de revistas ordena as revistas segundo un indicador de impacto propio, o Scimago Journal Rank (SJR), un indicador similar ó factor de impacto que se usa no Journal Citation Report (JCR), pero as principais diferencias son: 

  • O SJR é unha ferramenta de acceso gratuíto, mentres que o Journal Citation Report (JCR) é unha ferramenta de pago. 
  • A fonte utilizada para contabilizar os documentos publicados e as citas recibidas é a bases de datos Scopus, do grupo Elsevier, mentres que o factor de impacto (IF) do JCR toma os datos das bases de datos de WOS. 
  • A fórmula para calcular o SJR utiliza un sistema ponderado de citas, o que quere dicir que as citas non teñen sempre o mesmo valor senón que dependerá da calidade da revista que cita, e  unha ventá de citas de tres anos, así para o ranking do 2024 toma os datos de 2021-2023. 

Ademais dun ranking xeral ordenado polo SJR podemos obter outros, filtrando por áreas, subáreas, limitando a revistas de acceso aberto, de Scielo, que estean recollidas tamén na base de datos WOS, por áreas xeográficas, por países, por tipo de documento e por ano.   

Imagen del ranking general de revistas de 2024




E tamén podemos facer o noso ranking “a carta” combinando todos estes parámetros e descargar os datos nun arquivo excel. 

O listado de revistas pode ser ordenado en función dos diferentes elementos que amosa: índice H de revista, documentos, porcentaxe de traballos de mulleres... E ofrece tamén a posibilidade de acceder ás páxinas do perfil das revistas, clicando no título da mesma, onde se amosa toda a información sobre cada revista: título, ISSN, país de edición, editor, materia e subcategorías nas que publica a revista, valor do SJR e cuartil no que se atopa a revista, etc.





O ranking de países é un listado ordenado dos países produtores dos artigos incluídos nas revistas que recolle a base de datos Scopus. Este listado permite ordenar os países en función dos diferentes indicadores recompilados que son: documentos publicados (e indexados na  base de datos), documentos citables (que veñen sendo artigos, revisións e relatorios de congresos ), autocitas, media de citas por documentos e índice H. Ademais permítenos filtrar por áreas temáticas ou subáreas, rexións ou conxunto de países, ano, por número mínimo de documentos, de documentos citable, ou citas e descargar un excel cos datos da nosa selección.  

 


E de igual xeito que no ranking de revistas, podemos ver as páxinas do perfil de cada país, cunha chea de gráficos moi interesantes, clicando no seu nome.  





Outros  rankings do grupo Scimago 

  • O Scimago Institutions Rank (SIR) ou ranking de Institucións, é un listado ordenado de universidades, empresas ou outras institucións que se dedican a investigación en función dun indicador composto que permiten avaliar  tres aspectos:  a investigación, a innovación e o impacto social.  Utiliza datos dun período de cinco anos sendo dous anos anteriores o ano da edición, así para a edición do 2025 que saíu en marzo empréganse datos do período 2019 –2023, excepto para os indicadores de impacto da web. Toma datos de distintas fontes como Scopus, Unpaywall database, PATSTAT database, Google, Semrush, PlumX  metrics, Mendeley, etc.    

 



O portal permite tanto ver as institucións no ranking xeral, como filtrar por cada un dos aspectos analizados (investigación, innovación ou impacto social ), filtrar por área concreta, por rexión, grupo de países ou por país, por ano e descargar un excel cos datos. Tamén permite ver o perfil de cada unha das institucións ou seleccionar varias delas e comparar o seu rendemento o longo do tempo. 




A fórmula para elaborar o seu ranking basease nun conxunto de 20 indicadores con diferentes pesos para medir a importancia da institución no eido da investigación, da innovación  ou do impacto social. Os criterios para incluír as institucións no ranking son bastante esixente  xa que deben que ter un mínimo de 100 artigos indexados en Scopus no último ano do período de estudo e un 75% destes deben ser artigos “citables” tal como se recolle na súa metodoloxía.






  • O SIR IBER, ou ranking iberoamericano apareceu por primeira vez no 2009. Ofrece datos de universidades, institucións  e empresas que realizan investigación nos países iberoamericanos pero recolle un maior número de institucións que o ranking SIR. Amosa os resultados por institucións, rexións, por exemplo Galicia, e por países.









  • Scimago Media Rankings, como ferramenta para avaliar a reputación dos medios de comunicación dixitais. Basease na combinación de catro métricas importantes do posicionamento web, relacionadas coa autoridade dos dominios e o número de enlaces que reciben doutras páxinas web, proporcionadas polas ferramentas comerciais Majestic e Semrush.  

Permite filtrar por: tipo de contido, tipo de medio, rexión, país ou lingua e por edición.   


 












viernes, 15 de marzo de 2024

As publicacións científicas da UDC no 2023 segundo as bases de datos Web of Science e Scopus

En anteriores post analizamos o impacto e o output da actividade científica da UDC no último decenio segundo as bases de datos Web of Science (WoS) e Scopus. Desta volta recompilaremos os principais datos relativos ás publicacións da institución de 2023 incluídas en ambas bases de datos. 
O número de documentos na WoS neste último ano é de 1.364, dos que 867 figuran en acceso aberto. Por tipoloxía documental, os artigos son claramente a máis numerosa, con 1.102 documentos (o 80,8% do total), seguidos das comunicacións en congresos con 145 (o 10,6%) como se pode ver no seguinte gráfico: 


En Scopus o número de documentos editados en 2023 é de 1.413, dos que 941 están en acceso aberto. Os artigos son tamén a tipoloxía máis numerosa con 1.049 (o 74,2%), seguidos de novo das comunicacións en congresos con 154 (o 10,9%) como observamos a continuación:
 


Polo que respecta ás áreas de investigación, na seguinte imaxe podemos observar que as tres áreas cun maior número de documentos no 2023 na WoS foron Enxeñaría (o 15,8%), Ciencias da Computación (o 11,7%) e Ciencias Ambientais-Ecoloxía (11,3%): 


En Scopus, a distribución por áreas de investigación pódese ver no seguinte gráfico, ocupando as tres primeiras posicións Medicina, Ciencias da Computación e Ciencias Sociais: 


En canto ás institucións colaboradoras coa UDC ao longo do 2023, na WoS destacan as seguintes: 


E en Scopus: 





viernes, 10 de mayo de 2019

Base de datos Scopus: cifras actuais e novidades


Con motivo da sesión de formación presencial sobre a base de datos Scopus impartida por unha formadora especializada de Elsevier e organizada pola FECYT que tivo lugar este pasado luns na UDC, dedicamos o post desta semana a facer un pequeno repaso sobre esta base de datos, achegándovos os datos actuais da súa cobertura así como as últimas novidades da mesma.
Trátase da base de datos máis ampla de resumos e citas da literatura revisada por pares e conta con ferramentas bibliométricas para rastrexar, analizar e visualizar a investigación académica. En Scopus están representadas todas as áreas do coñecemento: ciencia, tecnoloxía, medicina, ciencias sociais e artes e humanidades. Cobre 40 idiomas e ten múltiples tipos de contido: revistas, conferencias, libros ou series de libros.

Actualmente contén máis de 23.500 títulos de revistas de máis de 5.000 editoriais de todo o mundo e 105 países diferentes que fan un total de aproximadamente 70 millóns de artigos. Destas revistas, 3.784 pertencen ao Gold Open Access. Elsevier é a editorial máis representada, aínda que non supera o 11%. A continuación están Springer Nature, Taylor & Francis e Wiley Blackwell.
Tamén inclúe 106.000 congresos, e na área de ciencias sociais e humanidades 613 series de libros e preto de 166.000 libros independentes. Ademais conta con 12 millóns de perfís de autor e 70.000 perfís institucionais.
Nos últimos tres anos, Scopus engadiu 195 millóns de referencias máis citadas desde o ano 1970. Desta manera, aumentou máis a profundidade do seu contido desde 1788. Na actualidade, contén  11,5 millóns de rexistros entre 1970-1995.
Cabe sinalar que Scopus mantén un proceso de avaliación riguroso. Deste xeito, entre 2011 e 2015, só o 48% dos títulos revisados foron aceptados en Scopus.

Entre as novidades de Scopus dos últimos meses destacan as seguintes:

  • Inclusión dos SciVal Topic Prominence, que son temas computados en SciVal baseados na análise de rede de citas e cada tema está asociado cunha puntuación que representa o seu estado de relevancia. Estes temas son unha colección de documentos cun interese intelectual común e sirven para mellorar o percorrido para a busca e localización de literatura científica, descubrir documentos relacionados ou atopar os autores máis representativos. 
  •  Opción de busca por axencias de financiación 
  •  Opción de refinar os resultados na busca de patentes

Para finalizar, deixámosvos esta ligazón na que tedes acceso á presentación da sesión.

viernes, 13 de noviembre de 2015

SESIÓN DE FORMACIÓN PRESENCIAL SOBRE SCOPUS (NIVEL EXPERTO)


O pasado 10 de septiembre tivo lugar no Edificio de Servizos Centrais de Investigación (Campus de Elviña) unha nova sesión de formación presencial no uso e funcionalizades avanzadas de Scopus, impartido por unha formadora especializados de Elsevier e organizado pola FECYT.

