Mostrando entradas con la etiqueta Rebiun. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rebiun. Mostrar todas las entradas

martes, 28 de enero de 2020

Materiais de formación para estudantes de grao sobre competencias dixitais


REBIUN (Red de Bibliotecas Universitarias Españolas) vén de crear este portal formativo, dirixido a estudantes de grao, que capacita en competencias dixitais. Antes de presentarvos os contidos incluídos no portal e a estrutura do mesmo, consideramos necesario definir o concepto de competencia dixital: “A Competencia Dixital implica o uso crítico e seguro das Tecnoloxías da Sociedade da Información para o traballo, o tempo libre e a comunicación. Apóiase nas habilidades do uso de ordenadores para recuperar, avaliar, almacenar, producir, presentar e intercambiar información, e para comunicar e participar en redes de colaboración a través de Internet” (European Parliament and the Council, 2006). Como podemos ver, trátase dunha competencia clave que resulta cada vez máis necesaria para poder participar de forma significativa na nova  sociedade e economía do coñecemento deste século  XXI.

Centrándonos no material incluído no portal, estrutúrase segundo o Marco de competencia digital para estudiantes de grado: adaptación de DIGCOMP, que consta de 5 áreas, con 21 competencias en total. Para cada competencia, inclúense vídeos, presentacións e cuestionarios. A continuación, resumiremos brevemente os temas a tratar en cada unha das competencias:

Competencia 1: Información e tratamento de datos: proporciónase información sobre como empezar a elaborar un traballo académico (contextualizando o tema, realizando buscas…), identificar as principais fontes de información (o catálogo da biblioteca, bases de datos) e avaliar e seleccionar a gran cantidade de información atopada. Tamén se dan directrices de como gardar e organizar a información na contorna dixital, ademais de coñecer os sistemas de citas e referencias e a utilidade dos xestores bibliográficos para os traballos académicos.
Competencia 2: Comunicación e colaboración: proporciónanse recomendacións para comunicarse correctamente na contorna dixital, ademais de dar a coñecer ferramentas como RSS para manterse ao día ou os servizos de participación a través de redes sociais que están á vosa disposición para o desenvolvemento académico e profesional. Tamén se tratan as posibilidades que ofrece a nube para o traballo colaborativo en liña a través de ferramentas como Dropbox ou Google Drive. Por último, abórdase o tema da identidade dixital e como xestionala de forma eficaz.
Competencia 3: Creación de contido dixital: facilítanse aplicacións de edición de vídeo, texto e audio que tedes ao voso alcance para facer presentacións para expoñer na clase, realizar infografías, diagramas, etc. Tamén se realiza unha introdución á normativa sobre os dereitos de autor, sinalando cales son os principais tipos de plaxio e as estratexias para evitalo, así como a utilidade das licenzas Creative Commons.
Competencia 4: Seguridade: proporciónanse recomendacións para protexerse dos riscos e ameazas asociados ao mundo dixital (utilización de antivirus, evitar redes WIFI públicas, actualizar o software, crear contrasinais seguros, etc.), protexer os datos persoais e a privacidade en Internet, comprar de forma segura ou reducir a publicidade non desexada, entre outros.
Competencia 5: Resolución de problemas: preténdese aprender como identificar problemas técnicos e resolvelos no que respecta ao uso de dispositivos dixitais, así como coñecer ferramentas e tecnoloxías que sirvan de apoio para resolver problemas de forma creativa. Ademais proporciónase información sobre as plataformas de aprendizaxe e outros espazos creativos.

martes, 29 de noviembre de 2016

O catálogo da Biblioteca Universitaria

O catálogo da Biblioteca da Universidade da Coruña contén os datos bibliográficos e a localización de todos os documentos que se atopan nas nosas bibliotecas.
Experimentou numerosos cambios dende o seu comezo  en 1995 co sistema de xestión bibliotecaria Sabini ata o día de hoxe, con Millennium.
Actualmente a súa colección alberga 875.000 libros, 29.000 ebooks  e  48.000 documentos noutros formatos, como mapas, DVD, etc. Conta tamén con 9.300 revistas en papel e 24.000 en formato dixital, ademáis de dar acceso a 48 bases de datos de diferentes disciplinas científicas.
O catálogo ofrece diversas funcionalidades, entre as que destacan:
  • Novidades no catálogo: fondos incorporados ao catálogo durante o último mes e clasificados por biblioteca.
  • Bibliografía recomendada: coa opción de facer as búsquedas tanto por materia de clase como por profesor.
  • O meu rexistro: queremos salientar especialmente esta opción, moi interesante para os nosos usuarios, xa que permite consultar qué documentos se teñen en préstamo, renovalos, reservar documentos que estean prestados nese momento, consultar o historial de préstamos, crear alertas de buscas, etc.

En canto as opcións de busca, podemos distinguir catro tipos:
  • Busca simple: permite atopar calquera obra a través dos distintos índices (autor, título, materia…), así como poder limitala por ubicación, ben realizando a busca no catálogo completo ou en bibliotecas concretas.
  • Busca avanzada: é un tipo de busca máis personalizada ca anterior, podendo establecer filtros polo tipo de material, o idioma, o ano, etc.
  • Busca guiada por: moi similar á busca simple, coa particularidade de que se mostran indicacións e exemplos de cómo encher os campos.
  • Busca de: nesta opción pódese limitar a busca dende o comezo por teses, traballos  de fin de carreira/grao, recursos en liña, etc.
Para finalizar, queremos citar un catálogo imprescindible no ámbito das bibliotecas universitarias e do que forma parte a UDC dende o ano 2000, o de REBIUN (Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas), que actualmente agrupa os catálogos de 95 bibliotecas (76 bibliotecas universitarias, o CSIC e unha vintena máis de bibliotecas de institucións asociadas) e constitúe unha ferramenta fundamental para realizar búsquedas bibliográficas a escala nacional.

viernes, 27 de septiembre de 2013

Semana do acceso aberto 2013


Do 21 ao 27 de outubro de 2013, terá lugar en todo o mundo a Open Access Week, un evento anual que promociona as iniciativas que se están a desenvolver para poñer a disposición, libre e gratuíta, contidos científicos, académicos, patrimoniais ou informativos. Nesta semana, diferentes institucións organizan diversas actividades para dar a coñecer a importancia do acceso aberto e para impulsar que a produción científica das entidades públicas sexa ofrecida públicamente

Un exemplo das actividades que se realizarán é a mesa redonda “Acceso abierto en España: servicios, proyectos, resultados”, que organiza a Biblioteca Nacional de España en colaboración coa CRUE. Desde REBIUN e FECYT tamén están a organizar actos e a preparar recursos: a páxina que mantén o Grupo de traballo de repositorios REBIUN recolle actividades nacionais convocadas nas diferentes universidades e organismos de investigación. Pódense consultar máis eventos na Agenda de la Semana del Acceso Abierto 2013 en España e aquí: http://www.openaccessweek.org/events

Recordámosvos que na UDC contamos co repositorio institucional RUC, o repositorio de acceso aberto creado para difundir e preservar a documentación dixital derivada da actividade investigadora, docente e institucional dos nosos membros. E na páxina da Biblioteca temos tamén información sobre o acceso aberto e diversos recursos como listaxes de repositorios de documentos en acceso aberto, open data e materiais docentes.

miércoles, 7 de julio de 2010

Alfabetización informacional na Universidade


Ata hai moi pouco a concepción que se tiña da formación de usuarios nunha biblioteca universitaria, como en calquer outro tipo de biblioteca, non ía máis alá da mera instrucción nas ferramientas e os servizos ofertados destinados á busca e acceso á información. Os bibliotecarios fomos adoitando o termo de Alfabetización Informacional, ALFIN , traducción do vocablo inglés Information Literacy, para designar unha serie de actuacións pedagóxicas que van máis alá dos objectivos tradicionais da formación de usuarios e que profundizan en cuestións como a selección, a exame crítica, a elaboración e a comunicación de información, así como o uso ético da mesma. O rápido avance das tecnoloxías aplicadas ó uso, o crecemento exponencial da información así como o cambio de paradigma da ensinanza hacia un modelo que enfatiza a autonomía na aprendizaxe non só no eido da ensinanza, senón ó longo da vida profesional e persoal, impulsa ás bibliotecas universitarias a tomar parte dun xeito máis activo, colaborando coas demáis instancias da súa comunidade e fora dela, para que a alfabetización informacional sexa unha competencia transversal nos plans de estudio adaptados ó Espacio Europeo da Ensinanza Superior.

O pasado 17 de xuño celebrabase en Granada a II Xornada de Traballo de Responsables de Alfabetización Informacional nas Bibliotecas Universitarias Españolas. Este evento ven formando parte das actuacións dirixidas a desenrolar a primeira liña do II Plan Estratéxico 2007-2010 da Rede de Bibliotecas Universitarias adicada ó ámbito da aprendizaxe. No seguinte enlace detallase un resumo dos principais obxectivos que REBIUN considera, como instancia coordinadora, en torno ALFIN nas bibliotecas universitarias. Destacamos o documento marco redactado en 2007 por Manuel Moreira e dirixido á Conferencia de Rectores CRUE expoñendo os conceptos xerais sobre ALFIN na ensinanza superior, a "Guía de Boas prácticas para o desenrolo das competencias informacionais nas bibliotecas universitarias" realizada no 2008 polo Grupo de Traballo ALFIN e o resumo da "I Xornada de Traballo de Responsables de ALFIN" do ano 2009.

Igoalmente convén botar un ollo á páxina web de ALFARED, anteriormente chamada ALFINRED, do Ministerio de Cultura, que contén unha abundante documentación sobre normas, directrices e modelos, programas e proxectos nacionais e extranxeiros, materiais didácticos, axuda á formación de formadores, bibliografía, etc...

Fonte il.: admin_alfinred



jueves, 8 de mayo de 2008

OBSERVATORIO TIC DE REBIUN

Este e-observatorio Tic ofrece aos profesionais das bibliotecas de Rebiun as últimas tendencias e propostas relacionadas coa implentación das novas tecnoloxías nas bibliotecas universitarias. Este directorio permite o acceso a documentos sobre acceso, seguridade, control e autentificación, dereitos de autor, biblioteca dixital, repositorios institucionais, accesibilidade e usabilidade e proxectos dixitais.
Ademáis permite participar no mesmo enviando aqueles proxectos que se consideren de interese para os profesionais de Rebiun.