Mostrando entradas con la etiqueta Educación aberta. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Educación aberta. Mostrar todas las entradas

viernes, 11 de septiembre de 2020

Recursos educativos abertos


Os recursos educativos abertos (REA), tamén coñecidos en inglés como Open Educational Resources (OER), son materiais de ensinanza, aprendizaxe e investigación que se atopan en dominio público ou que foron publicados cunha licenza aberta que permite a súa utilización, adaptación e distribución gratuítas (UNESCO, 2012).
Por mor da epidemia da COVID-19 potenciáronse máis este tipo de recursos, apareceron novas plataformas e moitos estudantes e profesores interesáronse por este tipo de ferramentas de aprendizaxe e produtos educativos que se ofrecen libre e abertamente. O concepto de REA inclué unha ampla variedade de material educativo, dende libros de texto ata cursos completos, pasando por imaxes, infografías, vídeos, etc.

Entre os repositorios máis coñecidos de REA destacan OERCommons (que é un dos máis antigos), MERLOT (comprende material en diferentes formatos, dende cursos online ou libros de texto ata vídeos), OpenStax (con libros de texto sobre diversas materias) ou Procomún (iniciativa do Ministerio de Educación y Formación Profesional con material das diferentes etapas educativas). Ademais destes repositorios educativos, tamén existen outros de carácter xeral: por exemplo, Pixabay ou Flickr para buscar imaxes, Vimeo para vídeos ou Jamendo para música. Outros repositorios de gran utilidade para buscar REA son Wikimedia Commons (repositorio de arquivos multimedia con millóns de obxectos dixitais), Europeana (biblioteca dixital europea de acceso libre que reúne obras de arte, obxectos, libros, vídeos e sons de toda Europa) ou CC Search (metabuscador de imaxes e outros arquivos multimedia con licenza Creative Commons).

No ámbito da educación universitaria, salientamos a creación en marzo (motivada pola situación de confinamento) polo Ministerio de Universidades e a CRUE do portal Conectad@s: la universidad en casa, no que se ofrece ao estudantado e ao persoal investigador e docente un amplo repertorio de materiais dixitais e contidos en aberto de distintas áreas de coñecemento.
Outra das principais propostas de promoción dos REA son os sitios OpenCourseWare (OCW), que adoitan incluír elementos como apuntamentos de clase, materiais de estudo ou probas da avaliación, entre outros. En España, a Universidad de Cantabria ou a Universidad Carlos III de Madrid contan con este tipo de plataformas.

Se falamos de recursos educativos abertos na Biblioteca da Universidade da Coruña, destacamos que o RUC, repositorio da UDC, dentro do seu extenso contido, conta cunha comunidade relacionada cos REA: Docencia, onde os profesores e investigadores da nosa universidade poden subir os seus materiais e obxectos de aprendizaxe creados no seu labor docente: apuntamentos, exercicios, etc. Para recibir a autorización para autoarquivar, o autor débese poñer en contacto cos administradores do RUC.
Tamén a nosa universidade aposta pola educación en aberto con varios cursos MOOC, cursos online masivos en aberto. Ata agora, realizáronse tres a través da plataforma MiríadaX: Música para el S.XXI: aportaciones del sotfware libre a la educación musical; Tecnologías para la participación activa en diversidad funcional; Sostenibilidad en la era del big data.

Rematamos este post citando unha das principais ferramentas para a creación e desenvolvemento de recursos educativos abertos, eXelearning, programa libre e aberto para crear contidos educativos dunha maneira sinxela e que admite a incorporación de gran variedade de contidos (textos, imaxes, vídeos, obxectos dixitais…).

viernes, 6 de marzo de 2020

Semana da Educación Aberta 2020


Esta semana celebrouse en todo o mundo a Semana da Educación Aberta, que se realiza anualmente dende 2013. O seu obxectivo é crear conciencia e mostrar o impacto da educación aberta no ensino e a aprendizaxe en todo o mundo, ademais de resaltar os beneficios que ten tanto para docentes como para estudantes compartir de forma aberta e libre. Durante estes días as institucións participantes organizaron diversas actividades: conferencias, seminarios, vídeos, etc. Na web da Open Education Week pódense consultar os eventos, proxectos e recursos resultantes de tódolos anos, así como filtralos por idioma.
En España, REBIUN uniuse a esta conmemoración difundindo este apartado web onde se recollen varios recursos e iniciativas especializadas en recursos educativos abertos (REA) e educación aberta. 

O concepto de REA inclué calquera material educativo que estea dispoñible de forma gratuíta para ser empregado pola comunidade educativa, dende libros de texto ata cursos completos, pasando por imaxes, infografías, vídeos, etc. Entre os repositorios máis coñecidos de REA destacan OERCommons (un dos máis antigos), MERLOT ou OpenStax CNX. Ademais destes repositorios educativos, tamén existen outros repositorios de carácter xeral que poden ser utilizados para buscar recursos educativos abertos. Por exemplo, pódense buscar imaxes en Pixabay ou Flickr, vídeos en Vimeo ou música en Jamendo. Outros repositorios de gran utilidade para buscar REA son Wikimedia Commons (repositorio de arquivos multimedia con millóns de obxectos dixitais), Europeana (biblioteca dixital europea, de acceso libre, que reúne obras de arte, obxectos, libros, vídeos e sons de toda Europa) ou CC Search (metabuscador de imaxes e outros arquivos multimedia con licenza Creative Commons).

Outras iniciativas interesantes dentro do movemento da educación aberta son os cursos en aberto (OCW, OpenCourseWare) e os cursos online masivos en aberto (MOOC, Massive Open Educational Courses), que teñen gran repercusión no ámbito universitario. Os sitios OCW poñen un conxunto de recursos educativos abertos a disposición de calquera usuario, organizados a modo de cursos completos para facilitar a autoaprendizaxe. A diferenza dos MOOC, o usuario non necesita rexistrarse e tampouco se facilita a interacción co profesor. Como exemplos, destacamos os portais OpenCourseWare da Universidad Carlos III de Madrid ou da Universidad de Cantabria, onde podedes atopar moito material de apoio para as materias de clase.
Dende hai dous anos a Universidade da Coruña aposta pola educación en aberto con varios cursos MOOC na plataforma MiríadaX. Ata agora, realizáronse tres: 


Xa para rematar, indicámosvos que na web da biblioteca atoparedes este apartado dedicado á Educación Aberta, onde se recollen plataformas de materiais docentes de nivel universitario e plataformas e buscadores de cursos MOOC.