Mostrando entradas con la etiqueta CUFIE. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta CUFIE. Mostrar todas las entradas

viernes, 12 de febrero de 2021

Plano de Formación en Competencias Dixitais da Biblioteca Universitaria: cursos dirixidos ao alumnado de doutoramento e ao PDI da UDC


Dende hai anos, a Biblioteca da UDC, a través do Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE), presenta un Plano de Formación en Competencias Dixitais que ten como obxectivo que os participantes adquiran as habilidades para acceder, xestionar, avaliar, crear, publicar e difundir información científica de forma ética e legal.

Está formado por dous cursos de modalidade semipresencial que se realizan anualmente (parte virtual na plataforma Campus Virtual UDC e obradoiros presenciais nas bibliotecas dos centros ou a través de Teams pola situación actual da pandemia):

Como este segundo curso terá lugar proximamente, proporcionamos a continuación un esquema xeral dos contidos que se tratarán no mesmo, así como os principais obxectivos que se perseguen. Os seus contidos agrúpanse en catro unidades didácticas:

  • A identificación de autor: nome e filiación
  • A publicación científica
  • A publicación e o acceso aberto. O repositorio institucional da UDC (RUC)
  • Plataformas sociais e redes científicas

Cos obxectivos xerais de:

  • Motivar ao profesorado da UDC a ter unha presenza profesional activa na rede que reflicta de forma precisa as súas actividades e investigacións
  • Promover o uso de boas prácticas á hora de crear unha identidade inequívoca como autor e investigador
  • Informar aos investigadores dos recursos específicos para a creación de perfís identificativos que faciliten a súa visibilidade nas bases de datos e na rede
  • Traballar de forma práctica na creación de perfís e estratexias de visibilidade nos obradoiros

O curso garda relación coa liña 1.7 do obxectivo estratéxico 1 do Plan Estratéxico UDC2020, unha produción científica de calidade (Investigación, Innovación e Transferencia): “Aumentar a visibilidade e mellorar os indicadores da actividade real de investigación e transferencia”.

Para finalizar esta publicación, queremos sinalar que ademais do Plano de Formación en Competencias Dixitais da Biblioteca Universitaria, o CUFIE oferta moitos outros cursos formativos a través do Plano de Apoio á Aprendizaxe (dirixidos a alumnado de grao e mestrado), o Plano de Apoio ao Ensino (para PDI), o Plano de Formación Inicial (para o profesorado novel) ou o Plano de Apoio ao Doutoramento e á Investigación (para alumnado de doutoramento).                                                       

lunes, 9 de mayo de 2016

2ª EDICIÓN DO CURSO "ESTRATEXIAS PARA INCREMENTAR A VISIBILIDADE E O IMPACTO DOS RESULTADOS DA INVESTIGACIÓN”


A semana pasada rematou a parte teórica en liña da segunda edición do curso semipresencial "Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación”, impartido polo Servizo de Biblioteca e as bibliotecas dos centros, en colaboración co CUFIE, e no que se inscribiron douscentos PDI e doutorandos.

Dita parte teórica constou de catro módulos de dous temas máis un obradoiro cada un.

No primeiro módulo, “A identificación de autor: nome e filiación”, tras falar dos problemas para recuperar a totalidade da produción científica dun científico, e das cuestións de filiación institucional, que requiren de nomes normalizados para investigadores e centros, analizáronse as distintas solucións dispoñibles para o investigador, entre as que destaca ORCID pola súa implantación cada vez máis xeneralizada (a UDC promove que todos os investigadores da Universidade teñan este identificador) e a súa interoperabilidade. ORCID, aparte de identificar ao autor, permite a creación dun perfil bibliográfico dixital completo, interoperando cos sistemas de perfís ResearcherID da WOS, Scopus Author ID, etc. No curso viuse pormenorizadamente o funcionamento dos distintos sistemas de identificación e de perfís de investigadores.

martes, 6 de octubre de 2015

O APOIO AOS INVESTIGADORES POLA BIBLIOTECA DA UDC (III)


Rematamos a serie de entradas dedicadas ao curso "Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación” cunha breve referencia a contido da súa última semana.

