Mostrando entradas con la etiqueta Open Access Week. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Open Access Week. Mostrar todas las entradas

viernes, 25 de octubre de 2024

A investigación da Universidade da Coruña en acceso aberto

Co gallo da semana do acceso aberto dende o servizo de Biblioteca queremos facer un pequeño resumo do traballo feito e coller pulos para seguir adiante, no camiño para acadar o obxetivo da Ciencia Aberta. Para isto imos a botar unha ollada ó portal de investigación da universidade da Coruña, que é a ferramenta que recolle e agrupa a producción científica da universidade. 


Segundo os datos que nel se recollen, o persoal investigador ten producidos uns 57.523 documentos, un 39% dos cales están dispoñibles en acesso aberto, uns 22.723 documentos.














Da producción científica da UDC difundida mediante acceso aberto un 21% son teses, o 59% son artigos e o 20% restante corresponde a outro tipo de publicacións.









Como era de esperar, os artigos de revista supoñen a maior parte da producción científica en acceso aberto, posto que é o formato por excelencia para difundir os avances científicos fronte a outros tipos de documentos.



En canto a distribución de publicacións en acceso aberto por anos, hai que dicir que aínda que Universidade da Coruña se adheriu a declaración de Berlin xa en Xaneiro de 2006, non se aprecia un cambio significativo a partir desa data. Senón que a adopción do acceso aberto foi mais ben un crecemento lento, como pode verse nas imaxes seguintes.




Distribucción de publicacións por ano.











Distribucción de publicacións en acceso aberto por ano.


Tamén se pode apreciar nas imaxes anteriores como foi o tránsito na UDC ó acceso aberto segundo as tipoloxías documentais, sendo os artigos e as achegas a congreso os que máis pronto se adaptaron o acceso aberto, mentres que os libros no se incorporaron prácticamente ate a década dos 20.



Teses


O portal do investigador organiza as teses de xeito independiente do resto de publicacións, e ademáis diferencia entre teses defendidas na UDC e teses dirixidas polo persoal investigador da universidade. Pero en moitos casos unha mesma tese aparece nos dous apartados: por ter sido dirixida por un profesor desta universidade e ser defendida na mesma institución.




   

No caso das teses arredor do 74% delas están publicadas en acceso aberto, as defendidas na UDC están publicadas no RUC e as dirixidas e defendidas noutras institucións no repositorio correspondente. 


Esta alta porcentaxe de teses en acceso aberto non sorprende demasiado se temos en conta que a partir de 2011, coa aprobación do RD 99/2011 que regula os estudos de doutoramento o depósito das teses de doutoramento é obrigatorio, salvo en casos moi concretos. O mesmo tempo que pon de manifesto a importancia dos mandatos e as políticas en favor do acceso aberto para conseguir a súa implantación. 







Máis información:







jueves, 28 de octubre de 2021

Semana Internacional do Acceso Aberto 2021

Esta semana celébrase a Semana Internacional do Acceso Aberto 2021, co lema "Importa como abrimos o coñecemento: construíndo a equidade estrutural". Neste ano, e seguindo a recomendación da UNESCO sobre ciencia aberta, destácase a importancia da equidade no acceso ao coñecemento por parte tanto dos produtores como dos consumidores do mesmo, buscando acadar un futuro no que este coñecemento estea aberto por defecto.

A Red de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN), que cada ano promove a Semana Internacional de Acceso Abierto en España a través do seu Grupo de Traballo de Repositorios, difunde desde este portal as accións que se levan a cabo nas diferentes universidades e o CSIC: accións formativas, mesas redondas, difusión en redes sociais, etc. O acto central terá lugar o venres 29 de outubro ás 10 h., coa conferencia en liña “Hacia una nueva generación de repositorios” a cargo de Tránsito Ferreras, directora do Servicio de Bibliotecas de la Universidad de Salamanca.

Ademais, neste portal destácase a publicación do informe “Medición del Acceso Abierto en las universidades españolas y el CSIC (2016-2020)”, onde se amosa que en catro anos o conxunto de documentos científicos españois publicados en aberto superan aos que non o están. Outro feito que se salienta é o recente galardón de REBIUN co “Open Educational Award for Excellence” pola adaptación do Kit REA (Recursos Educativos en Aberto), que realizou a partir do modelo existente en Canadá.

As editoriais académicas tamén se suman á celebración desta semana a través da campaña  Abre tu libro al mundo”, divulgando unha selección de títulos de editoriais da Unión de Editoriales Universitarias Españolas publicados en aberto ao longo de 2021.

No que respecta ao Servizo de Biblioteca da UDC, participamos nesta semana cunha guía informativa que recolle os tres piares fundamentais do noso compromiso coa difusión do acceso aberto entre a comunidade universitaria: as infoguías Acceso aberto, Os acordos transformativos na UDC e O RUC, repositorio institucional da UDC.

