Mostrando entradas con la etiqueta Deporte. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Deporte. Mostrar todas las entradas

viernes, 27 de mayo de 2022

Actividades de extensión universitaria na UDC

A extensión universitaria, xunto co estudo, a docencia e a investigación, constitúe unha actividade básica da universidade. Nesta publicación difundimos algunhas das actividades culturais, deportivas ou lúdicas ás que teñen acceso tanto as persoas que pertencen á comunidade universitaria como as de fóra dela. Estas actividades, que comprenden exposicións, obradoiros, rutas, campamentos, deportes, etc., están orientadas a complementar a formación curricular e difundir os coñecementos culturais ou artísticos a toda a poboación.

Comezando pola Área de Cultura, ofrece unha oferta cultural que comprende diversas actividades, entre elas:

- Exposicións, en moitos casos realizadas en NORMAL, o espazo de intervención cultural da UDC.

- Proxeccións audiovisuais e coloquios con cineastas

- Actividades musicais, incluíndo concertos e outros recitais. Cabe salientar que a UDC pon a disposición do seu alumnado entradas de balde para concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia.

- Roteiros

- Obradoiros culturais, que inclúen actividades como danza, fotografía, interpretación, etc. Nestes obradoiros o alumnado da UDC ten dereito ao recoñecemento de créditos.

Por outra banda, a Área de Deportes oferta numerosas actividades para fomentar a actividade física e o deporte, e consecuentemente, mellorar a saúde e a condición física. Entre elas están: adestramento persoal, baloncesto, Dance Fitness, fútbol, ioga, pilates, xadrez… e moitas máis que se poden consultar nesta ligazón. Tamén ofrece pequenas rutas a pé de dificultade baixa ou moderada polos diferentes concellos das nosas comarcas. Para poder inscribirse en calquera das actividades é necesario ter o Abono Deporte / Abono Matrícula.

Ademais de todas estas actividades para adultos, tamén queremos difundir os campamentos de verán que ofrece a UDC para nenos e nenas, tanto na Área de Cultura como na Área de Deportes. A primeira oferta actividades lúdicas en inglés e a segunda actividades multideportivas de recreación, tempo libre, ocio e lecer (xogos tradicionais galegos, xincanas, excursións, etc.).

En definitiva, todos os anteriores son exemplos de como a comunidade universitaria ou a poboación en xeral pode gozar destas actividades non académicas dunha forma entretida e enriquecedora. As sinaladas aquí son soamente unha mostra, pero animámosvos a consultar a páxina Sección de Extensión Universitaria para descubrir outras actividades coas que vos poden sorprender.