A terceira semana do curso correspóndese co seu módulo 3, “Plataformas sociais e redes científicas”, dividido en tres temas:
  1. As redes sociais na web da Biblioteca da UDC
  2. As redes como fonte alternativa de impacto: Altmetrics
  3. A métrica das redes nas bases de datos.

No primeiro destácase o papel dinamizador das novas tecnoloxías, da web 2.0 e do movemento internacional do acceso aberto na investigación científica, dando lugar a unha ciencia 2.0 caracterizada pola colaboración, participación e a crecente accesibilidade gratuíta aos resultados da investigación. 

Aínda que as redes xeneralistas como Facebook, Twitter, etc.,  son relevantes para medir o interese que os estudos científicos despertan na sociedade e entre os colegas científicos, aparecen unha serie de redes especificas para científicos. As tres máis importantes, fundadas entre 2007 e 2008 e que abarcan tódolos campos, son:

lunes, 13 de julio de 2015

ESTRATEXIAS PARA INCREMENTAR A VISIBILIDADE E O IMPACTO DOS RESULTADOS DA INVESTIGACIÓN


A "Alianza 4 Universidades (Carlos III de Madrid, Autónoma de Madrid, Autónoma de Barcelona e Pompeu Fabra)” ven de lanzar a cuarta edición do Observatorio IUNE para o seguimento da actividade investigadora das universidades españolas. A páxina do Observatorio ofrece indicadores da actividade científica, con indicadores sobre profesorado, recoñecemento, actividade científica, innovación, competitividade e capacidade formativa.

O artigo da revista de divulgación científica galega online GCiencia, "A produción científica das tres universidades galegas duplicouse nunha década", fai un resumo das conclusións que se poden extraer do informe IUNE 2015; aparte da que se enuncia no seu título, indica que a producción anual da UDC  pasou de 252 en 2004 a 631 artigos en 2013, que a súa produción total da decada 2004-2013 foi de 4.094 traballos científicos e que, no mesmo período, a produtividade por profesor no SUG aumentou de 0,42 a 0,77.

O desenvolvemento deste tipo de informes e o aumento do peso dos indicadores bibliométricos á hora da avaliación científica, visible por exemplo nos novos criterios aprobados para cada uno dos campos específicos nos sexenios, moito máis concretos que antes, poñen de relevo a importancia das métricas de impacto. Igualmente importantes para o correcto funcionamento destes indicadores son a utilización polos investigadores de identificadores únicos como ORCID, a súa sincronización cos seus perfís en ResearcherID, Scopus Author ID e Google Scholar Citation, e o cumprimento das directrices de filiación institucional. Neste senso, convén mencionar o artigo da Voz de Galicia de maio de 2014: "Problemas de toponimia ["un problema importante de visibilidade", segundo o vicerrector de Investigación] fan que a UDC caia nos ránkings". Eses problemas xa foron en boa parte solucionados coa adopción dos nomes normalizados "Universidade da Coruña" e "University of A Coruna" , e o seu uso pola Web of Science e Scopus.

De aí que o Servizo de Biblioteca Universitaria e as bibliotecas dos centros, en colaboración co CUFIEprogramase o curso “Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación", dirixido ao PDI da UDC, cos obxectivos xerais de:
  • Motivar ao profesorado da UDC a ter unha presenza profesional activa na rede que reflicta de forma precisa as súas actividades e investigacións.
  • Promover o uso de boas prácticas á hora de crear unha identidade inequívoca como autor e investigador
  • Informar aos investigadores dos recursos específicos para a creación de perfís identificativos que faciliten a súa visibilidade nas bases de datos e na rede. 
  • Traballar de forma práctica na creación de perfís e estratexias de visibilidade nos obradoiros