Mostrando entradas con la etiqueta Igualdade de xénero. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Igualdade de xénero. Mostrar todas las entradas

miércoles, 6 de marzo de 2024

8 de marzo, Día Internacional da Muller



O vindeiro 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller, xornada reivindicativa que conmemora a loita das mulleres pola igualdade de dereitos. Dámosvos conta neste post dalgúns dos actos máis destacados que tiveron ou terán lugar ao longo destes días na nosa universidade con gallo do 8M.

8M na UDC

-8 de marzo: Actos institucionais, ás 11.30h na Praza de Humanidades (Campus de Ferrol) e ás 18.30h na Sala de Prensa da Reitoría (Maestranza, A Coruña)

-do 6 ao 20 de marzo, na Facultade de Economía e Empresa: "Xornadas 8M – Mulleres e independencia económica: traballo e sociedade en perspectiva histórica". Organizadas pola Oficina de Igualdade de Xénero da UDC e abertas á toda a comunidade universitaria, incluirán, entre outras, actividades como obradoiros, exposicións, charlas-coloquio e unha proxección cinematográfica.



-6 de marzo, ás 13 horas na Escola Técnica Superior de Arquitectura: "Pechakucha 8M Exitosas-Xeitosas", que reuniu a alumnas e egresadas e nos que se abordaron distintas temáticas relacionadas coa muller na Arquitectura.

-6 de marzo, ás 12 horas: "Cadea Humana contra o feminicidio xenocida en Palestina, contra o infanticidio e contra o epistemicidio a mans do Estado de Israel coa complicidade de occidente", organizada polo Grupo de Igualdade da Facultade de Ciencias da Educación e SUG por Palestina; diante das Facultades de Informática, Dereito, Ciencias, Filoloxía (no Campus da Coruña) e Humanidades (Campus de Ferrol)

8M nas Bibliotecas da UDC

Animámosvos, ademais, a visitar as exposicións bibliográficas e centros de interese realizadas nas Bibliotecas de centro da UDC:

- Biblioteca da Facultade de Ciencias da Educación: Exposición bibliográfica sobre Eco-Feminismo. Do 5 de marzo ao 15 de abril.




- Biblioteca "Casa do Patín": Exposición bibliográfica en homenaxe ás Mulleres Artistas.





- Biblioteca da Facultade de Informática: Centro de interese con obras de temática feminista da súa colección.



- Biblioteca da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física: Centro de interese con libros que abordan a temática dos corpos normativos (beleza, gordofobia, enfermidades, conduta alimentaria...) 

Para ampliar información, recomendámosvos a lectura das seguintes Infoguías da Biblioteca Universitaria:

- 8M na BUDC, onde, ademais dunha selección de libros e películas de temática feminista dispoñibles na colección da biblioteca, atoparedes información sobre campañas e actividades organizadas, con motivo do 8M, na UDC e nas súas bibliotecas tanto neste 2024 coma en anos anteriores.

-Guía sobre feminismo, xénero e igualdade, onde teredes acceso a unha ampla selección de recursos de información sobre estas temáticas.

viernes, 4 de junio de 2021

O Plan de Igualdade da Universidade da Coruña. Aportacións dende o Servizo de Biblioteca.

O compromiso da Universidade da Coruña (UDC) coa loita pola consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes no ámbito universitario vense amosando dende a posta en funcionamento da Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX) en 2007. Este compromiso afianzouse coa posta en marcha do  I Plan de Igualdade da UDC, que abrangueu os anos 2013-2017, e no que se concluíu que aínda seguían existindo desigualdades importantes nos colectivos que conforman a comunidade universitaria da UDC (alumnado, PDI e PAS). Por exemplo, concluíuse que continúa o estereotipo de elección da carreira profesional do estudantado que desemboca na elección da Ciencia e Tecnoloxía nos homes mentres que as áreas de coñecemento das Humanidades e Ciencias Sociais seguen a ser a elección predominante de mulleres.

Actualmente a UDC xa está inmersa no II Plan de Igualdade 2019-2022, que recolle 57 medidas de actuación destinadas a conseguir a integración do principio de igualdade en tódolos eidos da UDC. Algunhas destas medidas son de continuidade, é dicir, xa foron iniciadas no primeiro plan e demostraron a súa eficacia, ou ben non puideron ser completamente desenvolvidas e deben selo neste. Outras medidas son de avance e afondamento, xa que supoñen unha nova liña de traballo respecto ao plan anterior.

No que atinxe ás bibliotecas, este documento contén certas medidas que incumben directamente ás mesmas consistentes, por unha banda, en potenciar a adquisición de fondos sobre temáticas de xénero e, por outra, en darlle maior visibilidade aos traballos académicos e científicos que aborden temáticas de xénero ou que empreguen metodoloxías de investigación que inclúan a perspectiva de xénero.

Ademais, recentemente o Servizo de Biblioteca vén de realizar esta guía sobre feminismo, xénero e igualdade, que pretende contribuír á difusión de recursos sobre feminismo, xénero e igualdade, tanto de carácter xeral (sitios web, revistas, asociacións, etc.) como todo o que se pode aportar dende a UDC e o propio Servizo de Biblioteca sobre estas temáticas.

Outra nova de interese é que este mes a UDC adherirase ao “Manifesto Bibliotecas en Igualdade”, promovido pola Asociación Clásicas y Modernas para o fomento e impulso da igualdade de xénero. Por medio desta adhesión, a UDC comprometerase a revisar os fondos bibliográficos para emendar as ausencias de obras escritas por mulleres, fomentar a investigación sobre temáticas relacionadas coa igualdade de xénero, ou impulsar a cooperación entre bibliotecas para a optimización dunha nova perspectiva que acabe coa brecha de xénero, entre outros.

Ademais do II Plan de Igualdade, a UDC dispón doutras ferramentas fundamentais para a transformación no ámbito da igualdade de xénero: o Protocolo de actuación ante situacións de acoso sexual por razón de sexo, por orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na UDC e o Código de conduta para a igualdade de xénero.

No que respecta aos centros ou redes sobre igualdade, a UDC conta con:

- a anteriormente citada OIX, cuxo fin é lograr unha actividade docente e discente, investigadora e laboral máis igualitaria, e que impida calquera manifestación de discriminación por razón de xénero que poida aparecer tanto na UDC como no seu contorno social e cultural.

- o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), espazo de investigación de carácter aberto e multidisciplinar, no que teñen cabida todas aquelas persoas que desenvolven liñas investigadoras en materia de xénero e/ou feminismo.

- a Rede para a docencia e investigación con perspectiva de xénero (REDIX), constituída por profesorado e persoal investigador de distintos ámbitos da UDC que perseguen avanzar na calidade e innovación do ensino e a investigación, apostando pola incorporación efectiva do principio de igualdade entre mulleres e homes.

Para finalizar, queremos difundir que os vindeiros días 10 e 11 de xuño celebrarase de maneira virtual a VII Xornada Universitaria Galega en Xénero, organizada polas oficinas de igualdade de xénero das tres universidades galegas. Esta edición centrarase en visibilizar o impacto da actual crise sanitaria, social e económica nos ámbitos da violencia de xénero e da traxectoria investigadora das mulleres, así como a importancia da aposta por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero.