Mostrando entradas con la etiqueta Google Scholar. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Google Scholar. Mostrar todas las entradas

viernes, 10 de junio de 2022

Ranking de investigadoras españolas e estranxeiras que traballan en España segundo Google Scholar

A semana pasada publicamos este post no que reflexionamos sobre a desigualdade de xénero na ciencia e curiosamente esta semana chéganos unha nova iniciativa a favor da visibilización das investigadoras que traballan en España: o Laboratorio de Cibermetría do CSIC vén de publicar por primeira vez o Ranking de investigadoras españolas e estranxeiras que traballan en España segundo Google Scholar.

Esta edición consta de 5000 investigadoras ordenadas segundo maior índice h e  secundariamente por número de citas. Segundo datos do CSIC, éste é o organismo máis representado con 633 perfís, seguido pola Universidad Complutense de Madrid, a Universitat de Barcelona, a Universidad de Granada e a Universitat de Valencia. Do total de investigadoras, dúas delas teñen índice h maior de 200 e dezasete teñen índice h maior que 100. O ranking está encabezado por Judita Mamuzic, do Instituto de Física Corpuscular (UV-CSIC; CERN).

No que respecta á Universidade da Coruña, 46 investigadoras da nosa universidade atópanse neste ranking. A primeira en aparecer é Soledad Muniategui Lorenzo, especialista en química, que ocupa a posición 284 de España, cun índice h 52 e 10513 citas. Séguenlle as investigadoras Purificación López Mahía na posición 346 e María Carmen Veiga na posición 422, ambas tamén do departamento de química.

Os responsables do ranking animan ás investigadoras a crear o seu perfil en Google Scholar, incluír os identificadores ORCID e ROR e manter actualizada a súa lista de publicacións. Para calquera dúbida, poñen a disposición o correo electrónico do editor, isidro.aguillo@csic.es

Tamén insisten en que hai moitos perfís (homes e mulleres) só coas iniciais do nome, polo que recomendan utilizar o nome completo para poder coñecer o xénero do persoal investigador.

Para finalizar lembramos que dende o Servizo de Biblioteca recomendamos non descoidar a identidade académica dixital pola súa importancia para a visibilidade e avaliación científica. Na infoguía A identificación de autoría na UDC podedes atopar instrucións para crear ou actualizar un perfil en Google Scholar Citations, entre outros identificadores.