A mediados de novembro de 2023 Clarivate fixo pública a súa listaxe
de Highly Cited Researchers 2023, que inclúe os investigadores máis influíntes na última década nos seus
respectivos campos, para o cal toma en consideración os artigos
incluídos na Core Collection de Web of Science situados no 1% dos
máis citados no seu eido entre os anos 2012 e 2022.
Un dos aspectos máis
destacables desta edición é a aplicación duns criterios e
estándares de avaliación e selección dos candidatos máis
rigorosos que en edicións previas, co obxectivo de ser máis
eficaces á hora de detectar posibles fraudes e malas praxes. O
proceso comezou coa elaborción dunha listaxe preliminar cos artigos
máis citados da última década. A continuación, aplicáronselle
unha serie de filtros e controis para identificar diferentes factores
(hiper-autorías, autocitacións excesivas, patróns inusuais de
citacións en grupos...) que implicasen a exclusión de
investigadores. Como resultado, e segundo Clarivate, máis de 1000 posibles candidatos foron excluídos da listaxe final, o dobre que en
2022.
Concédense nesta
última edición un total de 7.125 recoñecementos a 6.849
investigadores, máis do 80% dos cales levan a cabo a súa actividade
en institucións sitas nun reducido número de países (10). Estados
Unidos é o país que máis investigadores aporta, cun total de
2.669, o que representa un 37,4% do total; esta porcentaxe, no
entanto, diminuíu case 6 puntos nos últimos cinco anos. En segundo
lugar aparece China, con 1.275 investigadores, o 17,9% do total, unha
porcentaxe que aumentou un 10% no mesmo periodo, o que parece indicar
un certo reequilibrio de forzas no taboleiro científico e
investigador internacional, no que China gaña importancia e Estados
Unidos, aínda que mantén o seu liderado, a perde. O resto de países
do top 10 son: Reino Unido (574), Alemaña (336), Australia (321),
Canadá (218), Países Baixos (195), Francia (139), Hong Kong (120) e
Italia (115).
En canto ás
institucións máis representadas, a Chinese Academy of Sciences
lidera a listaxe con 270 mencións, seguida pola Universidade de
Harvard, que perde o primeiro posto, con 237, e a Universidade de
Stanford, con 126. A nivel europeo, destacan a Universidade de
Oxford, con 62, e a Max Planck Society, con 59, que ocupan,
respectivamente, a novena e décima posición.
Polo que respecta a
España, nesta edición figuran 104 investigadores que teñen a súa
filiación principal en institucións españolas, o que sitúa ao
país no posto 12 do ránking, o mesmo que ocupaba en 2022. O
Consejo Superior de Investigaciones Científicas, con 20, a
Universitat de Barcelona, con 9, e a Universidad de Granada, con 6,
son as institucións cun maior número de investigadores altamente
citados.
O Sistema
Universitario de Galicia, pola súa parte, está representado por un
investigador: Álvaro Goyanes, da Universidade de Santiago de
Compostela.