viernes, 16 de abril de 2021

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) na Universidade da Coruña


En 2015, todos os Estados Membros das Nacións Unidas aprobaron 17 Obxectivos como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, na cal se establece un plan para alcanzar os Obxectivos en 15 anos, é dicir, en 2030. Estes obxectivos incorporan desafíos globais aos que nos enfrontamos día a día en diferentes ámbitos, como a pobreza, a desigualdade, o clima, a degradación ambiental, etc.

A Universidade da Coruña, xunto coas outras universidades galegas, asinou en novembro de 2019 un compromiso público cos ODS fixados na Axenda 2030. Así, diversos centros da UDC como a Oficina de Cooperación y Voluntariado (OCV) (que recolle neste espazo web as accións desenvolvidas) ou a Oficina de Medio Ambiente (OMA), entre outros, traballan con vehemencia neste tema. A OCV tamén promoveu o ano pasado o I Premio UDC a TFG e TFM en cooperación ao desenvolvemento, para estudantado da UDC que presentou o TFM ou TFG en temáticas relacionadas coa cooperación e a educación para o desenvolvemento, así como coa Axenda 2030 e os ODS.

Con anterioridade a este compromiso público, pódese sinalar que xa en 2018 a UDC lanzou o Campus da Sustentabilidade, que impulsa a excelencia no coñecemento para a transición a estilos de vida sustentables que protexan os recursos naturais, freen o cambio climático e promovan o benestar. Ademais, a universidade xa traballaba neste ámbito grazas á incorporación de varios dos seus centros ao programa internacional Green Campus. Grazas a este compromiso, a UDC sitúase na posición número 5 a nivel de España e na 65 a nivel internacional segundo o ranking GreenMetric, cuxo obxectivo é proporcionar unha clasificación atendendo ás políticas relacionadas co medio ambiente (loita contra o cambio climático mundial, conservación da enerxía e a auga, reciclaxe de residuos…) nas universidades de todo o mundo.

No que respecta ás bibliotecas, a IFLA impulsou que se recoñecesen como institucións fundamentais para lograr estes obxectivos, pois o acceso á información foi recoñecido no Obxectivo 16. A cultura e as TIC tamén foron incluídas nos ODS, ao igual que a alfabetización universal, que é recoñecida na visión da Axenda 2030. No documento “Acceso y oportunidades para todos: cómo contribuyen las bibliotecas a la Agenda 2030 de las Naciones Unidas” pódense consultar diversas accións levadas a cabo por bibliotecas a nivel internacional para contribuír ao logro de cada un dos Obxectivos.

En España, nas conclusións da XXVI Asamblea Anual de REBIUN, no punto 5, establécese que REBIUN promoverá la difusión de la Agenda 2030 y, dentro de su ámbito de acción, emprenderá acciones encaminadas a favorecer el logro de los objetivos y metas de desarrollo sostenible”. Pola súa banda, o Consejo de Cooperación Bibliotecaria creou o grupo de traballo “Bibliotecas y Agenda 2030” para traballar no papel das bibliotecas como aliadas para a consecución dos obxectivos do desenvolvemento sostible. 

En canto ao Servizo de Biblioteca da UDC, na actualidade está a traballar para contribuír a un mundo máis sostible e xusto, que se irá facendo visible nos seus centros e na súa páxina web con diversas iniciativas, entre elas, a elaboración dunha guía para contribuír á difusión dos ODS e crear unha maior concienciación entre a comunidade universitaria sobre a importancia dos mesmos.

Para finalizar, deixámosvos esta ligazón aos fondos sobre desenvolvemento sostible no catálogo da Biblioteca de UDC.


No hay comentarios: