Mostrando entradas con la etiqueta Unión de Editoriales Universitarias Españolas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Unión de Editoriales Universitarias Españolas. Mostrar todas las entradas

viernes, 29 de noviembre de 2019

Os libros electrónicos das universidades españolas: convenio BNE-UNE





A semana pasada anunciouse un convenio entre a Biblioteca Nacional de España (BNE) e a Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE) para garantir o ingreso por depósito legal das publicacións electrónicas editadas polos membros asociados a UNE. Nesta publicación daremos conta desta nova e aproveitaremos para falarvos desta asociación que integra ás editoriais e servizos de publicacións das universidades españolas e centros de investigación, entre os que se atopa o Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña. 

Entre as principais actividades que realiza a UNE destaca a xestión da venda de publicacións a través de Unebook, que é o portal de venda online dos libros universitarios españois en calquera dos seus formatos (papel, dixital e impresión baixo demanda). A plataforma abrangue o conxunto de obras que publican as editoriais universitarias: libros científicos, de divulgación, traducións, edicións críticas, obras de referencia…, entre outros. Se queredes ampliar a información sobre este portal, a revista Unelibros dedica precisamente o seu último número a Unebook, no que se detalla que na actualidade comercializa 265.000 títulos en papel e 12.000 ebooks de universidades e centros de investigación españois, de universidades latinoamericanas e editoriais académicas privadas.
Ademais deste portal, tamén queremos salientar que a UNE convoca, xunto a ANECA e FECYT, o Sello de Calidad en Edición Académica (CEA-APQ), que ten como obxectivo identificar as mellores prácticas dentro da edición universitaria española e servir de recoñecemento para  aquelas edicións que reúnan os requisitos que se consideran garantía de calidade científica e editorial.

En relación ao convenio BNE-UNE, os 12.000 ebooks que citábamos pasarán nas vindeiras semanas a formar parte do repositorio institucional da BNE, creado para aloxar as publicacións ingresadas en virtude do depósito legal coa finalidade de asegurar a súa preservación a longo prazo. Este proceso realizarase a través do citado portal Unebook, que se encargará de facilitar dúas veces ao ano o catálogo dixital.
A UNE ten previsto ofrecer este servizo gratuíto a todos os editores académicos en español que desexen acollerse á iniciativa, nun esforzo por difundir, preservar e divulgar a edición  académica en español.