Outros documentos de interese:

- Compromisos de las Universidades ante la Open Science, publicado pola CRUE en 2019.

viernes, 23 de octubre de 2020

Semana Internacional do Acceso Aberto 2020


Esta semana estase a celebrar en todo o mundo a Semana Internacional do Acceso Aberto (Open Access Week), unha iniciativa anual para sensibilizar sobre os beneficios deste movemento. Grazas a el podemos atopar un gran volume de literatura científica dispoñible en liña para ler, descargar, copiar, utilizar…, sen restricións económicas, legais e técnicas. Este ano ten por lema Abrir con Propósito: Emprender acciones para construir equidad e inclusión estructurales, e por terceiro ano consecutivo está centrada no tema da equidade no coñecemento aberto, destacando a necesidade urxente de levar a cabo accións para alcanzar a equidade e inclusión global no acceso aos resultados de investigación.

Como en anteriores edicións, a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) difunde de maneira conxunta as actividades realizadas dende diferentes universidades españolas neste portal. Ademais, este ano mediante a iniciativa “Testimonios abiertos” ofrécense distintas experiencias levadas a cabo no ámbito da ciencia aberta durante a pandemia. Outro interesante proxecto que presenta é este kit de REA, unha guía sobre que son, como se crean e comparten os recursos educativos abertos (REA), materiais de aprendizaxe ou de ensino que se atopan en dominio público ou que se crearon baixo unha licenza aberta. Trátase dunha tradución e adaptación ao español do recurso orixinal OER Toolkit, e inclúense explicacións, exemplos prácticos, vídeos, infografías e outros recursos de interese.

Tamén destacamos o portal internacional Open Access Week, creado para o evento nos seus inicios hai trece anos e que co paso do tempo converteuse nunha plataforma de interacción e información a nivel global do movemento polo acceso aberto.

Dende o Servizo de Biblioteca da UDC ofrecemos algúns servizos de apoio á investigación para lograr o acceso aberto dos resultados. É o caso do repositorio institucional, o RUC, que ofrece acceso aberto ao texto completo de documentos creados polos membros da UDC no seu labor de investigación e docencia. Tamén establecéronse acordos con algúns editores grazas aos cales os autores da UDC que desexen publicar en acceso aberto benefícianse dalgún desconto.

Rematamos esta publicación indicando que na web da biblioteca ofrecemos a sección Movemento Acceso Aberto, que inclúe numerosos recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas e libros en acceso aberto, recursos educativos, etc.

viernes, 18 de octubre de 2019

Semana Internacional do Acceso Aberto 2019


A vindeira semana celébrase en todo o mundo a Semana Internacional do Acceso Aberto (International Open Access Week), unha iniciativa anual para promover o acceso aberto no mundo académico e da investigación. O lema deste ano é “¿Abierto para quién? Equidad en el conocimiento abierto”, no que se tratará, segundo palabras de Nick Shockey, de responder a preguntas como: ¿Os intereses de quen se está priorizando na infraestrutura que apoiamos?, ¿Apoiamos non só o acceso aberto senón tamén a participación equitativa na comunicación de investigación?, etc.

Como en cada edición, a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) difunde de maneira conxunta as actividades realizadas dende as diferentes universidades españolas e o CSIC neste portal. Ademais, este ano Crue-REBIUN colabora nun curso en liña gratuíto sobre ciencia aberta por Twitter, que é coordinado pola UOC e que conta co apoio para a elaboración dos contidos de varias universidades españolas. Consiste nun microMOOC que tratará cuestións ligadas aos conceptos e as nocións básicas da ciencia aberta. Cada día, do 21 ao 25 de outubro, dende a conta de Twitter @moocmicro poñerase o énfase nun aspecto diferente, dende a xestión e preservación dos datos ata a investigación e innovación responsables, pasando polas novas formas de avaliar a investigación. Co hashtag #CienciaAbiertaMOOC19 tamén poderedes seguir todos os contidos.

Tamén destacamos o portal internacional Open Access Week, creado pola SPARC, que entre outros moitos recursos inclúe un buscador dos eventos que teñen lugar en todo o mundo ao longo desta semana. O hashtag oficial de Twitter para a semana é #OAWeek, e dende SPARC animan aos que teñan discusións sobre o tema deste ano usar o hashtag #OpenForWhom.

Para rematar, lembrámosvos que na páxina web da Biblioteca da UDC ofrecemos información xeral sobre o acceso aberto, así como este amplo apartado de recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas e libros en acceso aberto ou datos abertos, entre outros. Ademais incluímos esta completa INFOguía con información sobre os dereitos de autor no acceso aberto, os descontos para os autores da UDC nas tarifas de publicación de artigos en aberto, etc.

lunes, 22 de octubre de 2018

Semana Internacional do Acceso Aberto 2018


Esta semana celébrase a Semana Internacional do Acceso Aberto (Open Access Week), como así ven sendo habitual nesta última década. O lema deste ano é “Diseñando bases equitativas para el conocimiento abierto”, e como sinala Nick Shockey, este lema dá conta dun sistema académico que se atopa en transición. A pesar de que os gobernos, financiadores, universidades…están a adoptar políticas e prácticas abertas, éstas aínda se implementan de maneira difusa. Mentres a apertura é adoptada por defecto, todos os implicados deben ter o propósito de deseñar estes novos sistemas abertos, para asegurar que son inclusivos, equitativos, e que realmente están ao servizo das necesidades dunha comunidade global diversa. 

A Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN), que cada ano promove a Semana Internacional de Acceso Abierto en España a través do seu Grupo de Traballo de Repositorios, difunde dende o portal http://www.accesoabierto.info/ a Open Access Week a través de noticias, iniciativas ou recursos sobre o acceso aberto. Nesa páxina podedes consultar unhas interesantes infografías sobre o acceso aberto de REBIUN, que abarcan temas como as vantaxes dos repositorios para a difusión e a visibilidade da investigación, como cumprir cos mandatos sobre xestión e publicación de datos en Horizonte 2020, pasos para elaborar un plan de xestión de datos, etc.
Ademais desta web nacional, tamén destacamos o portal internacional Open Access Week, creado pola SPARC, que entre outros moitos recursos inclúe un buscador dos eventos que teñen lugar en todo o mundo nesta semana.

Son moitas as bibliotecas universitarias españolas que participan nesta semana con diversas actividades, dende conferencias, cursos, etc. Crue-REBIUN anímannos a participar no xogo en liña #siguelapistadelOA, coordinado polas Bibliotecas da Universidade de León e da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os días 23 e 26, a través das redes sociais de Twitter (@rebiun) e Facebook (https://www.facebook.com/rebiun/), expoñerán preguntas, darán pistas e animarán, dunha forma lúdica, ao uso, coñecemento e difusión dos recursos en aberto das universidades españolas. Unha vez terminada a actividade, as persoas participantes poderán enviar a resolución completa do xogo ao correo electrónico minerva@usc.es, indicando nome, dirección postal (para recibir un pequeno obsequio) e universidade.

Para rematar, lembrámosvos que na UDC contamos co RUC, repositorio institucional que ofrece acceso aberto ao texto completo de documentos creados polos membros da UDC no seu labor de investigación e docencia. Na páxina web da biblioteca tamén ofrecemos información sobre o acceso aberto, así como un amplo apartado de diversos recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas e libros en acceso aberto, datos abertos, etc. Ademais incluímos unha completa INFOguía con información sobre os dereitos de autor no acceso aberto, datos de investigación ou descontos para os autores da UDC nas tarifas de publicación de artigos en aberto, etc.

lunes, 23 de octubre de 2017

Semana Internacional do Acceso Aberto 2017




Esta última semana de outubro celébrase a Semana do Acceso Aberto, como así ven sendo habitual nesta última década. O lema deste ano é “Open in order to…”, que é unha invitación a responder á pregunta de qué beneficios pode conlevar facilitar o acceso aberto á producción científica.
A Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN), que cada ano promove a Semana Internacional de Acceso Abierto en España a través do seu Grupo de Traballo de Repositorios, difunde dende a plataforma http://www.accesoabierto.info/ a Open Access Week, ademáis de organizar actividades propias e de cooperación con outras entidades.
A actividade principal desta Semana 2017 é o congreso “Ecosistemas del Conocimiento Abierto” (ECA 2017), que se celebrará en Salamanca os vindeiros días 25, 26 e 27. Nel terán lugar diferentes xornadas de longa traxectoria como:

- 16º Workshop de REBIUN de Proyectos Digitales, que se ven celebrando de forma periódica dende o ano 2000
- 11º Coloquio Internacional de Ciencias de la Documentación, que tamén se iniciou no ano 2000
- 7as Jornadas OS-Repositorios, que se iniciaron en 2006
O programa completo deste congreso pódese consultar na seguinte ligazón.
O día anterior ao comezo deste congreso, o día 24, terá lugar o workshop Cómo cumplir con políticas de Open Science: Servicios y herramientas de apoyo para investigadores.

Destacamos tamén o portal internacional Open Access Week creado pola SPARC (Scholarly Publishing and Academic Resources Coalition), que recolle o compromiso dos investigadores coas accións de apoio ao acceso aberto e provee información e recursos para levalas a cabo. Inclúe ademáis un buscador dos eventos que teñen lugar en todo o mundo nesta semana. No caso de España, ademáis das actividades comentadas de Salamanca, faise eco da IV Jornada sobre Acceso Abierto na que participa a Biblioteca de la Universidad de Extremadura.

Para rematar, lembrámosvos que na UDC contamos co repositorio institucional RUC, o repositorio de acceso aberto creado para difundir e preservar a documentación dixital derivada da actividade investigadora, docente e institucional dos nosos membros. Na páxina da biblioteca tamén temos información sobre o acceso aberto, así como un amplo apartado de diversos recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas ou libros en acceso aberto, datos abertos (open data), etc.

viernes, 28 de octubre de 2016

SEMANA INTERNACIONAL DO ACCESO ABERTO 2016


O lema da Semana do Acceso Aberto de 2016, que se celebra do 24 ao 30 de outubro, é “Open in action". A diferenza de edicións anteriores, este ano non se tratan aspectos concretos ou visións do acceso aberto; pásase da teoría á acción, de levar o Open Access á práctica mediante accións concretas.

A Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) difunde desde o portal accesoabierto.info a Open Access Week. Este ano ofrece e novos pósteres informativos sobre diversos aspectos do acceso aberto (ciencia aberta, open data -1, 2, 3 ,4-, repositorios)

A actividade principal da Semana 2016 foi unha Mesa redonda en liña organizada por REBIUN sobre proxectos emerxentes de xestión de datos en España que tivo lugar o pasado 26 de outubro, na que tamén se presentou o Informe sobre o cumprimento do mandato de publicación en aberto do artigo 37 da Lei da Ciencia.

Aspectos más salientables desa mesa redonda:

Co obxectivo de plasmar esta chamada a acción a nivel internacional, a SPARC  (Scholarly Publishing and Academic Resources Coalition) creou o Open Access Week Action Portal, no que os investigadores poden escoller unha das accións concretas suxeridas pola web en apoio do acceso aberto: depositar ao menos un artigo no repositorio institucional no prazo dun ano, asinar a Declaración de San Francisco (DORA), enviar ao menos un traballo a unha revista de acceso aberto nun ano, etc.

viernes, 16 de octubre de 2015

SEMANA INTERNACIONAL DO ACCESO ABERTO 2015


Coincidindo cos obradoiros prácticos nas bibliotecas dos centros cos que remata o curso semipresencial "Estratexias para incrementar a visibilidade e o impacto dos resultados da investigación", nos que entre outras tareas, se están a realizar prácticas de autoarquivo no repositorio institucional da UDC (RUC), a semana próxima celébrase a Open Access Week baixo o lema “Open for Collaboration”, que fai fincapé na capacidade do movemento aberto para promover a colaboración e avanzar na investigación.

A Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN), que cada ano promove a Semana Internacional de Acceso Abierto en España a través da Acción 4 do seu Grupo de Traballo de Repositorios, difunde desde a plataforma http://accesoabierto.info a Open Access Week (Obxectivo 4.1 da Acción 4) e organiza actividades propias e de cooperación con outras entidades (Obxectivo 4.2).

Ademáis, no seu portal accesoabierto.info agrúpanse recursos, actividades e noticias relacionados co open access nos seus apartados de Recursos, edicións anteriores da OAW, Repositorios REBIUN e Investigación.

A actividade principal da Semana organizada este ano por REBIUN e a UNED é a Mesa redonda en liña sobre “Ciencia colaborativa e acceso aberto: os repositorios como instrumentos de E-Ciencia” que terá lugar o 23 de octubre de 2015 as 15:00 h, e que poderá seguirse na web na ligazón https://www.intecca.uned.es

A presentación da mesa redonda ilustra e desenvolve o tema da OAW deste ano:
 “Para encontrar solucións aos problemas globais que se aos que se enfronta a sociedade actual, a investigación científica xa non pode ser xestionada no antigo modelo silo de investigación. Agora, para poder afrontar los retos científicos é necesaria a colaboración de investigadores en grupos internacionais, interdisciplinarios e interinstitucionais traballando xuntos en rede hacia obxectivos comúns, compartindo coñecementos, e datos de investigación. Para que esta investigación colaborativa poda avanzar é necesario que os investigadores podan buscar, acceder, mover, manipular, reutilizar un conxunto de datos distribuído. Como parte da infraestrutura de datos que da soporte á investigación e a comunicación científica, os repositorios de acceso aberto deben converterse en instrumentos esenciais para esta ciencia en colaboración.”
Na mesa redonda reflexionarase sobre “as vías, os modelos, os retos e oportunidades que se lle presentan aos repositorios de acceso aberto como instrumentos de apoio nos novos contornos colaborativos da investigación científica.


Aparte, entre os recursos engadidos recentemente ao portal atópanse catro pósteres informativos sobre os distintos aspectos do acceso aberto e dos repositorios. 

https://assets.rbl.ms/2322583/980x.jpg