Tras unha introducción sobre Scopus, a súa cobertura (22.000 revistas e 30,000 libros) e os seus proxectos de expansión de libros y conferencias, a sesión centróuse nas funcionalidades avanzadas de Scopus:

Na seguinte ligazón tedes acceso a presentación da xornada.
O sitio web Recursos científicos da FECYT conta cunha sección dedicada aos diferentes ciclos de formación (presencial e en liña) que imparte, na que se recolle o material das distintas sesións.

lunes, 9 de junio de 2014

Os recursos de información na Biblioteca da UDC, parte 2: as bases de datos




As bases de datos son ferramentas que almacenan e facilitan o acceso, mediante a realización de buscas, a grandes cantidades de información científica. Tal información provén de publicacións especializadas: revistas, monografías, actas de congresos, teses de doutoramento, etc. Nalgúns casos dan acceso aos textos completos; noutros, só aos resumos dos documentos.

En función da información que queiramos recuperar, hai que ter en conta dúas características:

  • A súa temática ou área de coñecemento na que se clasifica a información que ofrece; moitas son multidisciplinares, polo que poderemos atopar información relacionada con varios campos.
  • A súa relevancia, que se mide en función da cantidade e calidade das publicacións que ten indexadas.

A BUDC está subscrita a, aproximadamente, medio centenar de bases de datos de diferentes materias, organizadas alfabeticamente ou segundo a súa temática; tamén están accesibles desde o catálogo da Biblioteca.

As bases de datos multidisciplinares de pago máis importantes son:

viernes, 14 de marzo de 2014

Normalizar o nome do autor nas publicacións


A falta de normalización dos nomes dos investigadores e dos seus centros nas publicacións científicas e nas principais bases de datos diminúe a visibilidade dos autores e dos seus centros a nivel nacional e internacional, e dificulta a recuperación das publicacións e das citas recibidas.

Os responsables desta variabilidade son os propios investigadores, que utilizan distintas formas de nome ao longo da súa produción científica; e as bases de datos bibliográficas, que cometen erros con frecuencia ao transcribir a información do documento orixinal ao seu rexistro electrónico, derivadas sobre todo das súas prácticas de indización adaptadas ás estruturas de nomes ingleses.

Diferentes propostas para a normalización son:

viernes, 22 de noviembre de 2013

A evolución no tempo dos indicadores científicos


Os indicadores científicos obtéñense de indicadores bibliométricos, que son datos numéricos calculados a partir das características bibliográficas observadas nos documentos publicados no mundo científico e académico, ou os que utilizan os usuarios deses documentos e que permiten a análise de diversos rasgos da actividade científica, vencellados á produción científica e ao consumo de información. (1) 

O indicador resulta de interese para comparalo co doutros documentos (doutras zonas xeográficas, universidades, disciplinas, bases de datos, etc.) e para estudar a súa evolución co tempo. (2)

Durante moitos anos, os únicos índices de citas dispoñibles foron os elaborados polo Institute for Scientific Information (ISI), fundado por Eugene Garfield en 1960. Na actualidade estes índices están integrados na Web of Science (WOS) a través da plataforma Web of Knowledge (WOK). Que unha revista estea indexada nesta base de datos é considerado internacionalmente un criterio significativo de calidade. (3)

Outro dos produtos ofrecidos pola WOK é o Journal Citation Reports (JCR), que avalía o impacto das revistas a partir das citas. Conta con dúas edicións, a Science Edition e a Social Sciences Edition. (4)

En 2002 comezou a publicarse Scopus, outra base de datos bibliográfica con citas. (5)

A finais de 2004 apareceu Google Académico, buscador de publicacións científicas e índice de citas que permite coñecer o impacto dos traballos publicados. Outros produtos de Google son Google Scholar Citations (GSC), que recopila a produción científica dun investigador e ofrécea agregada nunha páxina, engadindo información sobre o número de citas de cada referencia; e Google Scholar Metrics (GSM), que ofrece o impacto das revistas científicas a partir dos recontos de citas. (6)

Existen tamén índices de disciplinas concretas como os Índices de Impacto de Revistas Españolas en Ciencias Xurídicas (In-RECJ), en Ciencias Sociais (In-RECS) e en Ciencias Humanas (In-RECH), ou o Factor IME (factor de impacto potencial das revistas médicas españolas).

A última novidade neste campo son as ferramentas para recopilar indicadores na web. Temos algún exemplo con Altmetric, Impact Story ou Plum Analytics.

Máis información na páxina da Biblioteca da UDC:
Bibliografía: 1-6, ARDANUY, Jordi. Breve introducción a la bibliometría. Barcelona: Universitat de Barcelona, 2012. http://hdl.handle.net/2445/30962 [En liña, 22/11/2013]