Mostrando entradas con la etiqueta Acceso aberto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Acceso aberto. Mostrar todas las entradas

viernes, 25 de octubre de 2024

A investigación da Universidade da Coruña en acceso aberto

Co gallo da semana do acceso aberto dende o servizo de Biblioteca queremos facer un pequeño resumo do traballo feito e coller pulos para seguir adiante, no camiño para acadar o obxetivo da Ciencia Aberta. Para isto imos a botar unha ollada ó portal de investigación da universidade da Coruña, que é a ferramenta que recolle e agrupa a producción científica da universidade. 


Segundo os datos que nel se recollen, o persoal investigador ten producidos uns 57.523 documentos, un 39% dos cales están dispoñibles en acesso aberto, uns 22.723 documentos.














Da producción científica da UDC difundida mediante acceso aberto un 21% son teses, o 59% son artigos e o 20% restante corresponde a outro tipo de publicacións.









Como era de esperar, os artigos de revista supoñen a maior parte da producción científica en acceso aberto, posto que é o formato por excelencia para difundir os avances científicos fronte a outros tipos de documentos.



En canto a distribución de publicacións en acceso aberto por anos, hai que dicir que aínda que Universidade da Coruña se adheriu a declaración de Berlin xa en Xaneiro de 2006, non se aprecia un cambio significativo a partir desa data. Senón que a adopción do acceso aberto foi mais ben un crecemento lento, como pode verse nas imaxes seguintes.




Distribucción de publicacións por ano.











Distribucción de publicacións en acceso aberto por ano.


Tamén se pode apreciar nas imaxes anteriores como foi o tránsito na UDC ó acceso aberto segundo as tipoloxías documentais, sendo os artigos e as achegas a congreso os que máis pronto se adaptaron o acceso aberto, mentres que os libros no se incorporaron prácticamente ate a década dos 20.



Teses


O portal do investigador organiza as teses de xeito independiente do resto de publicacións, e ademáis diferencia entre teses defendidas na UDC e teses dirixidas polo persoal investigador da universidade. Pero en moitos casos unha mesma tese aparece nos dous apartados: por ter sido dirixida por un profesor desta universidade e ser defendida na mesma institución.




   

No caso das teses arredor do 74% delas están publicadas en acceso aberto, as defendidas na UDC están publicadas no RUC e as dirixidas e defendidas noutras institucións no repositorio correspondente. 


Esta alta porcentaxe de teses en acceso aberto non sorprende demasiado se temos en conta que a partir de 2011, coa aprobación do RD 99/2011 que regula os estudos de doutoramento o depósito das teses de doutoramento é obrigatorio, salvo en casos moi concretos. O mesmo tempo que pon de manifesto a importancia dos mandatos e as políticas en favor do acceso aberto para conseguir a súa implantación. 







Máis información:







viernes, 20 de mayo de 2022

Acceso aberto: un repaso polo movemento e principais novidades

Nesta publicación facemos un pequeno repaso sobre o acceso aberto, difundindo os principais proxectos europeos e nacionais que apoian e promoven este movemento, así como os recursos en aberto aos que podedes acceder desde a páxina web do Servizo de Biblioteca.

O acceso aberto ou Open Access é un movemento que implica a dispoñibilidade libre e gratuíta dos contidos científicos e académicos en Internet, de forma que os/as usuarios/as poden consultalos gratis, descargalos, imprimilos ou distribuílos. Aínda que se adoita relacionar coa produción de artigos de revistas, tamén fai referencia a outro tipo de documentos como imaxes, documentos audiovisuais, materiais de aprendizaxe, etc.

O acceso aberto forma parte dun concepto máis amplo que é a Ciencia Aberta, dentro da cal caben unha ampla variedade de conceptos, como educación aberta, ciencia cidadá, revisión por pares aberta, etc. Nesta páxina da web do Servizo de Biblioteca pódense consultar os diferentes elementos que forman parte da Ciencia Aberta, así como unha taxonomía que relaciona e agrupa as diferentes praxis da mesma.

