Mostrando entradas con la etiqueta LGTBI. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta LGTBI. Mostrar todas las entradas

viernes, 28 de junio de 2024

Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

O 28 de Xuño celebrase o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ para reivindicar a dignidade das persoas que pertencen a este colectivo e o dereito a non ser discriminados nin pola sociedade nin polas leis.

Aínda que hoxe en día estas celebracións teñen un carácter bastante lúdico, na súa orixe non o eran. A data elixida, foi na que tiveron lugar violentos enfrontamentos entre a policía e membros da comunidade LGTBIQ+  acontecidos  en Stonewall Inn, Nova York, en 1969. Ese 28 de Xuño foi o comezo da loita polos dereitos do colectivo en todo o mundo, e un ano despois, no 1970 celebrouse por primeira vez o Día do Orgullo.



En España a primeira manifestación tivo lugar na transición, o 26 de Xuño de 1977 en Barcelona. Unha manifestación a que acudiron milleiros de persoas, do colectivo LGTBIG+ pero tamén familiares, representantes sindicais e políticos, a pesares de que aínda estaba vixente a lei sobre peligrosidade e rehabilitación social, que represaliaba tantos os actos como as asociacións ou expresións que supuxeran unha orientación sexual ou de xénero diferente. Unha manifestación que non apareceu na televisión e que acabou en graves disturbios. Un ano despois, o 25 de xuño de 1978 o Frente de Liberación Homosexual de Castilla organizou a primeira marcha do orgullo en Madrid, onde continuou celebrándose, agás no 1980 e no 2020. Nos 90 comezou a ter un carácter máis festivo e a súa sona non deixou de medrar polo que no 2016 o Concello de Madrid declarou a Festa do Orgullo de Madrid (MADO) como Festa de interese xeral.

A primeira celebración do día do orgullo en Galicia tivo lugar en 1981 en Vigo, convocada pola Coordinadora de Colectivos Gais de Galicia (CCGG), coa asistencia dunhas cincocentas persoas, segundo recolleu a prensa, e co apoio de asociacións feministas e de partidos políticos. Pero previamente na Coruña xa tiveran lugar actos en defensa dos dereitos do colectivo, como os que se levaron a cabo en protesta pola expulsión de dous mozos homosexuais na cafetería Manhattan Plaza. A Coruña foi tamén onde se fundou a primeira asociación LGTBI galega a finais dos anos 80, Milhomes, e quizais por iso A Coruña é unha das cidades españolas nas que esta data se vive con maior intensidade. Unha data que se celebra na cidade dende principios do século XX e que deu orixe a un gran festival de música e doutras actividades culturais para celebrar e visibilizar a diversidade sexual e de xénero, o ATLANTIC PRIDE. Un festival que enche de música e cor a cidade dende o 2018 grazas a colaboración entre a asociación Orgullo Coruña (ORCO) e o Concello da Coruña.



Este ano o ATLANTIC PRIDE contará coas actuacións estelares de Nebulosa, Chanel e Rosa López na semana do 7 o 14 de Xullo, pero na cidade celebrase xa eventos culturais e lúdicos durante o mes da man do Concello e de  ALAS Coruña.

A Universidade da Coruña, pola súa banda, ten un fondo compromiso coa diversidade afectiva e de xénero, feito que se reflicte tanto na participación na Rede de Universidades pola Diversidade (RUD) e a firma do seu Manifesto polo día Internacional do Orgullo, e a súa Declaración contra a LGTBIfobiacoma na creación da Unidade de atención a comunidade LGTBIQ+,  dentro de Unidade de Atención a Diversidade (ADI) así como de normativas, protocolos e códigos de conducta.


A Unidade de atención a comunidade LGTBIQ+  ten varias líneas de traballo entre as que destacan: velar polos dereitos de toda a comunidade universitaria e de xeito especial polos das persoas deste colectivo; dar formación, visibilizar e fomentar a investigación sobre as realidades LGTBIQ+ e apoiar e acompañar as persoas do colectivo nas diferentes situacións que estean vivindo, e de xeito especial a aquelas que sofren algun tipo de discriminación, violencia ou as que están a vivir un proceso de cambio de nome e xénero.


As bibliotecas e os bibliotecarios, temos a labor social de ofrecer información e coñecemento libre de censuras e prexuízos, que sirva para construír sociedades máis abertas, tolerantes e diversas. Estes principios recoñecidos tanto a nivel internacional como nacional por asociacións profesionais como IFLA ou SEDIC fundamentan, tanto a inclusión de materiais nas coleccións xerais como a creación de coleccións ou servizos especiais para o colectivo LGTBIGQ+,  como por exemplo o fondo especial do Consello da Cultura Galega, as guías de bibliografía As bibliotecas entenden ou o clube de lectura QUEERUÑA, das Bibliotecas municipais da Coruña.


A Biblioteca da Universidade da Coruña conta tamén cun amplo fondo especializado para o colectivo LGTBIQ+ que cubre todas as áreas temáticas e en todo tipo de soportes, e elabora guías e seleccións de recursos sobre o tema. Por exemplo dende CRUNIA, a ferramenta de descubrimento que da acceso os recursos da biblioteca podes acceder a varias coleccións temáticas sobre o colectivo:

Aínda que en todas a bibliotecas contan con fondos sobre o tema, hai que facer unha mención especial á Biblioteca de Socioloxía e Ciencias da Educación, que ten varias guías en Pinterest de recursos sobre o tema. Son:
Tamén a editorial Sage ten unha colección en acceso aberto sobre temática LGTBIQ+
















viernes, 9 de julio de 2021

Fondos LGTBI no Servizo de Biblioteca da UDC


Imaxe: Biblioteca de Socioloxía e CC. da Comunicación da UDC


Comezamos esta publicación lembrando que a Universidade da Coruña, e por extensión o Servizo de Biblioteca, ten un firme compromiso coa diversidade afectiva, a identidade de xénero, a igualdade e a loita contra o odio e a intolerancia, tal e como se describe na Declaración do 17 de marzo Día Internacional contra a LGTBIfobia, que suscribiu xunto con outras universidades españolas.

No que respecta ás bibliotecas, temos un compromiso coa información, os dereitos culturais de todas as persoas, o respeto á diversidade e opoñémonos a calquera forma de censura, como así pon de manifesto a IFLA, portavoz a nivel mundial dos profesionais das bibliotecas. O labor social que se realiza desde as mesmas é moi importante: non só se trata de ofrecer información e coñecemento, senón de como facer que eses coñecementos e eses servizos sirvan á sociedade e a melloren para a construción dun mundo máis tolerante, máis igualitario e, en definitiva, máis humano.

Neste artigo de José Antonio Gómez Hernández e Javier Pérez Iglesias publicado en 2017 no Anuario ThinkEPI, conclúese que “Las comunidades LGTBI necesitan a las bibliotecas porque la mayor parte de sus problemas proceden de prejuicios muy arraigados, de falsas certezas que favorecen el odio y la LGTBIfobia. Eso quiere decir que la sociedad necesita, para superar esos prejuicios y esas fobias, una información veraz y desprejuiciada y nada mejor que una buena biblioteca en acción para lograrlo”. Así, é importante que desde as bibliotecas se visibilicen as diferentes opcións sexuais tanto para contribuír á súa normalización como para loitar contra a LGTBIfobia, ofrecendo a oportunidade de achegarse a esta temática ao público que, de antemán, poida ser reticente.

No que atinxe ao Servizo de Biblioteca da UDC, queremos salientar o amplo fondo sobre LGTBI que alberga a Biblioteca de Socioloxía e Ciencias da Comunicación, en gran parte debido á estreita relación das titulacións que se imparten nesta facultade con esta temática. Nos seus estantes pódense atopar todo tipo de libros, estudos, ensaios, análises sobre sexualidade, orientación sexual, xénero e identidade, historia do movemento, reivindicacións, así como películas que teñen este tema como protagonista.

Ademais, nos últimos anos vén realizando diversas mostras e exposicións coa finalidade de visibilizar a realidade deste colectivo. Un exemplo é a mostra bibliográfica O xénero en disputa, realizada o ano pasado con motivo da celebración do orgullo dos colectivos LGTBIQ e na que se reuniu bibliografía no seu perfil de Pinterest ao redor das cuestións da identidade de xénero e os estudos queer que están actualmente no foco da polémica.

Outra iniciativa que recentemente se realizou dende o Servizo de Biblioteca foi esta guía sobre feminismo, xénero e igualdade, máis centrada na igualdade de xénero, pero que tamén inclúe diferentes recursos sobre identidade sexual, LGTBI, etc.: fondos na biblioteca, traballos académicos, asociacións e institucións, etc.

Para finalizar, deixámosvos ligazóns a algúns termos de materia ou palabras clave que se poden utilizar para recuperar fondos sobre estas temáticas no catálogo da biblioteca:

Bisexualidad / Discriminación sexual / Diversidad sexual / Gay / Género / Homofobia / Homosexualidad / Identidad sexual / Intersexualidad / Lesbianismo / LGTB* / Orientación sexual / Queer / Teoría de Queer / Trans / Transexualismo / Transgénero

Ademais destes fondos, tamén destacamos que unha das últimas bases de datos subscritas pola biblioteca, PressReader, portal de novas que dá acceso a unha ampla selección de periódicos e revistas de múltiples materias e de ámbito mundial, inclúe unha categoría temática dedicada a LGBTQ con 13 publicacións.