Mostrando entradas con la etiqueta Inclusión. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Inclusión. Mostrar todas las entradas

viernes, 28 de junio de 2024

Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

O 28 de Xuño celebrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ para reivindicar a dignidade das persoas que pertencen a este colectivo e o dereito a non ser discriminados nin pola sociedade nin polas leis.

Aínda que hoxe en día estas celebracións teñen un carácter bastante lúdico, na súa orixe non o eran. A data elixida, foi na que tiveron lugar violentos enfrontamentos entre a policía e membros da comunidade LGTBIQ+  acontecidos  en Stonewall Inn, Nova York, en 1969. Ese 28 de Xuño foi o comezo da loita polos dereitos do colectivo en todo o mundo, e un ano despois, no 1970 celebrouse por primeira vez o Día do Orgullo.



En España a primeira manifestación tivo lugar na transición, o 26 de Xuño de 1977 en Barcelona. Unha manifestación a que acudiron milleiros de persoas, do colectivo LGTBIG+ pero tamén familiares, representantes sindicais e políticos, a pesares de que aínda estaba vixente a lei sobre peligrosidade e rehabilitación social, que represaliaba tantos os actos como as asociacións ou expresións que supuxeran unha orientación sexual ou de xénero diferente. Unha manifestación que non apareceu na televisión e que acabou en graves disturbios. Un ano despois, o 25 de xuño de 1978 o Frente de Liberación Homosexual de Castilla organizou a primeira marcha do orgullo en Madrid, onde continuou celebrándose, agás no 1980 e no 2020. Nos 90 comezou a ter un carácter máis festivo e a súa sona non deixou de medrar polo que no 2016 o Concello de Madrid declarou a Festa do Orgullo de Madrid (MADO) como Festa de interese xeral.

A primeira celebración do día do orgullo en Galicia tivo lugar en 1981 en Vigo, convocada pola Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia (CCGG), coa asistencia dunhas cincocentas persoas, segundo recolleu a prensa, e co apoio de asociacións feministas e de partidos políticos. Pero previamente na Coruña xa tiveran lugar actos en defensa dos dereitos do colectivo, como os que se levaron a cabo en protesta pola expulsión de dous mozos homosexuais na cafetería Manhattan Plaza. A Coruña foi tamén onde se fundou a primeira asociación LGTBI galega a finais dos anos 80, Milhomes, e quizais por iso A Coruña é unha das cidades españolas nas que esta data se vive con maior intensidade. Unha data que se celebra na cidade dende principios do século XX e que deu orixe a un gran festival de música e doutras actividades culturais para celebrar e visibilizar a diversidade sexual e de xénero, o ATLANTIC PRIDE. Un festival que enche de música e cor a cidade dende o 2018 grazas a colaboración entre a asociación Orgullo Coruña (ORCO) e o Concello da Coruña.



Este ano o ATLANTIC PRIDE contará coas actuacións estelares de Nebulosa, Chanel e Rosa López na semana do 7 o 14 de Xullo, pero na cidade celebrase xa eventos culturais e lúdicos durante o mes da man do Concello e de  ALAS Coruña.

A Universidade da Coruña, pola súa banda, ten un fondo compromiso coa diversidade afectiva e de xénero, feito que se reflicte tanto na participación na Rede de Universidades pola Diversidade (RUD) e a firma do seu Manifesto polo día Internacional do Orgullo, e a súa Declaración contra a LGTBIfobiacoma na creación da Unidade de atención a comunidade LGTBIQ+,  dentro de Unidade de Atención a Diversidade (ADI) así como de normativas, protocolos e códigos de conducta.


A Unidade de atención a comunidade LGTBIQ+  ten varias líneas de traballo entre as que destacan: velar polos dereitos de toda a comunidade universitaria e de xeito especial polos das persoas deste colectivo; dar formación, visibilizar e fomentar a investigación sobre as realidades LGTBIQ+ e apoiar e acompañar as persoas do colectivo nas diferentes situacións que estean vivindo, e de xeito especial a aquelas que sofren algun tipo de discriminación, violencia ou as que están a vivir un proceso de cambio de nome e xénero.


As bibliotecas e os bibliotecarios, temos a labor social de ofrecer información e coñecemento libre de censuras e prexuízos, que sirva para construír sociedades máis abertas, tolerantes e diversas. Estes principios recoñecidos tanto a nivel internacional como nacional por asociacións profesionais como IFLA ou SEDIC fundamentan, tanto a inclusión de materiais nas coleccións xerais como a creación de coleccións ou servizos especiais para o colectivo LGTBIGQ+,  como por exemplo o fondo especial do Consello da Cultura Galega, as guías de bibliografía As bibliotecas entenden ou o clube de lectura QUEERUÑA, das Bibliotecas municipais da Coruña.


A Biblioteca da Universidade da Coruña conta tamén cun amplo fondo especializado para o colectivo LGTBIQ+ que cubre todas as áreas temáticas e en todo tipo de soportes, e elabora guías e seleccións de recursos sobre o tema. Por exemplo dende CRUNIA, a ferramenta de descubrimento que da acceso os recursos da biblioteca podes acceder a varias coleccións temáticas sobre o colectivo:

Aínda que en todas a bibliotecas contan con fondos sobre o tema, hai que facer unha mención especial á Biblioteca de Socioloxía e Ciencias da Educación, que ten varias guías en Pinterest de recursos sobre o tema. Son:
Tamén a editorial Sage ten unha colección en acceso aberto sobre temática LGTBIQ+
















viernes, 28 de mayo de 2021

Apoio a persoas con discapacidade na universidade

Esta semana Crue Universidades Españolas presentaba a “Guía de buenas prácticas para la transición, el acceso y la acogida del alumnado con necesidad específica de apoyo educativo en los estudios universitarios”, que ten como obxectivo facilitar o acceso á universidade a estudantado con discapacidade e con necesidade específica de apoio que provén da Educación Secundaria Postobligatoria.

Con motivo desta presentación, imos repasar nesta publicación os servizos e programas que se ofrecen dende a Universidade da Coruña para atender os membros da comunidade universitaria con discapacidade ou outras necesidades específicas.

O servizo encargado de facilitar a plena integración do alumnado, profesorado e PAS que, por razóns físicas, sensoriais, psíquicas ou socioculturais, experimentan dificultades ou barreiras externas a un acceso axeitado, igualitario e proveitoso á vida universitaria é a Unidade Universitaria de Atención á Diversidade (ADI). No caso do alumnado, entre os servizos de apoio que se ofrecen destacan:

- diversas bolsas e axudas económicas

- un titor/a de atención á diversidade

- préstamo de dispositivos adaptados e software accesible

- transporte adaptado, ofertado ao alumnado con dificultades para desprazarse

- intérprete de lingua de signos ao alumnado que o precise

O alumnado que desexe solicitar algunha destas adaptacións atopará máis información e como facelo nesta páxina.

Por outra banda, como proxecto pioneiro dentro do Sistema Universitario Galego, e dos primeiros a nivel nacional, salientamos o programa da Universidade da Coruña Espazo Compartido, programa de formación de dous anos de duración para mellorar as habilidades persoais, sociais e as competencias básicas de mozos/as con discapacidade e que ten como finalidade fomentar a súa empregabilidade e inclusión no mercado laboral. Os principais requisitos para cursar os estudos son ter entre 18 e 30 anos e estar en posesión dun certificado de discapacidade cognitiva. Cada ano o alumnado realiza diversas prácticas: o primeiro realízanse en servizos da  universidade, como conserxería, decanato, administración ou o noso servizo, as bibliotecas; o segundo xa se fan en empresas.

Así, neste programa colaboran varias bibliotecas da nosa universidade para axudalos na medida do posible no desenvolvemento da súa autonomía. Os participantes colaboran en tarefas bibliotecarias básicas e dispares tales como a colocación do material bibliotecario, a montaxe de exposicións, actualización da prensa, etc.  

Para concluír, pódese dicir que aínda que nas últimas décadas avanzouse moito en normas e políticas públicas de inclusión, hai que seguir facendo fincapé en visibilizar e sensibilizar tanto á comunidade universitaria como á poboación en xeral sobre a importancia da inclusión. Neste sentido, a ADI organiza dende hai cinco anos as Xornadas sobre diversidade na universidade, que nas últimas edicións estiveron dedicadas ós espazos inclusivos, á diversidade funcional cognitiva ou ás enfermidades raras.

Como non podía ser doutro xeito, a discapacidade tamén está presente na Axenda 2030 para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Cinco dos dezasete obxectivos mencionan directamente ás persoas con discapacidade, aínda que tamén se fai referencia ás mesmas en numerosas ocasións a través de expresións como “para todos”, “persoas en situación de vulnerabilidade” ou “acceso universal”, sumado a que a Axenda 2030 ten como principios fundamentais “non deixar a ninguén atrás e garantir os dereitos humanos para todos”.