Mostrando entradas con la etiqueta Cultura. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Cultura. Mostrar todas las entradas

viernes, 17 de junio de 2022

Propostas de ocio e cultura de cara ao verán

Xa queda pouco para o comezo das vacacións de verán e desde o Servizo de Biblioteca achegámosvos nesta publicación varias propostas para o voso tempo de lecer, tanto do noso catálogo como doutras fontes.

Ao planear vacacións é común pensar en viaxar. Se necesitades ideas para decidirvos a onde ir este verán, na Biblioteca de Filoloxía prepararon na entrada unha selección de guías turísticas de países dos cinco continentes que tamén podedes visualizar no seu Pinterest. Ademais, tamén podedes consultar as guías de lectura “Guías de viaxe” e “Viajes con historia” da Biblioteca de Arquitectura Técnica, ou revistas especializadas nesta temática como Viajar, Viajes National Geographic ou ¡Hola! Viajes que podedes atopar no portal de novas PressReader subscrito pola biblioteca.

Outro clásico destas datas son as Feiras do Libro de Galicia, que se celebran en diversas vilas e cidades galegas, cunha programación na que se combinan actividades lúdicas coas presentacións e firmas de libros habituais nestas citas. Na Coruña celebrarase do 1 ao 10 de agosto.

Dos libros pasamos aos contos: aos narradores, contacontos ou contadores de historias, xa que este ano o Festival Atlántica celebra a súa décima edición consolidándose como un referente dos encontros de narración oral. Do 30 de xuño ao 9 de xullo están previstas case cen funcións con 42 narradores de todo o mundo en lugares de interese patrimonial de 24 localidades de Galicia. Toda a programación pode consultarse na páxina web do festival.

Para os que esteades máis interesados na divulgación científica, desde esta semana e ata o 13 de xullo pode visitarse en Santiago de Compostela a exposición itinerante "La ciencia según Forges", que consta de 66 viñetas sobre I+D+i publicadas polo humorista gráfico no xornal El País. Entre os contidos das viñetas atópase o cambio climático, a perda da biodiversidade ou a reivindicación de máis atención e recursos para as institucións científicas.

Outra exposición de interese que xa está activa ata o 25 de xullo é a dedicada a actriz coruñesa María Casares, da que este ano celébrase o centenario do seu nacemento. O Kiosco Alfonso acolle a mostra "María Casares, actriz océano. Itinerario vital dunha exiliada", que achega materiais de arquivos institucionais e persoais ata agora nunca expostos en Galicia.

E se falamos de cine non podemos esquecer a ampla colección de películas que ten a Biblioteca de Socioloxía e CC. da Comunicación. No seu Pinterest convídannos a explorar a súa colección audiovisual, a máis extensa da UDC.

Estas son só algunhas propostas destacadas, pero seguro que atopades moitas outras inicitivas para gozar do verán, que segue sendo unha época onde se mantén viva a cultura e as actividades lúdicas.

viernes, 27 de mayo de 2022

Actividades de extensión universitaria na UDC

A extensión universitaria, xunto co estudo, a docencia e a investigación, constitúe unha actividade básica da universidade. Nesta publicación difundimos algunhas das actividades culturais, deportivas ou lúdicas ás que teñen acceso tanto as persoas que pertencen á comunidade universitaria como as de fóra dela. Estas actividades, que comprenden exposicións, obradoiros, rutas, campamentos, deportes, etc., están orientadas a complementar a formación curricular e difundir os coñecementos culturais ou artísticos a toda a poboación.

Comezando pola Área de Cultura, ofrece unha oferta cultural que comprende diversas actividades, entre elas:

- Exposicións, en moitos casos realizadas en NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC.

- Proxeccións audiovisuais e coloquios con cineastas

- Actividades musicais, incluíndo concertos e outros recitais. Cabe salientar que a UDC pon a disposición do seu alumnado entradas de balde para concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia.

- Roteiros

- Obradoiros culturais, que inclúen actividades como danza, fotografía, interpretación, etc. Nestes obradoiros o alumnado da UDC ten dereito ao recoñecemento de créditos.

Por outra banda, a Área de Deportes oferta numerosas actividades para fomentar a actividade física e o deporte, e consecuentemente, mellorar a saúde e a condición física. Entre elas están: adestramento persoal, baloncesto, Dance Fitness, fútbol, ioga, pilates, xadrez… e moitas máis que se poden consultar nesta ligazón. Tamén ofrece pequenas rutas a pé de dificultade baixa ou moderada polos diferentes concellos das nosas comarcas. Para poder inscribirse en calquera das actividades é necesario ter o Abono Deporte / Abono Matrícula.

Ademais de todas estas actividades para adultos, tamén queremos difundir os campamentos de verán que ofrece a UDC para nenos e nenas, tanto na Área de Cultura como na Área de Deportes. A primeira oferta actividades lúdicas en inglés e a segunda actividades multideportivas de recreación, tempo libre, ocio e lecer (xogos tradicionais galegos, xincanas, excursións, etc.).

En definitiva, todos os anteriores son exemplos de como a comunidade universitaria ou a poboación en xeral pode gozar destas actividades non académicas dunha forma entretida e enriquecedora. As sinaladas aquí son soamente unha mostra, pero animámosvos a consultar a páxina Sección de Extensión Universitaria para descubrir outras actividades coas que vos poden sorprender.