Na mesma páxina ofrécese un apartado dedicado ao movemento de acceso aberto, cunha infoguía que recolle moita información sobre este movemento (vantaxes, recomendacións, etc.) e cunha selección de recursos en aberto que abranguen portais de revistas, libros académicos, repositorios, así como extensións do navegador para acceder a documentos en Open Access.

Na actualidade, a importancia do acceso aberto é tal que moitos recursos de información contemplan a posibilidade de filtrar o contido atendendo a este criterio. É o caso de bases de datos tan importantes a nivel mundial como Web of  Science ou Scopus, por exemplo.

A nivel europeo, a Comisión Europea leva impulsando políticas e medidas relacionadas co acceso aberto desde 2006. Actualmente está vixente o programa Horizonte Europa (2021-2027), que mantén e reforza o apoio á ciencia aberta que se promoveu no programa anterior.

En España, a Ley 14/2011 de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación (art. 37), obriga a poñer en aberto os resultados da investigación financiada con fondos dos orzamentos xerais do Estado. Por outra banda, as universidades tamén mostraron o seu apoio a este novo modelo de investigación: a CRUE aprobou o documento Compromisos de las universidades ante la Open  Science, que contén dez accións concretas para impulsar a Ciencia Aberta.

Unha das novidades máis recentes en torno a este movemento é o novo borrador do Anteproyecto de Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) que se presentou a pasada semana. Nel dedícase un artigo á ciencia aberta e a ciencia cidadá (art. 63), considerando que o coñecemento científico é un ben común e que, polo tanto, débese compartir, non só a través das publicacións, senón tamén facilitando ao interesado os datos, códigos e metodoloxías.

O ministerio tamén pretende que haxa máis transparencia nas negociacións das universidades cos grandes grupos editoriais científicos para facilitar o proceso de apertura da ciencia. En relación ás axencias de calidade, afirma que deberán esixir a accesibilidade en aberto e utilizarán os repositorios institucionais como forma de acceso á documentación.

Outra das novidades contempla o impulso da ciencia cidadá para que a poboación poida participar en actividades de investigación científica mediante a colaboración de consorcios, comunidades autónomas, etc.

Outras ligazóns de interese:

- FAQs sobre acceso aberto: preguntas frecuentes sobre acceso aberto na páxina do proxecto Recolecta.

- Recomendación de la UNESCO sobre la Ciencia Abierta

jueves, 28 de octubre de 2021

Semana Internacional do Acceso Aberto 2021

Esta semana celébrase a Semana Internacional do Acceso Aberto 2021, co lema "Importa como abrimos o coñecemento: construíndo a equidade estrutural". Neste ano, e seguindo a recomendación da UNESCO sobre ciencia aberta, destácase a importancia da equidade no acceso ao coñecemento por parte tanto dos produtores como dos consumidores do mesmo, buscando acadar un futuro no que este coñecemento estea aberto por defecto.

A Red de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN), que cada ano promove a Semana Internacional de Acceso Abierto en España a través do seu Grupo de Traballo de Repositorios, difunde desde este portal as accións que se levan a cabo nas diferentes universidades e o CSIC: accións formativas, mesas redondas, difusión en redes sociais, etc. O acto central terá lugar o venres 29 de outubro ás 10 h., coa conferencia en liña “Hacia una nueva generación de repositorios” a cargo de Tránsito Ferreras, directora do Servicio de Bibliotecas de la Universidad de Salamanca.

Ademais, neste portal destácase a publicación do informe “Medición del Acceso Abierto en las universidades españolas y el CSIC (2016-2020)”, onde se amosa que en catro anos o conxunto de documentos científicos españois publicados en aberto superan aos que non o están. Outro feito que se salienta é o recente galardón de REBIUN co “Open Educational Award for Excellence” pola adaptación do Kit REA (Recursos Educativos en Aberto), que realizou a partir do modelo existente en Canadá.

As editoriais académicas tamén se suman á celebración desta semana a través da campaña  Abre tu libro al mundo”, divulgando unha selección de títulos de editoriais da Unión de Editoriales Universitarias Españolas publicados en aberto ao longo de 2021.

No que respecta ao Servizo de Biblioteca da UDC, participamos nesta semana cunha guía informativa que recolle os tres piares fundamentais do noso compromiso coa difusión do acceso aberto entre a comunidade universitaria: as infoguías Acceso aberto, Os acordos transformativos na UDC e O RUC, repositorio institucional da UDC.

Outros documentos de interese:

- Compromisos de las Universidades ante la Open Science, publicado pola CRUE en 2019.

viernes, 7 de mayo de 2021

Novos acordos transformativos na Universidade da Coruña: Wiley e Elsevier


Hai unhas semanas anunciabámosvos nesta publicación os primeiros acordos transformativos na Universidade da Coruña grazas á sinatura por parte do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG) dos acordos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford University Press. Esta semana outros dous editores súmanse a este impulso cara a ciencia aberta: Wiley e Elsevier.

Lembrámosvos que para o persoal investigador estes acordos supoñen a posibilidade de publicar sen custo en acceso aberto, estando exento do pago por procesamento do artigo (APC) nestas editoriais.

Ao igual que na anterior ocasión, resumimos na seguinte táboa as principais características dos contratos coas editoriais mencionadas:

 

Wiley

Elsevier

Cobertura do pago

100% das taxas de publicación (APC) nas revistas de acceso aberto híbridas

100% das taxas de publicación (APC) nas revistas híbridas da Freedom Collection; destas revistas están explicitamente excluídas os grupos de revistas de Lancet, Cell, Doyma e Clinics

Nº de APC aos que ten dereito á UDC

Dependerá do fondo establecido para este fin

Dependerá do fondo establecido para este fin. Tamén este fondo aplicará un desconto do 10% nos APC de revistas Gold OA.

Data de aceptación do artigo

Entre o 1/1/2021 e o 31/12/2021

Entre o 1/1/2021 e o 31/12/2021

Tipoloxía documental aceptada

Artigos de investigación primaria, artigos de revisión

Artigos de investigación, artigos de revisión

Revistas nas que se permite a publicación

Listaxe de revistas

Listaxe de revistas

Tipos de licenzas Creative Commons que se poden empregar

CC-BY (preferiblemente)

CC-BY-NC

CC-BY-NC-ND

Un pequeno número de revistas só aceptan as dúas últimas opcións. Por outra banda, algunhas revistas só ofrecen a opción CC-BY se os patrocinadores da investigación impoñen este tipo de licenza.

CC-BY

CC-BY-NC-ND


Ademais das guías de uso para os/as autores/as que proporcionan tanto Wiley como Elsevier, no Servizo de Biblioteca elaboramos a infoguía Os acordos transformativos da UDC, na que se poden consultar con máis detalle os requisitos e compromisos dos/as autores/as para solicitar o pago das APC así como o procedemento de solicitude en ambas editoriais.

Como material complementario, Wiley ofrece na páxina Servizos Wiley para autores recursos para cada unha das etapas do traballo dos/as autores/as, así como suxestións e ferramentas para que o persoal investigador poida promocionar os seus artigos.

Por último, lembrámosvos que ademais destes acordos transformativos, a UDC tamén ten acordos con algúns editores (MDPI, ACS, SCOAP3 e RSC) para obter descontos nas tarifas de publicación de artigos en aberto.

viernes, 9 de abril de 2021

Open Research Europe: a nova plataforma de ciencia aberta da Comisión Europea

Hai unhas semanas lanzouse oficialmente Open Research Europe, a plataforma de ciencia aberta da Comisión Europea xestionada por F1000 que presentará os resultados das investigacións financiadas por Horizonte Europa, o programa de investigación e innovación da Unión Europea para 2021-2027, e polo seu predecesor, Horizonte 2020.

A plataforma facilita aos beneficiarios destes programas o cumprimento dos termos de acceso aberto do seu financiamento e ofrece ao persoal investigador un lugar de publicación para compartir os seus resultados rapidamente e facilitar un debate de investigación aberto e construtivo.

Trátase dun servizo opcional para que poidan cumprir o requisito de ofrecer de forma inmediata un acceso aberto ás súas investigacións sen que lles supoña ningún custo. Na actualidade xa conta con 40 documentos científicos de diversos campos de investigación que se atopan a disposición da comunidade científica para a súa consulta e revisión.

Para explicar o proceso de publicación, é moi ilustrativa esta imaxe que ofreccen na propia plataforma e que esmiuzaremos a continuación:


  • Envío de artigos: realízase a través dun sistema de presentación dunha soa páxina. O equipo editorial interno leva a cabo unha serie de controis previos á publicación para garantir que se cumpran todas as políticas e pautas éticas.
  • Publicación e depósito de datos: unha vez que o artigo pasou as verificacións de prepublicación, a versión preprint publícase dentro dos 10 días seguintes, o que permite a súa visualización e citación inmediatas.
  • Revisión de artigos: os revisores expertos son seleccionados e invitados, e as súas revisións e nomes publícanse xunto co artigo, as respostas dos autores e os comentarios dos usuarios rexistrados, facilitando así o diálogo aberto.
  • Envío a indexadores e repositorios: os artigos que pasan a revisión por pares envíanse ás principais bases de datos e repositorios de indexación.

Tal e como pode observarse, algunhas das características destacadas de Open Research Europe son o acceso aberto inmediato, como así esixe Horizonte Europa, así como o envío automático a un repositorio de uso xeral (mentres que Horizonte 2020 permitía reter os documentos entre 6 e 12 meses). A plataforma tamén mostrará métricas a nivel de artigo para coñecer o impacto de cada traballo.

Ademais, Open Research Europe require o depósito dos datos de investigación asociados cos artigos en repositorios certificados, aliñados cos principios FAIR e preferiblemente baixo licenzas CC BY ou CC0. Nesta páxina pódense atopar as directrices sobre este tema.

En definitiva, con este novo portal a Comisión Europea apoia as prácticas relacionadas coa ciencia aberta e promove a transparencia no proceso de publicación.

Máis información:

viernes, 26 de marzo de 2021

Primeiros acordos transformativos na Universidade da Coruña

Esta semana veñen de anunciarse os primeiros acordos transformativos na Universidade da Coruña grazas á sinatura polo Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG) dos acordos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford University Press.

Os acordos transformativos forman parte dos cambios na Ciencia Aberta para desenvolver a investigación científica e supoñen "transformar" o modelo de pago de licenzas por "ler" ao pago por "ler e publicar en acceso aberto", de forma que se paga para que unha institución teña acceso ás revistas dunha editorial e que o custo de subscrición tamén cubra os gastos de procesamento dos artigos (APC) que os autores/as da institución pagarían por normalmente publicar o seu traballo en acceso aberto con esa editorial.

Con estes acordos, as institucións pretenden, ademais de contribuír á libre difusión do coñecemento, conter o gasto mediante o pago dun prezo equitativo que permita facer sostible o sistema de comunicación científica.

Para o persoal investigador estes acordos supoñen a posibilidade de publicar sen custo en acceso aberto, estando exento do pago por procesamento do artigo (APC) nestas editoriais. É importante sinalar que o/a autor/a conserva os dereitos sobre as obras e pode protexelas con licenzas Creative Commons.  

Na siguiente táboa recollemos as principais características dos contratos coas editoriais mencionadas:

 

Cambridge University Press

Oxford University Press

Nº de APC aos que ten dereito á UDC

ilimitado

7

Data de aceptación do artigo

Entre o 1/1/2021 e o 31/12/2021

Entre o 1/1/2021 e o 31/12/2021

Tipoloxía documental aceptada

Artigos de investigación, artigos de revisión, actas de congresos

Artigos de investigación, artigos de revisión, actas de congresos

Revistas nas que se permite a publicación

"Fully OA" e "Híbridas" (Listaxe de revistas)

"Fully OA" e "Híbridas" (Listaxe de revistas)

Tipos de licenzas Creative Commons que se poden empregar

CC-BY

CC-BY-NC-SA

CC-BY-NC-ND

CC-BY

CC-BY-NC

CC-BY-NC-ND


No Servizo de Biblioteca elaboramos a infoguía Os acordos transformativos da UDC, na que se poden consultar con máis detalle os requisitos e compromisos dos/as autores/as para solicitar o pago das APC así como o procedemento de solicitude en ambas editoriais.

Ademais destes acordos que afectan directamente á UDC, tamén queremos salientar que dende hai meses a CRUE está a levar a cabo negociacións a escala nacional coas editoriais Elsevier, Wiley, Springer e ACS para alcanzar acordos transformativos para todas as universidades españolas. Precisamente onte anunciouse que CRUE e o CSIC asinaron un acordo con Elsevier para publicar en acceso aberto artigos de investigadores das universidades españolas e do CSIC que fosen aceptados a partir do 1 de xaneiro de 2021.

Por último, lembrámosvos que ademais destes acordos transformativos, a UDC tamén ten acordos con algúns editores (MDPI, ACS, SCOAP3 e RSC) para obter descontos nas tarifas de publicación de artigos en aberto.

viernes, 23 de octubre de 2020

Semana Internacional do Acceso Aberto 2020


Esta semana estase a celebrar en todo o mundo a Semana Internacional do Acceso Aberto (Open Access Week), unha iniciativa anual para sensibilizar sobre os beneficios deste movemento. Grazas a el podemos atopar un gran volume de literatura científica dispoñible en liña para ler, descargar, copiar, utilizar…, sen restricións económicas, legais e técnicas. Este ano ten por lema Abrir con Propósito: Emprender acciones para construir equidad e inclusión estructurales, e por terceiro ano consecutivo está centrada no tema da equidade no coñecemento aberto, destacando a necesidade urxente de levar a cabo accións para alcanzar a equidade e inclusión global no acceso aos resultados de investigación.

Como en anteriores edicións, a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) difunde de maneira conxunta as actividades realizadas dende diferentes universidades españolas neste portal. Ademais, este ano mediante a iniciativa “Testimonios abiertos” ofrécense distintas experiencias levadas a cabo no ámbito da ciencia aberta durante a pandemia. Outro interesante proxecto que presenta é este kit de REA, unha guía sobre que son, como se crean e comparten os recursos educativos abertos (REA), materiais de aprendizaxe ou de ensino que se atopan en dominio público ou que se crearon baixo unha licenza aberta. Trátase dunha tradución e adaptación ao español do recurso orixinal OER Toolkit, e inclúense explicacións, exemplos prácticos, vídeos, infografías e outros recursos de interese.

Tamén destacamos o portal internacional Open Access Week, creado para o evento nos seus inicios hai trece anos e que co paso do tempo converteuse nunha plataforma de interacción e información a nivel global do movemento polo acceso aberto.

Dende o Servizo de Biblioteca da UDC ofrecemos algúns servizos de apoio á investigación para lograr o acceso aberto dos resultados. É o caso do repositorio institucional, o RUC, que ofrece acceso aberto ao texto completo de documentos creados polos membros da UDC no seu labor de investigación e docencia. Tamén establecéronse acordos con algúns editores grazas aos cales os autores da UDC que desexen publicar en acceso aberto benefícianse dalgún desconto.

Rematamos esta publicación indicando que na web da biblioteca ofrecemos a sección Movemento Acceso Aberto, que inclúe numerosos recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas e libros en acceso aberto, recursos educativos, etc.

viernes, 4 de septiembre de 2020

Custos de publicación en acceso aberto


Retomamos o noso blog neste mes de setembro e facémolo tratando un tema que nos últimos anos xerou certo debate no que respecta á publicación científica: os custos de publicación en acceso aberto.
A publicación en revistas de acceso aberto xeralmente ten custos de publicación APC (Article Processing Charge), cos que que se cobren os gastos asociados á publicación: avaliación por pares, edición dixital, etc. Estes custos son pagados polos propios autores, polas institucións ou as axencias financiadoras da investigación. Hai unha iniciativa de publicación científica de acceso aberto chamada Plan S, que nun dos seus principios afirma que estas taxas de publicación deben ser custeadas polos financiadores ou as universidades, non polos investigadores.

Como institución, cabe sinalar que a Biblioteca da UDC ten acordos con algúns editores para obter descontos nas tarifas de publicación de artigos en aberto, dos que se poderán beneficiar os autores da nosa universidade. Nesta guía podedes consultar os descontos e condicións de cada editor. No caso das axencias e programas de financiamento, algúns contemplan que este gasto poida ser incluído como parte do orzamento dos proxectos de investigación. É o caso de H2020.
Parécenos interesante sinalar que a través de DOAJ (Directory of Open Access Journals), que reúne actualmente máis de 15.000 revistas, pódese saber qué revistas publican en acceso aberto sen custo e cales teñen un custo asociado (APC).
Aínda que o acceso aberto dos artigos científicos está máis estendido, o das monografías tamén se contempla como un paso máis cara á ciencia aberta e xa se está a falar dos BPC (Book Processing Charges).

Como iniciativa de interese, queremos citar a OpenAPC, que na súa web recolle os pagos realizados polas distintas universidades e institucións relacionadas coa investigación en canto a publicacións en acceso aberto. No caso de España, soamente unha universidade contribuíu ao proxecto OpenAPC, a Universidad de Barcelona. Ademais de poder buscar por rexións, tamén figuran diversas coleccións como unha que agrupa todos os datos referentes a APC  institucionais (OpenAPC), outra que recolle os custos por publicar monografías de acceso aberto (BPC) ou outra con información sobre os artigos publicados baixo acordos transformativos (Transformative Agreements).
Respecto a estes últimos, os acordos transformativos, o CSIC os define como un dos medios que se están a utilizar recentemente nos que xa non se paga por ler artigos que se publican con restricións de acceso, senón que se paga aos editores un prezo xusto polos servizos que dedican a publicar eses artigos en acceso aberto.

Para concluir, podemos lembrar que o acceso aberto non implica menor calidade. De feito, xa son moitas as revistas que teñen factor de impacto en JCR e SJR. Así mesmo, cumpren estándares de calidade como as revistas tradicionais, xa que tamén deben superar un proceso de avaliación para ser publicadas ou se indexan en bases de datos especializadas.

viernes, 25 de octubre de 2019

Os datos de investigación en aberto


A OCDE define os datos de investigación como “todo aquel material que foi rexistrado durante a investigación, recoñecido pola comunidade científica e que serve para certificar os resultados da investigación”. Por exemplo, inclúense neste tipo de datos as estatísticas, cuestionarios, resultados de experimentos, cadernos de laboratorio, etc.
A Comisión Europea, co fin de desenvolver a ciencia en aberto, comunicou que dende xaneiro de 2017, tódolos proxectos financiados con Horizonte 2020 (H2020) deberán garantir o acceso aberto aos datos de investigación, salvo excepcións xustificadas (motivos de confidencialidade, explotación industrial, etc.). Ademais, os proxectos participantes en H2020 terán que:

- Entregar un Plan de Xestión de Datos (Data Management Plan-DMP) durante os 6 primeiros meses de vida do proxecto, que debe de ser actualizado durante todo o proceso: trátase dun documento no que se describe que se vai facer cos datos durante e despois de finalizar a investigación. O Plan incluirá unha relación dos datos que se ofrecerán en aberto, cunha descrición detallada dos mesmos, como se van a compartir ou poñer en aberto, e como se van a conservar e preservar, indicando o nome e tipo de repositorio onde se depositarán.
O Digital Curation Center (DCC), proporciona esta lista de verificación para un plan de xestión de datos que presenta os principais temas e preguntas que o investigador necesita responder para cubrir o Plan. Existen ferramentas gratuítas para elaborar dito Plan, entre elas:
  • PGDonline: adaptación e tradución ao español polo Consorcio Madroño da ferramenta DMPonline. Serve como plantilla para elaborar o Plan de Xestión de Datos seguindo os requisitos de H2020.

- Depositar os datos en aberto nun repositorio: os datos de investigación débense depositar nun repositorio que garanta tanto a recuperación e acceso aos datos, como a preservación a longo prazo. Existen diferentes tipos de repositorios:
  • Repositorios temáticos: inclúen datos de investigación dunha disciplina específica. Un exemplo é Dryad, que contén datos referidos a publicacións de ciencias e medicina. Este tipo de repositorios pódense localizar a través do directorio Re3data, que conta cun listado temático de repositorios de datos. 
  • Repositorios multidisciplinares: destacamos Zenodo, repositorio internacional de datos de investigación, financiado polo proxecto  OpenAIRE e recomendado para os proxectos europeos.
  • Repositorios institucionais: o repositorio institucional da UDC, o RUC, permite que os investigadores da UDC poidan depositar os datos de investigación.

Finalizamos este post recomendándovos unha serie de recursos relacionados de interese:

viernes, 18 de octubre de 2019

Semana Internacional do Acceso Aberto 2019


A vindeira semana celébrase en todo o mundo a Semana Internacional do Acceso Aberto (International Open Access Week), unha iniciativa anual para promover o acceso aberto no mundo académico e da investigación. O lema deste ano é “¿Abierto para quién? Equidad en el conocimiento abierto”, no que se tratará, segundo palabras de Nick Shockey, de responder a preguntas como: ¿Os intereses de quen se está priorizando na infraestrutura que apoiamos?, ¿Apoiamos non só o acceso aberto senón tamén a participación equitativa na comunicación de investigación?, etc.

Como en cada edición, a Rede de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) difunde de maneira conxunta as actividades realizadas dende as diferentes universidades españolas e o CSIC neste portal. Ademais, este ano Crue-REBIUN colabora nun curso en liña gratuíto sobre ciencia aberta por Twitter, que é coordinado pola UOC e que conta co apoio para a elaboración dos contidos de varias universidades españolas. Consiste nun microMOOC que tratará cuestións ligadas aos conceptos e as nocións básicas da ciencia aberta. Cada día, do 21 ao 25 de outubro, dende a conta de Twitter @moocmicro poñerase o énfase nun aspecto diferente, dende a xestión e preservación dos datos ata a investigación e innovación responsables, pasando polas novas formas de avaliar a investigación. Co hashtag #CienciaAbiertaMOOC19 tamén poderedes seguir todos os contidos.

Tamén destacamos o portal internacional Open Access Week, creado pola SPARC, que entre outros moitos recursos inclúe un buscador dos eventos que teñen lugar en todo o mundo ao longo desta semana. O hashtag oficial de Twitter para a semana é #OAWeek, e dende SPARC animan aos que teñan discusións sobre o tema deste ano usar o hashtag #OpenForWhom.

Para rematar, lembrámosvos que na páxina web da Biblioteca da UDC ofrecemos información xeral sobre o acceso aberto, así como este amplo apartado de recursos relacionados con este movemento: repositorios de documentos, revistas e libros en acceso aberto ou datos abertos, entre outros. Ademais incluímos esta completa INFOguía con información sobre os dereitos de autor no acceso aberto, os descontos para os autores da UDC nas tarifas de publicación de artigos en aberto, etc.