viernes, 9 de abril de 2021

Open Research Europe: a nova plataforma de ciencia aberta da Comisión Europea

Hai unhas semanas lanzouse oficialmente Open Research Europe, a plataforma de ciencia aberta da Comisión Europea xestionada por F1000 que presentará os resultados das investigacións financiadas por Horizonte Europa, o programa de investigación e innovación da Unión Europea para 2021-2027, e polo seu predecesor, Horizonte 2020.

A plataforma facilita aos beneficiarios destes programas o cumprimento dos termos de acceso aberto do seu financiamento e ofrece ao persoal investigador un lugar de publicación para compartir os seus resultados rapidamente e facilitar un debate de investigación aberto e construtivo.

Trátase dun servizo opcional para que poidan cumprir o requisito de ofrecer de forma inmediata un acceso aberto ás súas investigacións sen que lles supoña ningún custo. Na actualidade xa conta con 40 documentos científicos de diversos campos de investigación que se atopan a disposición da comunidade científica para a súa consulta e revisión.

Para explicar o proceso de publicación, é moi ilustrativa esta imaxe que ofreccen na propia plataforma e que esmiuzaremos a continuación:


  • Envío de artigos: realízase a través dun sistema de presentación dunha soa páxina. O equipo editorial interno leva a cabo unha serie de controis previos á publicación para garantir que se cumpran todas as políticas e pautas éticas.
  • Publicación e depósito de datos: unha vez que o artigo pasou as verificacións de prepublicación, a versión preprint publícase dentro dos 10 días seguintes, o que permite a súa visualización e citación inmediatas.
  • Revisión de artigos: os revisores expertos son seleccionados e invitados, e as súas revisións e nomes publícanse xunto co artigo, as respostas dos autores e os comentarios dos usuarios rexistrados, facilitando así o diálogo aberto.
  • Envío a indexadores e repositorios: os artigos que pasan a revisión por pares envíanse ás principais bases de datos e repositorios de indexación.

Tal e como pode observarse, algunhas das características destacadas de Open Research Europe son o acceso aberto inmediato, como así esixe Horizonte Europa, así como o envío automático a un repositorio de uso xeral (mentres que Horizonte 2020 permitía reter os documentos entre 6 e 12 meses). A plataforma tamén mostrará métricas a nivel de artigo para coñecer o impacto de cada traballo.

Ademais, Open Research Europe require o depósito dos datos de investigación asociados cos artigos en repositorios certificados, aliñados cos principios FAIR e preferiblemente baixo licenzas CC BY ou CC0. Nesta páxina pódense atopar as directrices sobre este tema.

En definitiva, con este novo portal a Comisión Europea apoia as prácticas relacionadas coa ciencia aberta e promove a transparencia no proceso de publicación.

Máis información:

No hay comentarios: